Universidades de todo o mundo difunden a lingua e a cultura galegas a través de diversas actividades

09 Mai 2010
Máis de corenta universidades de todo o mundo impulsan a proxección exterior da lingua e da cultura galegas a través dos centros de estudos galegos. É o caso do Centro de Estudos Galegos da Universitat de Barcelona, que estes días se sumará á celebración do Día das Letras Galegas cunha exposición bibliográfica sobre o autor homenaxeado neste ano 2010. A mostra, titulada Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia, pode verse dende hoxe ata o día 21 na Biblioteca General desta universidade.

Esta semana, a cidade de Bos Aires tamén reivindicou a importancia das linguas no mundo a través das Xornadas sobre Diversidade Lingüística e Diálogo Intercultural, organizadas na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade, coa colaboración da Cátedra de Estudos Galegos. Mentres, o Centro de Estudos Galegos de Lisboa promoveu a mostra de documentais Olhares da fronteira, que ofreceu diferentes visións sobre a fronteira entre Galicia e Portugal a través dos traballos Galegos de cá e lá e Mulleres da raia.

O cine en galego viaxa ata Romanía
O audiovisual en galego tamén será o protagonista noutra universidade que non se atopa na rede de centros de estudos galegos. Trátase do caso de Vest, en Romanía. Por primeira vez, esta universidade organiza _entre mañá e o martes_ un ciclo de cinema no que estará presente, xunto co portugués e mais co brasileiro, o audiovisual galego e en galego. Será a través do filme O lapis do carpinteiro, baseado na obra homónima do escritor Manuel Rivas.

A proxección internacional da lingua e da cultura galegas
Os centros de estudos galegos desenvolven un amplo e variado programa de actividades no que, ademais do piar fundamental que constitúe o labor docente, teñen cabida diversas actividades, como conferencias, recitais, ciclos de cinema e de banda deseñada ou iniciativas para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Co seu labor diario, os centros de estudos galegos facilitan a proxección internacional e o coñecemento da lingua e da cultura galegas entre o público universitario, mais as súas iniciativas tamén chegan á cidadanía en xeral.