A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca a iniciativa “Intercambios profesionais Galicia Norte de Portugal”, un programa multidisciplinar de estancias creativas na area metropolitana de O Porto (Portugal) que ten por finalidade apoiar a formación da xuventude mediante a mellora da súa empregabilidade e promocionar e estimular a empregabilidade, o emprendemento e o autoemprego nos mozos e mozas galegos e portugueses dentro dos parámetros da innovación.
Esta iniciativa permitirá que os mozos e mozas complementan a competencia profesional e persoal, incrementando así as súas posibilidades de inserción laboral, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa noutro país como parte do currículo.
OBXECTIVOS
- Apoiar á mocidade na adquisición de coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e profesional.
- Crear sinerxias entre mozos e mozas de Galicia e empresas de Portugal co fin de que xurdan novas oportunidades.
- Axudar ao desenvolvemento dos proxectos empresariais dos mozos e mozas galegos, ou preparar aos mozos e mozas galegos á hora comezar un novo proxecto a través das novas tecnoloxías aplicadas a varios sectores
- Fomentar ideas innovadoras da xuventude a través da creatividade.
-Promocionar e estimular o espírito emprendendor da xuventude a través de novos métodos de aprendizaxe baseados en “aprender facendo”.
ACTIVIDADES: prácticas formativas non retribuídas en empresas de Portugal (area metropolitana do Porto) e actividades complementarias.
DESTINATARIOS: mozos e mozas galegos/as e portugueses con idades comprendidas entre 18 e 30 anos.
Estes destinatarios poden aportar a súa propia empresa de realización da práctica creativa. De non ser así, asignarase unha empresa adaptada ao perfil da persoa solicitante e segundo os criterios solicitados polas empresas colaboradoras no proxecto.
NÚMERO DE PRAZAS: 12
DURACIÓN DAS PRÁCTICAS: 6 días
TEMPORIZACIÓN DOS INTERCAMBIOS: do 2 ao 7 de decembro de 2018.
Incorporación á actividade: 2 de decembro. Horario:
- 17:00 horas dende Santiago, no caso de que a persoa participante faga uso do transporte que ofrece a organización dende esta localidade.
- 20:00 horas (hora local) no lugar da area metropolitana de O Porto que se indicará, no caso de que esta persoa participante se desprace polos seus propios medios de transporte ata o punto indicado.
Finalización da actividade: 7 de decembro. Saída da area metropolitana de O Porto ás 16:00 horas (hora local).
TRANSPORTE: A organización ofrecerá ás persoas participantes transporte (ida e volta) dende Santiago de Compostela ata a area metropolitana de O Porto os días 2 e 7 de decembro ás horas indicadas no parágrafo anterior.
A organización faise cargo do transporte local durante os días de desenvolvemento da actividade.
No caso de que o/a mozo/a faga uso do seu vehículo propio para chegar ao punto de encontro na area metropolitana de O Porto, durante o período de desenvolvemento da actividade (20:00 horas do 2 de decembro ata as 16:00 horas do 7 de decembro) non se poderá facer uso deste vehículo, salvo causa de forza maior debidamente xustificada.
AMBITO XEOGRÁFICO: area metropolitana do Porto (Portugal).
SECTORES: Os sectores nos que poderán desenvolver as súas prácticas serán:
- Moda
- Novas tecnoloxías: app’s, informática, internet das cousas
- Audiovisual
- Servizos á xuventude
- Atención á diversidade
No caso de que un participante teña xa unha empresa de referencia ten que facelo constar na inscrición. De darse o caso de que esa empresa non corresponde a ningún dos sectores indicados polo/a mozo/a, este poderá participar no programa previa entrevista persoal. A non presentación a referida entrevista implica a perda do dereito a participar no programa.
A organización intentará axustar a asignación de empresa a cada participante segundo os criterios solicitados polas empresas colaboradoras no programa.
A organización non se responsabiliza das expectativas persoais dos participantes en relación á asignación das empresas. Estas empresas colaboradoras no programa son representativas dos sectores de referencia pero cada unha delas conta coas súas propias peculiaridades.
COBERTURA
- Empresa adaptada ao perfil da persoa solicitante e segundo os criterios solicitados polas empresas colaboradoras no proxecto, no caso de que o/a mozo/a non conte con empresa na area metropolitana de O Porto.
- Actividades complementarias.
- Aloxamento e manutención.
- Transporte de ida e volta dende Santiago de Compostela ata a area metropolitana de O Porto.
- Transporte local.
- Titorización e seguimento individualizado.
- Seguro de accidentes e responsabilidade civil
- Diploma acreditativo da práctica realizada.
* Será por conta da persoa seleccionada o desprazamento dende o seu domicilio ata Santiago de Compostela.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 7 ao 20 de novembro de 2018.
INSCRICIÓN: mediante envío de formulario electrónico.
SELECCIÓN:
Criterios:
1) Rigorosa orde de inscrición.
2) Entrevista persoal.
Preselección:
As 12 primeiras persoas solicitantes que cumpran os requisitos esixidos nesta convocatoria, serán convocados mediante correo electrónico a unha entrevista persoal aos efectos de asignación de empresa de prácticas o mais adaptada posible ao seu perfil e segundo os criterios solicitados polas empresas colaboradoras no proxecto.
A entrevista persoal poderá ser: presencial ou por “skype”.
Selección:
Serán seleccionadas as persoas solicitantes cuxo perfil se adapte aos criterios solicitados polas empresas colaboradoras no proxecto.
Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. De non recibir comunicación nos catro días seguintes á finalización do prazo de inscrición, entenderase que non obtivo praza.
OBRIGAS DERIVADAS DA PARTICIPACIÓN:
A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das súas bases e das resolucións que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado oportunamente tome para o seu desenvolvemento, así como a normativa que a mesma desenvolva para o programa.
PERDA DO DEREITO Á PARTICIPACIÓN: Non asistencia á entrevista persoal previa á asignación de empresa.
CUMPRIMENTO DA NORMATIVA DE PROTECCIÓN DE DATOS
Os datos persoais recadados neste programa serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste programa.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comprométese ao cumprimento da súa obriga de segredo dos datos de carácter persoal e adoptará todas as medidas técnicas e de seguridade para asegurar a confidencialidade dos devanditos datos, así como evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado, habida conta, en todo momento, do estado da tecnoloxía.
PROXECTO LIDERA
Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP), un proxecto que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha cofinanciación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Dentro do proxecto Lidera, esta acción formativa forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
MÁIS INFORMACIÓN: subactividades-xuventude.ctb@xunta.gal