Listado Iniciativa Xove 2013

Listado Iniciativa Xove 2013 (21)

O proxecto Entre fíos, o tempo da mocidade, posto en marcha polo Grupo Informal Dedal Xoven XXI, pretende potenciar e fomentar a capacidade creativa e, sobre todo, crear un soporte para que os mozos e mozas participantes que desexen emprender o camiño no sector da moda, coa confección e modelaxe dos seus deseños, o poidan facer.

entre_fios

Aténdese, principalmente, e foméntase con esta iniciativa o espírito emprendedor naqueles mozos e mozas, pero nun sector concreto como é o da confección e deseño de complementos. Para a execución deste proxecto, púxose a disposición das persoas participantes todo o necesario, tanto os instrumentos tecnolóxicos, taller de costura, como os soportes necesarios para a difusión das súas creacións.

O desenvolvemento da capacidade emprendedora será o obxectivo principal que pretende cumprir o Grupo Informal Dedal Xoven XXI con esta iniciativa.   Entre fíos, o tempo da mocidade é un proxecto que buscou a paridade, pois no sector da moda teñen cabida tanto as mozas como os mozos.

As actividades que se levaron a cabo son as seguintes:

  • A primeira  actividade consistiu na creación dun blogue, que xa consta cun rexistro e dominio público dende o 9 de maio, e queconstituíu un  canle de información e difusión dos mozos e mozas emprendedoras no sector da moda, así como para distintas blogueiras ás que se entrevistou. Pretendíase que o blogue fose un canle de respostas ás múltiples dúbidas que lles xurdiron a aqueles mozos e mozas que o coñecesen.
  • Dispúxose dun taller de costura e deseño artesanal, durante os meses de agosto e setembro, con todo o material instrumental que precisaban as e os participantes, o que lle resultou moi práctico a aquelas persoas que carecía dos medios para a súa iniciación e participación.
  • Talleres  de confección innovadora pero tamén artesanal. Cose comigo No primeiro caso foi xente experta e con ampla traxectoria a que explicou os mecanismos claves de confección e patronaxe que resultan fundamentais para realizar calquera tipo de prenda. As persoas participantes puideron levar á práctica as explicacións teóricas pois dispúxose de material específico que se emprega para o deseño, corte e confección dos modelos (papel manila, papel carbón, cartolinas, xiz, tesoiras, agullas, alfinetes, fíos, teas, máquinas de coser, remachadoras etc.). No segundo caso, fíxose unha volta ao pasado, cando eran as avoas de hoxe as que facían  as súas roupas de maneira artesanal. Contouse co relato dalgunhas señoras que deron unha charla práctica de calceta. Amais, relataron como antigamente se utilizaban ferramentas máis simples para confeccionar e ser verdadeiras modistas de grandes deseños.
  • Un achegamento ao mundo empresarial e á empregabilidade. Re-Action Trátase de ofrecer unha análise do mercado potencial e do mercado real. Para isto, dous empresarios consolidados do sector téxtil explicaron como foron os seus inicios neste sector, os pasos e as estratexias de mercado que seguiron ata chegar á actualidade, isto é, recoñecidos deseñadores e marcas téxtiles que acaparan o mercado. Foi unha boa maneira de coñecer en que medida se foron adaptando ante as novas demandas e situacións que xurdiron.
  • Charla e entrevista con blogueiras de moda. Mercadotecnia_BlogueirasForon dúas as entrevistas e charlas realizadas, nas que expertas blogueiras explicaron como foron os seus inicios, as súas motivacións e relataron como xogar para acceder ao mercado, así como os pasos que cómpre seguir para unha posible creación dun negocio. Madame Galiash e Sandy Coast, respectivamente foron as responsables de impartir estas charlas. As entrevistas pódense ler no blogue de Dedal Xoven XXI.
  • Visita á fábrica téxtil de Inditex, situada en Arteixo, na provincia da Coruña. A visita ás instalacións da empresa punteira dedicada á fabricación de prendas de vestir tiña como finalidade que todas as persoas participantes coñecesen de primeira man todo o sistema de produción téxtil en cadea.
  • VII Desfile de moda & blogueiras: o desfile programouse tomando como referencia as valoracións e consellos tanto das blogueiras como das deseñadoras do sector téxtil e das deseñadoras artesanais participantes neste proxecto. A actividade realizouse nun contorno natural, con ambientes distintos, tanto de interior como de exterior. Instalouse unha carpa para que servise de vestiario, unha sala fotográfica e un espazo para que interactuasen as persoas participantes e os/as asistentes que acudiron a ver o desfile.
  • Exposición do material producido polas persoas participantes. Na fase final realizouse unha exposición pública para difundir as actividades realizadas, nomeadamente, o desfile de moda. Todos os deseños que participaron están expostos no blogue Dedal Xoven XXI, no blogue Madame Galiash, no blogue Sandy Coast e mais na academia de Bandeira, onde se realizou a maior parte dos deseños.
  • Xplora Xuventude: o grupo informal Dedal Xoven XXI participou nesta actividade promovida pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que tivo lugar na localidade estradense o 13 de setembro. Dedal Xoven XXI aproveitou a ocasión para dar a coñecer o seu proxecto entre as persoas asistentes.

