Un total de 14 equipos de 11 centros de ensino galegos compiten na semifinal de Parlamento Xove

25 Feb 2012
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, deu hoxe a benvida aos participantes da mesma
  • O tema de debate proposto para a semifinal é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual
  • Unha das novidades desta edición foi a incorporación dunha nova fase de formación para os equipos inscritos, que se desenvolveu na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo
  • Así mesmo, este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO durante o mes de abril

PARLAMENTO_XOVEUn total de 14 equipos de 11 centros de ensino de toda Galicia participaron hoxe na Deputación da Coruña na segunda semifinal de Parlamento Xove, un proxecto da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, deu hoxe a benvida aos participantes da mesma e destacou a importancia da cooperación e a colaboración co obxectivo de crecer no respecto e a convivencia.

Trátase dunha competición entre centros de ensino da comunidade autónoma, na que os participantes de cada equipo (formados por catro alumnos e un profesor) investigan, escriben e, finalmente, debaten sobre o tema proposto pola organización. Inclúese tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.

Beatriz Mato expuxo que os debates non son unha confrontación, senón que “o verdadeiro debate afonda na busca de puntos en común” e que o útil e produtivo “é aquel que axuda a tender pontes polas que podamos avanzar todos xuntos” e cando se utilizan ferramentas como “o diálogo, a tolerancia e o consenso”.

Nesta segunda xornada preliminar participaron un total de 14 equipos de 11 centros de ensino de toda Galicia: o IES Valle Inclán, de Pontevedra, o Colexio Internacional Sek-Atlántico, de Poio; o IES Ames; o IES Plurilingue Rosalía de Castro, de Santiago; o Centro Educativo Galen, de Lugo; o IES Becerreá; o IES Leiras Pulpeiro de Lugo; o IES Sanxillao,de Lugo; e con dous equipos o IES A Sangriña, da Guarda; o IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo e o IES Mugardos.

O tema de debate proposto para as xornadas preliminares desta edición do Parlamento Xove é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual e a reflexión que se busca é se esa mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista.

A primeira xornada preliminar tivo lugar tamén na Deputación da Coruña o pasado 11 de febreiro, na que dos 14 equipos que participaron, pasaron á final o IES A Pingüela de Monforte de Lemos; o IES Fene; La Salle de Santiago e o IES Laxeiro de Lalín.

Dos 28 equipos que participan nestas dúas xornadas preliminares, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 17 de marzo no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización o luns 27 de febreiro na web ‘www.xuventude.net’

Fase de formación
Unha das novidades desta edición de Parlamento Xove foi a incorporación dunha nova fase de formación para os equipos inscritos, que se desenvolveron en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Neste curso os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.

Así mesmo, este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO durante o mes de abril. En anos anteriores, os alumnos de ESO participaban xunto cos de bacharelato, pero as diferentes idades traían consigo diferenzas moi importantes na competición, polo que este ano tense decidido realizar unha competición paralela para estas idades.