A Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

14 Xun 2018

O Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña está a elaborar a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.

A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).

Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.​​

O Instituto de Estudos do Territorio abre un PROCESO DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA para a elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.
A participación faise a través dun cuestionario aberto a calquera asociación, empresa, persoa a título particular, etc., que teñan interese en ser parte da elaboración desta Estratexia (recoméndase acceder a este cuestionario a través dun ordenador): https://emapic.es/estratexiaverde