A Xunta de Galicia lanza en redes sociais a campaña ‘Like pola diversidade’ en favor do respecto ao colectivo LGTBI

18 Mai 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou a iniciativa no IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña)

A iniciativa consistirá na escrita de posts en favor da diversidade sexual durante a semana do 16 ao 21 de maio

Está promovida polo servizo Quérote +, e conmemora o Día internacional contra a homofobia e a transfobia e o Día mundial de internet

A Xunta de Galicia lanza en redes sociais a campaña Like pola diversidade, con motivo da conmemoración mañá mércores do Día internacional contra a homofobia e a transfobia e do Día mundial de internet.

A campaña, presentada hoxe no IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña) pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, busca “pór en valor unha canle como internet, que é un espazo de comunicación e interacción social que ten un gran impacto na sociedade, e no que debemos contribuír a difundir contidos que promovan o respecto á diversidade e a fagan visible”, explicou.

A iniciativa consistirá na escrita de posts en favor da diversidade sexual durante a semana do 16 ao 21 de maio. O servizo Quérote+ lanzará as mensaxes e traballará cos centros educativos para que o equipo docente e o alumnado se convertan nun axente activo na súa difusión.

Cecilia Vázquez subliñou que estas mensaxes promocionarán o respecto, a tolerancia e o valor da diversidade sexual, “enfrontando polo tanto, as mensaxes discriminatorias, de odio e de rexeitamento existentes na rede”. A homofobia e a transfobia son un problema social que se manifesta en diferentes esferas e internet é unha delas, “por iso é importante que fagamos público tamén nese ámbito o noso rexeitamento cara as ideas intolerantes e irrespectuosas”, engadiu a directora xeral.

Servizo de atención ao colectivo LGTBI

Ademais desta campaña en redes sociais, Quérote+ participará o día 17 no relatorio Realidade dos menores trans en Galicia na facultade de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela, así como no obradoiro Divers@s na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Os centros Quérote+ son un servizo de referencia na atención ao colectivo LGTBI. No plano de asesoramento aténdense consultas relativas á identidade sexual, ás vivencias das persoas transexuais e das súas familias e entorno, mesmo sobre o propio proceso de transición, entre outras, conformando un espazo de apoio e orientación nesta materia. En formación, os contidos LGTBI forman parte das intervencións en centros de ensino, así coma no traballo con familias e profesorado, co ánimo de coñecer mellor e comprender a diversidade sexual, contribuíndo a unha vivencia máis positiva da sexualidade.