Os mozos e mozas galegos que estes días se atopan en Yerevan, a capital de Armenia, dentro do programa galego de mobilidade “A Xuventude no Mundo III” que se está a desenvolver entre os días 14 a 21 de setembro, foron recibidos o pasado xoves, 15 de setembro, polo Ministro de Deporte e Asuntos de Xuventude do país armeno, Arthur Petrosyan, e asistiron a una conferencia sobre a historia e a realidade de Armenia e o seu pobo a través dos séculos. Ese mesmo día visitaron o Centro Hispano nese país.
Onte luns, 19 de setembro, tiveron unha recepción co Viceministro de Deporte e Asuntos de Xuventude de Armenia, encontro onde se debateron as similitudes, diferenzas e problemáticas dos xóvenes armenos e españois, especialmente, os galegos. E pola tarde asistiron a un encontro cos campións olímpicos mundiais/europeos do Comité Olímpico de Armenia, na sala de sesións do propio Comité Olímpico.
A parte destes encontros, o programa de actividades do intercambio bilateral, reflicte unha serie de visitas que axudarán aos participantes a coñecer a realidade social e cultural de Armenia. Deste xeito, está previsto un percorrido por Yerevan, a capital de Armenia e pola cidade de Tsajkadzor, unha visita aos Monasterios de Geghard, Sevan e Kecharis, un percorrido polo Museo da Memoria do Xenocidio de Tsiternakaberd e Museo da Historia de Armenia, entre outras actividades.
O próximo mércores 21 de setembro é o Día da Independencia de Armenia, co que os participantes no intercambio terán a súa disposición un amplo abano de actividades culturais, que lle permitirán afondar na cultura dese país, así como nas súas tradicións e costumes.
Este intercambio é o último da terceira edición do programa “A Xuventude no Mundo” da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que durante o ano 2011 ofertou un total de 140 prazas en 14 intercambios distintos a desenvolverse entre os meses de febreiro a setembro.