- O Instituto Galego do Consumo e da Competencia imparte un curso sobre consumo e xénero destinado ao persoal que traballa nos distintos servizos de información xuvenil
- O curso, cunha duración total de 20 horas, impártese na modalidade de teleformación pola Escola Galega do Consumo e da Competencia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colaboran para impartir un curso de formación específico sobre consumo e xénero dirixido ao persoal de información xuvenil que traballa nos distintos servizos autonómicos, municipais e doutras entidades de iniciativa social.
O curso, cunha duración total de 20 horas, impártese na modalidade de teleformación para facilitar a participación con independencia da localización do posto de traballo e consta dun total de 5 módulos, que se desenvolverán desde o 27 de outubro de 2017 ata o 1 de decembro de 2017.
O obxectivo principal do curso é promover a reflexión en torno ao consumo e o xénero, filtrado polo papel crucial da educación. Para acadar este obxectivo ao longo do curso reflexionarase sobre a relación entre o consumo e o xénero como elementos de desigualdade social, cuestionando os estereotipos de xénero asociados ao consumo e analizando os roles de homes e mulleres neste ámbito. Ademais, proporcionaranse as ferramentas necesarias para introducir a perspectiva, tanto de consumo responsable como de xénero, nas dinámicas de cada posto de traballo, contribuíndo deste xeito a unha mellora da atención prestada á xuventude.
A realización do curso ven motivada pola necesidade de complementar a formación dos técnicos e técnicas que traballan no ámbito da mocidade, que está en constante cambio e actualización. Ante esta realidade é necesario ofrecer unha formación actualizada, polo que os departamentos de xuventude e de consumo establecen sinerxías de traballo para facilitarlle aos asistentes as ferramentas que lles permitan coñecer a relación indisociable entre o consumo e o xénero. O curso incide na necesidade de afrontar este tema de xeito transversal, garantindo unha visión de conxunto, onde se traballe o consumo e o xénero de forma interrelacionada.