'Un gol pola educación'

27 Mai 2010
feijoogolO titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presidiu o acto de adhesión do apoio do Goberno galego á Campaña Mundial: 'Un gol pola Educación'. Na súa intervención, quixo felicitar e agradecer a todos aqueles que fan posible esta iniciativa. "Gracias por facernos reflexionar sobre a existencia do mundo no seu conxunto e por facernos transcender da vida cotiá para saber que hai outras realidades e zonas de extraordinaria necesidade nas que, ademais de poder vivir, o que se pretende é saber ler e escribir".

Feijóo amosouse convencido "de que todos unidos podemos marcar un gol pola formación, pola educación e polo coñecemento. Marcar un gol pola educación é marcar un gol pola liberdade e polo benestar; un gol pola educación significa gañar á inxustiza, gañar á desigualdade e gañar á insolidariedade".

O mandatario galego lembrou que, baixo o obxectivo dunha Educación para todos, o Goberno galego está a levar a cabo varias iniciativas entre as que destacou numerosos proxectos de educación en 10 países de América latina e de África; e comprometeuse, amais, a que "todo o que a Xunta faga en cooperación priorizalo na educación e na saúde".

Para o titular do Executivo galego, as cifras son concluíntes e falan por si soas: 72 millóns de nenos e nenas sen escolarizar; máis dun terzo de escolares abandonan o colexio antes de acabar o ciclo de primaria; e 800 millóns de adultos non saben ler ou escribir.

Diante deste panorama, afirmou que "os datos esíxennos máis e actuar xuntos" e animou á toda a sociedade a que subscriba este compromiso "para que calquera rapaz, en calquera parte do planeta, poida acceder a unha educación de calidade; e para que poida ser médico, enxeñeiro, futbolista, profesor ...".

Segundo Feijóo todos podemos contribuír a cambiar esta realidade desde unha postura decidida e comprometida. "En tempos de crise e de escaseza sempre hai un euro que sobra, un café que non é necesario, algún xoguete, algunha chamada ou mensaxe innecesarias; en tempos de escaseza todos temos que priorizar e o investimento en educación é unha prioridade non só política senón persoal e social".

Por último, o titular da Xunta lembrou que a educación é a palanca da liberdade "xa que non existe -subliñou- a posibilidade de elixir sen saber o que un elixe". "Non existe a liberdade plena sen unha formación e educación plena", concluíu.