A Xunta de Galicia crea o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero
Fins
Os fins do Observatorio son a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e contribución ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero co obxecto de identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos seus dereitos e o seu cumprimento. Así mesmo, servirá de foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo que teña como obxecto a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
Funcións
Para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:
a) Analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGBTI.
b) Realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas para a garantía dos dereitos das persoas LGBTI na Comunidade Autónoma de Galicia e coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, así como recibir información sobre os plans, os programas e as actuacións, en relación coas materias da súa competencia.
c) Promover a realización de campañas de sensibilización e visibilización sobre a diversidade sexual e identidade de xénero.
d) Manter comunicación permanente coas instancias públicas e privadas pertinentes para a materialización dos dereitos das persoas LGBTI.
e) Propoñer a realización de investigacións e estudos específicos que resulten de interese para o coñecemento da situación das persoas LGTBI na Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións.
g) Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dereitos das persoas LGTBI, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como no do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.
h) Realizar un seguimento da evolución dos dereitos e da inclusión social das persoas LGTBI.
i) Promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
j) Emitir cantos informes lle sexan solicitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas súas entidades instrumentais, sobre as materias da súa competencia.
k) Actuar como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
l) Aprobar, facultativamente, o seu regulamento de funcionamento interno.
m) Presentar propostas que promovan a transversalidade do enfoque dos dereitos das persoas LGTBI na formulación, posta en marcha, seguimento e avaliación das políticas públicas sectoriais.
n) Propoñer e participar na elaboración de criterios, directrices e liñas xerais de actuación, así como propoñer ao Consello da Xunta de Galicia, a través da consellaría competente por razón da materia, a adopción de iniciativas lexislativas ou de actuacións concretas que consideren convenientes nas materias da súa competencia.
ñ) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coas anteriores funcións, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.
Poderán solicitar a designación como entidades con representación no Observatorio a través das vogalías:
a) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos LGTBI legalmente constituídos que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero e que desenvolvan a súa actividade en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos legalmente constituídos que, aínda non tendo entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero, presenten unha memoria de actividades en que se reflicta de xeito inequívoco a realización de accións neste ámbito, co obxecto de garantir que entre os seus obxectivos está a defensa dos dereitos das persoas LGTBI, e que desenvolvan a súa actividade en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A solicitude farase a través de https://sede.xunta.gal co procedemnto SI900A
Máis información no DOG do 22 de outubro de 2018