Xuventude abre o prazo de inscrición para optar ás 429 prazas en campos de traballo que se ofertan este ano na campaña de verán

25 Abr 2012

O departamento autonómico enviará a campos doutras comunidades a 81 galegos e galegas e a 88 a países do estranxeiro

A Consellería de Traballo e Benestar acollerá este ano a 57 galegos e galegas, 87 mozos e mozas doutras comunidades e a 116 voluntarios doutros países

En Galicia celebraranse 7 campos de traballo distribuídos en 11 quendas nas localidades de Boqueixón, Rois, Melide, A Coruña, Ourense, Celanova e Vigo

A Comunidade autónoma é a terceira rexión que máis prazas oferta no estranxeiro

Os campos de traballo están dirixidos a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

As temáticas xirarán en torno á cultura, etnografía, medio ambiente, construción e restauración, dinamización social, eido social e a arqueoloxíaMoncayo

Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de abrir o prazo de inscrición para anotarse aos campos de traballo que este ano se celebrarán entre os meses de xullo e agosto. A Xunta ofertará un total de 260 prazas (57 para galegos e galegas; 87 para mozos e mozas doutras comunidades; e 116 para voluntarios doutros países, incluíndo 20 procedentes da emigración galega) en 7 campos distribuídos en 11 quendas.

Ademais, os mozos e mozas galegos poderán tamén optar a 81 prazas nos 41 campos do resto de España e a 88 prazas nos 63 campos do estranxeiro de 25 países: Alemaña, Armenia, Austria, Bélxica, Corea do Sur, Estados Unidos; Estonia, Francia, Grecia, Islandia, Italia, Kenia, Marrocos, México, Polonia, Reino Unido, República Checa, Rusia, Serbia, Taiwan, Togo, Turquía, Ucraína, Vietnam e Xapón. Polo tanto, ademais de ofertar 260 prazas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado xestionará 169 prazas máis, o que supoñen un total de 429 prazas.

Entre a oferta deste ano, que está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, destacan iniciativas culturais e etnográficas; ambientais; de construción e restauración; de dinamización social con temáticas relacionadas coa formación lingüística e co turismo; sociais; e arqueolóxicas.

As localidades galegas elixidas este ano para celebrar os 7 campos de traballo son Boqueixón, Rois, Melide e A Coruña (na provincia coruñesa); Ourense e Celanova (na provincia ourensá); e en Vigo (Pontevedra).

En outras comunidades autónomas terán lugar na Rioxa; Andalucía; Aragón; Asturias; Canarias; Cantabria; Castela A Mancha; Castela e León; Cataluña; Ceuta; Estremadura; Madrid; Melilla; País Vasco; e Valencia.

Con respecto ás prazas do estranxeiro, Galicia é a terceira comunidade cunha oferta máis ampla neste eido. Segundo destacou o Injuve, Galicia oferta 88 prazas, só superada por País Vasco (103) e Andalucía (102).

Os campos de traballo son actividades encamiñadas a fomentar a convivencia a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países. A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos ou culturais.

O desenvolvemento deste tipo de actividade é un exemplo de boas prácticas en materia de xuventude, xa que cumpre con dous dos principais eixes de actuación da Estratexia de Xuventude 2013, o fomento do voluntariado xuvenil e a mobilidade.

Inscricións
Os interesados en participar nos campos de traballo de Galicia poderán solicitar a súa praza ata tres días antes do inicio da actividade, sempre e cando existan vacantes; para acudir a outras comunidades autónomas poderán pedirse ata o 16 de maio, mentres existen prazas libres; e, por último, para os campos de traballo no estranxeiro a inscrición rematará o 11 de maio.

As inscricións faranse na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou a través dos teléfonos 981 544 838; 981 957 115; e 981 544 840. Tamén se poderá solicitar unha praza nos servizos de xuventude e voluntariado e oficinas locais das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.