Máis información sobre Entre fíos, o tempo da mocidade:

 Dedal Xoven XXI, no blog de Madame Galiash 

Proxecto Dedal Xoven XXI (II), no blog de Madame Galiash 

Benestar financia con 25 000 euros sete proxectos xuvenís de Deza e Tabeirós 

Benestar financia este ano con preto de 25 000 euros un total de sete proxectos xuvenís nas comarcas do Deza e Tabeirós

Vídeo Dedal Xoven XXI, en YouTube

Vídeo Como se creou Dedal Xoven XXI, en YouTube 

 

Máis información sobre o Grupo Informal Dedal Xoven XXI:   Blog: http://dedalxovenxxi.blogspot.com.es/

duathlonBaixo o nome de Duathlon Fotográfico, o Grupo Informal Foto-col.es deseñou un proxecto centrado en tres temáticas fundamentais: a fotografía, a cultura e a natureza.

A primeira actividade que formou parte do Duathlon Fotográfico foi o Obradoiro de Retoque Fotográfico, no que as persoas asistentes puideron aprender diferentes técnicas de retoque e tiveron ocasión de coñecer e manexar programas informáticos desta temática. O obradoiro tivo lugar os días 28 e 29 de agosto e  4 e 5 de setembro na Casa da Cultura de Lousame. Nel participaron 45 persoas de 12 a 35 anos.

A seguinte actividade foi unha Foto-Andaina Natural a San Ramón de Bealo. Esta andaina realizouse o 31 de agosto, día no que se celebra a romaría de San Ramón de Bealo, no Concello de Boiro, romaría considerada de interese autonómico e que conta cunha ampla participación da xuventude dos concellos da comarca do Barbanza. Aproveitando esta celebración, fíxose unha andaina fotográfica que se iniciou en Fruíme (Concello de Lousame) e, ao longo de 8 km, as persoas asistentes, cerca de 25 mozos e mozas, puideron sacar fotos das diferentes paisaxes naturais que hai neste roteiro. Así, ao mesmo tempo que desfrutaba dunha xornada de deporte, a xuventude que participou na actividade puido poñer en práctica a súa destreza coas cámaras.

Finalmente, a xornada rematou compartindo unha comida na romaría de San Ramón e desfrutando desta festa tan popular, á vez que se creou un vínculo social e un espazo de relación, comunicación e interacción entre a mocidade que participou na iniciativa.

A terceira das actividades foi unha Foto-Andaina Cultural a Santiago de Compostela. O obxectivo era que a mocidade aproveitase a cultura monumental de Santiago e fotografase aqueles aspectos que fosen do seu interese, promovendo a súa capacidade artística e a creatividade. Foi unha actividade moi entretida onde as persoas participantes tiveron liberdade  para facer as súas fotos, o que propiciou que se sentisen cómodos e desfrutasen da arte da capital galega. A actividade desenvolveuse na mañá do sábado 7 de setembro e contou coa participación de 25 mozos e mozas.

