O Pertega é unha folla de ruta coa que o Goberno galego quere fomentar as sinerxías entre os axentes implicados no desenvolvemento do talento mozo, reforzar a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostar por programas de desenvolvemento persoal
O documento recolle seis actuacións fundamentais: facilitar a información e o fluxo de información entre os distintos actores, a formación, a creación do denominado ‘Espazo Emprende’, a mobilidade, a convocatoria do ‘Premio ao Talento Xove’ e a continuidade do programa Iniciativa Xove
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presentou o programa de estudo para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega), unha folla de ruta que pretende fomentar as sinerxías entre os axentes implicados no desenvolvemento do talento da mocidade. Asemade, esta proposta incide na importancia de reforzar a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostar por iniciativas de crecemento persoal que aceleren as capacidades e dean resonancia e visibilidade aos mozos e mozas máis cualificados, premiando o seu talento e esforzo.
Este documento é o resultado das principais conclusións das mesas provinciais impulsadas dende o departamento autonómico de Xuventude para avaliar cos axentes implicados as posibilidades de desenvolvemento do talento dos mozos e mozas galegos. O número de xuntanzas que se realizaron con esta finalidade foron catro, unha por provincia, e con presenza nas mesmas de representantes da administración e dos ámbitos asociativo, universitario e empresarial.
Neste sentido, Cecilia Vázquez explicou que “recollidas todas as observacións e achegas das mesas provincias, presentamos hoxe un programa de estudo conformado por un conxunto de actuacións e que pretende concentrar os esforzos e a aposta da Xunta pola retención do talento da mocidade de Galicia”. En concreto, Pertega recolle seis actuacións fundamentais: o establecemento dunha canle de comunicación que permita unha interactuación entre axentes implicados, a formación da mocidade, a creación do denominado ‘Espazo Emprende’, a mobilidade, a convocatoria do “Premio ao Talento Xove” e a continuidade do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove.
Así, para facer posible a primeira das actuacións antes sinaladas, a comunicación e interactuación entre os axentes implicados, as medidas que se propoñen son a convocatoria semestral das mesas provinciais e a posta en marcha dunha plataforma dixital que facilitará a comunicación e o fluxo de información entre os distintos actores.
Como segunda medida, Pertega aposta pola formación como base para que os mozos e mozas desenvolvan as competencias transversais vinculadas ao talento e se entenden máis demandadas polo mercado laboral. Neste senso, o programa de estudo céntrase no desenvolvemento de dúas accións formativas: unha incubadora de habilidades sociais que axudará á capacitación dos mozos e mozas en sete habilidades transversais esenciais: creatividade, motivación, negociación, organización, promoción, comunicación e oratoria; e unha aceleradora de talento novo como ferramenta para o desenvolvemento da marca persoal e profesional dos novos valores galegos.
Como terceira medida, establécese a creación do denominado “Espazo Emprende”, uns espazos fixos que se porá a disposición dos mozos e mozas para que individualmente ou en grupo deseñen e executen as súas propias iniciativas, ao tempo que se lle ofertará actividades de titorización, asesoramento individualizado, formación personalizada e coaching persoal. Inclúe a organización dun encontro anual da mocidade emprendedora e encontros sectoriais a pequena escala aos efectos de establecer foros de diálogo e de intercambio de experiencias.
A mobilidade constitúe o eixe da cuarta medida do programa. Así recóllese a aposta polos programas de mobilidade co obxectivo de que os mozos e mozas galegas alcancen e asimilen unha visión a nivel persoal e profesional que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional á vez que se dota de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego, e se contribúe a descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.
Esta medida estrutúrase en tres liñas: o programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa, que apoia a realización de prácticas formativas non retribuídas en empresas e entidades de países europeos; o programa Erasmus+:Xuventude en Acción, que fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal, a empregabilidade e inclusión de todos os mozos, e o diálogo intercultural; e o proxecto “Internacionalización da mocidade galega” (Integal), que permitirá que 70 mozos e mozas realicen prácticas laborais en empresas de cinco países europeos nos vindeiros meses.
Como quinta medida, Pertega recolle a próxima convocatoria do “Premio ao Talento Xove” como recoñecemento á labor máis destacada dos mozos e mozas en diferentes ámbitos, como unha medida de visualización e apoio a actividade dos novos talentos.
En sexto lugar, o documento recolle a aposta pola continuidade do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove, que busca potenciar o liderado e as competencias transversais para a empregabilidade da mocidade, a través do financiamento de proxectos ideados e xestionados polos propios mozos e mozas.
Finalmente, dentro desta medida, o programa de estudo reflicte a posta en marcha no 2017 dunha nova orde axudas dirixida aos concellos galegos para que sexan os impulsores de proxectos e iniciativas cuxos destinatarios sexan os mozos e mozas. Coa posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á xuventude trátase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente a través da posta en marcha de proxectos no ámbito da dinamización do medio rural e iniciativas destinadas á inclusión social e laboral da xuventude de Galicia