'Vou Trío' gañou o 'Certame Folk Radio Obradoiro'

25 Xan 2010
O grupo compostelán integrado por acordeón, saxo e batería fixo un folk distintivo que levou ó xurado a darlle o premio de 1.500 euros en metálico. Enorme nivel musical nesta gala da décima edición que se celebrou o pasado venres pola noite nun Teatro Principal ateigado de público. O concurso foi organizado conxuntamente polo Grupo Correo Gallego e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo de Benestar.

Tras unha votación enormemenre reñida tal e como é habitual, o grupo compostelán Vou Trío, de Santiago alzouse no Teatro Principal de Santiago coa vitoria na gala final do X Certame Folk Radio Obradoiro, que lles deu un premio en metálico de 1.500 euros, no concurso organizado conxuntamente polo Grupo Correo Gallego e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo de Benestar.

Ante un aforo ateigado de público, o acto foi conducido por Paulo Gacio -director e presentador do programa radiofónico En clave de folk, da emisora compostelá- e Sandra Romero, os vencedores interpretaron tres temas basados nunha nova concepción do folk e obtiveron o fallo favorable do xurado que estivo integrado polo crítico musical Óscar Losada; Patricia Hermida, da productora Maré; Ramón Feáns, integrante de Ophiusa; Roi Casal, antigo arpista de Milladoiro e Patricia López, membro de Coanhadeira, gañador da pasada edición.

Como é habitual, a final estivo moi reñida pola enorme calidade dos catro grupos seleccionados, que fixeron gala dun directo distinto Atamais, de Verín; cunha fusión de outras musicas; Keympa, de Barcelona; cunha posta en escea extraordinaria que levantou moitísimos aplausos entre o público; a Patriband Folk Orllestra de Asturias, que tamén aportou o seu concepto do folk e, por suposto os Vou Trío de Santiago cun inusual terceto de acordeón, batería e saxo que reventaron o Teatro Principal cos aplausos. Máis que en ningunha outra ocasión, o certame abriuse a fora de Galicia o que, dalgún xeito, mostra a súa definitiva consolidación como referencia do folk no noroeste peninsular.

Neste sentido, Paulo Gacio, un dos principais artífices dixo que este certame que chega a súa décima edición, responde a un proxecto que se marcou como obxectivo hai unha década apostar pola música de raíz.

Gacio agradeceu, en nome da organización os apoios que recibeo o certame nesta edición. Cito, neste sentido, á Dirección Xeral de Difusión da Cultura, o Concello de Santiago, a xa citada Dirección xeral de Xuventude, coorganizadora do certame, e firmas comerciais como Estrella Galicia, Amboa Cerámica ou Pazo Valdoviño, entre outros.


TELEVISADA
A gala, o luns íntegra en Correo TV
O certame naceu do programa En clave de folk que se sigue a emitir máis dunha década despois da mán de Paulo Gacio. A gala de onte tal como ven sendo habitual nas últimas edicións será emitido verse o luns por Correo TV, a cadea do Grupo Correo Gallego que onte gravou íntegro o concurso musical, nun programa especial con entrevistas ós grupos e que recollerá todas as actuacións e o momento das votacións.