A idea de facer as andainas acompañados da cámara de fotos, ademais de fomentar a práctica da fotografía, foi a base para desenvolver a última actividade, un concurso fotográfico e unha exposición fotográfica. As persoas que participaron puideron presentar as súas dúas mellores fotos de cada unha das andainas a un concurso fotográfico que constaba de dúas categorías, unha para cada andaina.

Un xurado profesional foi o encargado de seleccionar as dúas mellores fotos de cada andaina para outorgarlle o 1º e o 2º premio, para o que se basearon en técnicas de enfoque, calidade da foto etc. Por outra banda, un xurado popular seleccionou catro fotos de cada andaina atendendo á súa orixinalidade e creatividade. Estas catro fotos foron subidas ao Facebook do proxecto onde os internautas foron os encargados de escoller coas súas votacións as fotos gañadoras do 3º e 4º premio. Nesta actividade contouse con 22 persoas participantes no concurso.

Finalmente, o proxecto Duathlon Fotográfico pechou coa inauguración da Exposición Fotográfica das Andainas. Todas as fotos que se presentaron ao concurso formaron parte da exposición que permaneceu aberta a todo o público na Casa da Cultura de Lousame do 28 de setembro ao 30 de outubro. Con esta actividade pretendíase dar a coñecer entre a poboación de Lousame e os concellos limítrofes o resultado final do Duathlon Fotográfico, á vez que se recompensaba dalgún xeito a participación dos mozos e das mozas que acompañaron a iniciativa. 

Máis información sobre o Duathlon Fotográfico:

Lousame amplía a súa oferta de ocio para os mozos con talleres de fotografía e imaxe persoal  

A fotografía é unha alternativa de ocio moi boa

Barbanza xa é un referente de ocio saudable en Galicia 

Xuventude apoia catro proxectos de Iniciativa Xova en Noia e Barbanza cun orzamento de 16 000 €  

deporte_e_mente_sen_barreirasLogo de investigar a realidade galega con respecto ao deporte adaptado, o Grupo Informal Achega observou que está pouco expandido e valorado; por esta razón, decidiron ofrecerlles á poboación galega con discapacidade e á sociedade que rodea este colectivo unha oportunidade de coñecer como mediante diversas actividades deportivas calquera persoa pode levar unha vida activa, independentemente da súa condición física ou psíquica.

Na execución do proxecto tívose en conta a necesidade de brindarlle a este colectivo a oportunidade de coñecer e participar en actividades deportivas, amais de darlle a coñecer á poboación galega en xeral algunhas das modalidades existentes de deportes adaptados.

As actividades que se levaron a cabo dentro do proxecto Deporte e mente sen barreiras foron as seguintes:

Padel en cadeira de rodas: deporte que se xoga por parellas no que se adquiren coñecementos técnicos, tácticos, físicos e mentais. Esta actividade tivo lugar o 3 de outubro en Vilagarcía de Arousa.

  • Vela adaptada: paseo en barco, dunha hora de duración, que tivo lugar o 11 de outubro na ría de Pontevedra.
  • Goalball: é o único deporte paralímpico creado especificamente para persoas invidentes ou con deficiencia visual. O xogo, no que participan dous equipos de tres xogadores, baséase no sentido auditivo para detectar a traxectoria dunha pelota que leva no seu interior cascabeis que soan co movemento do balón. A actividade tivo lugar o 22 de outubro en Santiago de Compostela. 
  • Hipoterapia: a monta terapéutica é unha actividade rehabilitadora que consiste en aproveitar os movementos do cabalo para estimular os músculos e as articulacións; amais, o contacto co cabalo proporciona vantaxes terapéuticas a nivel cognitivo, comunicativo e de personalidade. A actividade tivo lugar o 24 de outubro en Santiago de Compostela. 

O obxectivo principal da iniciativa Deporte e mente sen barreiras era achegar o mundo do deporte a persoas con discapacidade: integración do colectivo con calquera tipo de actividade e a promoción do deporte adaptado.

