Lingua de namorar 2017: Mensaxes gañadoras

21 Mar 2017

O xurado do concurso Lingua de namorar 2017 reuniuse o xoves 16 de marzo para elixir, de entre as 50 mensaxes máis votadas en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:  

Mensaxes gañadoras da categoría A

1º premio: Eternidade, de Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra)
"E da nosa efémera existencia, quedará, quizais, o doce sangue que aloumiñe os latidos doutros corpos."

2º premio: Escribindo poesía, de Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra)
"Decidiches escribir poesía comigo, empregando metáforas atopadas nos meu ollos, redactando versos sacados dos meus beizos, engadindo refráns arrincados das nosas vivencias... Desexaches que formase parte desta historia, sendo así o capítulo culminante da túa vida. Decidiches escribir poesía comigo, e nela me enclaustrei para non perderte xamais..."

3º premio: Foliada de mel, de Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra)
"Gustaríame bailar contigo un baile tan longo que o chan se cansase dos nosos pés."

Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio: Ti, produto de risco, de Diego Arranz Fernández (Ourense)
"Víase de lonxe que eras un produto de risco, pero nin a recesión me puido conter para mercar participacións da túa vida. Queimei a calculadora axustando as contas e botei man de todas as apps que achei para xestionar a miña economía. O meu asesor fiscal é optimista, pero ben sei que sigo en crise. Aínda te quero por riba das miñas posibilidades."

2º premio: De Rosalía a Benedetti, de Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña)
"Ti lías a Rosalía, eu lía a Benedetti. Ti bebías Pepsi, eu bebía Estrela. Ti es un anxo e eu son o demo. Mais se algo sei de ti e de min é que a pesar de sermos tan diferentes complementámonos como a lúa e o sol, o coñac e o anís doce, e como a luz e as gotas do orballo para facer miles de arcos da vella."

3º premio: Contando, de Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense)
"Ámote, e gustaríame contar contigo. Un, dous, tres… ata o infinito."

O xurado do certame decidiu conceder unha mención de honra, pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias, á mensaxe número 1 da categoría A, En galego, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña):

"Falo galego porque me sae da lingua".

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.