Máis información sobre Deporte e mente sen barreiras:

 Deporte e mente sen barreiras en Facebook 

O grupo xuvenil Achega fomenta o deporte co programa Deporte e mente sen barreiras

Unha ducia de rapaces discapacitados psíquicos tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da vela

Cando a única barreira é a rede 

O pádel mostra a súa capacidade para o deporte adaptado 

O grupo xuvenil Achega fomenta o deporte co programa Deporte e mente sen barreiras  

Xuventude colabora cun proxecto dun grupo de mozos que fomenta o deporte sen barreiras

 

Máis información sobre Grupo Informal Achega: Twitter: https://twitter.com/GrupoACHEGA

creactivarteO proxecto Creactivarte é unha iniciativa creativa levada a cabo polo grupo informal El Punto de la i. Esta iniciativa tiña dous obxectivos básicos: por un lado, dar a coñecer o grupo e, por outro, fomentar o deseño na sociedade.

Creactivarte nace co fin de cubrir a falta que hai na nosa comunidade de iniciativas deste tipo, a diferenza doutros países no cal o deseño é un valor seguro que contan cun grande apoio da sociedade. Isto débese a que é unha disciplina que despegou non hai moitos anos, porén, cada vez acada máis forza.

Hai datos que demostran o incremento do público obxectivo grazas a propostas de deseño en todos os ámbitos: deseño de locais, deseño da gráfica dunha empresa, deseño dos produtos que se utilizan nestes sitios etc. Tamén incrementou o número de persoas que acode a charlas e obradoiros creativos. A xente quere iniciativas novas, xa non se conforma con calquera produto, quere vivir experiencias cando compra un produto ou acode a un local determinado. Isto obsérvase dende hai anos co coñecido Design Thinking, o que se pretende desenvolver na nosa comunidade con Creactivarte, xa que en Galicia hai moito potencial creativo.

Dentro da iniciativa Creactivarte realizáronse catro actividades que se detallan a continuación:

  • Renovación da praza do Ensanche (Santiago de Compostela, 19 de outubro)

Pretendíase darlle un aire renovado á dita praza e para iso leváronse a cabo as seguintes tarefas:  deseño de bolsas que se distribuíron entre os comerciantes para que as repartisen entre a súa clientela; decoración da praza usando materiais reciclables;acondicionamento xeral da praza desde un punto de vista estético e do deseño.
O obxectivo desta actividade é renovar esta praza de Santiago de Compostela, xa que, aínda que se atopa nun punto céntrico da cidade, na actualidade sofre una perda de clientes debido ao peche de numerosas tendas e locais comerciais. Por iso, o grupo quixo botarlles unha man aos poucos postos que quedan animando a xente a que merquen nela, renovando a súa estética e facéndoa máis atractiva á hora de facer as compras.  Tanto a decoración que se fixo na praza mediante caixas e ilustracións a modo de galería de arte emerxente, como todos os produtos gráficos (carteis, bolsas, tarxetas, photocall...), todo con moita cor, moi alegre e rechamante, conseguiron atraer a un número considerable de persoas novas á praza. 

  • Actividades urbanas (Santiago de Compostela e A Coruña, 25, 26 e 27 de outubro)

A actividade consistiu en dispoñer o símbolo do grupo informal (un círculo rosa) en diferentes puntos das cidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Debido a que os círculos teñen un tamaño considerable, esta actividade pretendía a interacción co público que encaraba co grupo.

  • Down Compostela (Santiago de Compostela, 30 de outubro)

Realizouse un obradoiro, en colaboración co centro Down de Galicia, no que participaron 13 rapaces e rapazas que sofren esta enfermidade. O obradoiro constou das partes seguintes: presentación; explicación dos obxectivos do grupo informal e dos obxectivos da actividade; introdución teórica á cor: diferenzas entre as cores primarias e secundarias, como se forman e a que dá lugar a súa mestura; parte práctica orientada: elaboración dunha gama de cores; parte práctica libre: experimentación coas cores sobre unhas grandes bases de porexpan, que, ao seu remate, se desencaixaban formando a palabra LUZ.

  • Fíos Colección (Galería Bus Station, Santiago de Compostela, 31 de outubro)

Nesta actividade expuxéronse uns produtos e prototipos creados polo grupo. A presentación tivo lugar o 31 de outubro na galería de arte Bus Station, en Santiago de Compostela, aínda que a súa creación desenvolveuse nos últimos meses.

Para obter o produto final foi necesario levar a cabo as tarefas usuais nun proxecto: brainStorming, bosquexos, estudo de viabilidade, estudo de mercado, estudo de formas e materiais, creación do modelo en 3D, creación de prototipos e produto final.

Máis información sobre Creactivarte:

Creativos en Santiago e pronto en Madrid 

Un grupo de ex-alumnos do Mestre Mateo desenvolven un proxecto de dinamización artística no marco de Iniciativa Xove 

Creactivarte Iniciativa Xove en Bus Station Space 

Máis información sobre El punto de la i en Facebook 

concerto_dislocadoO colectivo artístico Plastic Crowds propúxose a meta de dislocar un concerto. A finalidade e esencia desta proposta residía na investigación dos límites que ofrece a internet para a creación artística e, máis especificamente, para a música contemporánea.

A iniciativa consiste en conseguir realizar un non lugar sonoro: dislocar un concerto, e isto conséguese mediante a extracción ou captación dunha serie de sons en determinados emprazamentos do mundo coa súa posterior mestura no non lugar, configurando así un todo sonoro froito da conxunción de distintas partes, as cales non están ao corrente unhas das outras, unicamente limítanse a seguir a partitura que lles foi proporcionada.

A obra dislocada componse de tantas conexións como intérpretes deslocalizados se teñan. Cada músico ou conxunto que participe conta cun equipo de gravación de audio e vídeo. A sincronización entre as distintas partes vén dada por unha claqueta e un reloxo atómico -ou mundial- que fixa o momento do comezo e fin, polo que o tempo é o mesmo para todos os intérpretes. Unha vez enviada a información desde os distintos puntos de orixe, esta é almacenada no punto de recepción -ou control-, mesturada e reproducida cunha demora de 15 segundos para corrixir os desfases producidos na transmisión de datos, ao anticiparse ás posibles caídas.

O todo resultante foi reproducido nun falso directo no salón de actos do MARCO de Vigo, no que se dispoñía dunha escenografía baseada na tecnoloxía, algo axeitado á esencia do proxecto. Tres pantallas en abanico na parte frontal, sobre as cales se proxectaron cada unha das emisións das sección, e unha mesa con todos os ordenadores, equipos e sistemas dos técnicos. Esta sala reproduciu o esquema da agrupación e deu unha sensación espacial grazas á disposición de distintos altofalantes no lugar no que debería estar cada un dos intérpretes, algo que se acadou grazas a reproducir os sinais recibidos por distintos canles de audio. Da mesma forma, proxectouse a imaxe dos músicos sincronizada coa música a modo de testemuña.

Para poder levar a cabo o Concerto Dislocado fíxose unha proposta aberta a distintos compositores co fin de producir unha obra orixinal composta nun estilo libre seguindo unha serie de normas, como que debería ser unha obra non electroacústica, composta para dous cuartetos de vento, corda e un piano e unhas calidades rítmicas e tímbricas que sexan quen de poñer de manifesto as metas que se perseguían.

Para a execución das pezas elixidas realizouse unha convocatoria aberta a distintos músicos, formouse unha agrupación para a ocasión na que contábamos con músicos profesionais, profesores do conservatorio superior de música de Vigo e alumnos de último ano de superior.Estes músicos foron separados en seccións –corda, vento e piano- e foron levados a puntos espallados pola xeografía da nosa comunidade. Cangas do Morrazo, Vigo e Santiago de Compostela foron os lugares escollidos para levar a cabo o concerto.

O Concerto Dislocado tivo lugar o venres 20 de setembro. Interpretado de forma simultánea, foi recollido nun único punto situado no museo MARCO de Vigo, no que se mesturaron ante o público asistente en directo os sinais emitidos dende os tres puntos onde estaban situados os músicos. Este sinal foi mesturado en directo por técnicos da televisión da Universidade de Vigo e foi emitido aos centros cos que se tiña concertada a emisión. Tamén foi retransmitido a través da web do colectivo Plastic Crowds para que puidese ser visto en directo en calquera punto do mundo.

Mediante un streaming en aberto tamén se puido ver e escoitar dende a páxina web de Plastic Crowds (www.plasticcrowds.com) e a propia do concerto (www.dislocatedconcert.com).

O obxectivo principal deste experimento era poder executar unha obra de forma simultánea en distintos espazos sen que o lugar importe ou polo menos sexa determinante no desenvolvemento.

Posteriormente investigarase neste concepto, tomando os resultados do estudo como punto de partida para extraer conclusións. Máis información sobre o Concerto Dislocado:

Web do evento, onde se pode ver o concerto de novo: http://www.dislocatedconcert.com 

Concerto Dislocado en Facebook  

Información sobre o Concerto dislocado en .pdf (1) 

Información sobre o Concerto dislocado en .pdf (2)

Un concerto dislocado enlazará mañá Vigo, Cangas e Santiago

Unha orquestra dá o seu primeiro Concerto Dislocado en liña desde tres cidades

O Concerto Dislocado rompe barreiras 

O IVAM presenta un Concerto Dislocado de música contemporánea

O MUSAC de León acolle o sábado un Concerto Dislocado con dez músicos repartidos en tres cidades diferentes

Entrevista en Localia.TV  

Informativo de TVE 

Informativo da TVG

Radio Galega  

Radio Galega 

Televigo 

Máis información sobre a Asociación Cultural e Xuvenil Plastic Crowds: www.plasticcrowds.com

ArgosUnha das liñas de investigación na actualidade é o da intelixencia artificial aplicada a substituír un traballo repetitivo dunha persoa polo dunha máquina que traballe con autonomía. Ademais, se ese traballo require un desprazamento grande e chegar a lugares difíciles, conseguir unha máquina para realizar estas tarefas tería unha aceptación extraordinaria no mercado empresarial. Por isto, un grupo de mozos estudantes de ciclos de electrónica e informática de Vigo decidiron deseñar un cuadricóptero que, ademais de poderse teledirixir, poida, no futuro, facer traballos de maneira autónoma.

O proxecto chámase ARGOS e o seu obxectivo principal é crear un vehículo aéreo non tripulado (UAV) capaz de voar de forma totalmente automática en interiores. Isto supón un reto técnico importante: é necesario conseguir que o aparello sexa capaz de estabilizarse, detectar obstáculos, localizarse a si mesmo nun espazo pechado e elaborar un plano dese espazo para poder desprazarse. O vehículo elixido para facelo é un cuadricóptero, unha aeronave de pequeno tamaño (50 cm de envergadura e 900 gramos de peso) con catro hélices. Este tipo de aparellos xa se están a usar en moitos eventos, a orixinalidade reside en que será autónomo (isto é complexo e innovador).

O proxecto iniciouse en xaneiro de 2013. A primeira parte do traballo consistiu en realizar un deseño de concepto: como se pode solucionar o problema? Foron varias semanas esbozando ideas, buscando posibles solucións, descubrindo novos problemas que se presentaban. Un bo adestramento práctico de traballo en equipo. Ao mesmo tempo, asistiron a varias sesións teóricas para coñecer os fundamentos e as ferramentas que terían que empregar.

As tarefas estaban repartidas en: deseño mecánico, sistemas, electrónica e programación. As sesións de traballo tiñan lugar habitualmente os sábados, cun tempo dedicado á presentación dalgúns aspectos teóricos necesarios para o desenvolvemento do proxecto e moito traballo práctico. Nesta primeira fase, amais, o grupo construíu moitos dos elementos necesarios a man: un acelerómetro, un GPS, dispositivos de telecomunicación etc. 

A segunda fase do proceso dedicouse a montar unha cámara de vídeo estabilizada, deste xeito o cuadricóptero poderá filmar vídeos de maneira profesional. Ao mesmo tempo, o grupo de software conseguiu programar o protocolo de comunicacións para control e seguimento. A estación de control, o computador desde o que podería controlarse en todo momento o aparello, xa é capaz de falar e escoitar a aeronave por radio.

Pola súa banda, o grupo de deseño mecánico modificou a estrutura do vehículo para instalar os sensores, para utilizar unha batería máis potente e para integrar unha cámara de vídeo cun sistema de movemento que permite orientala en todas as direccións. Á súa vez, varios participantes están a aprender a manexar o cuadricóptero manualmente, tarefa importante para as probas de voo, e a manexalo desde a estación de control. 

A pesar desta organización do traballo por grupos, todos eles realizaron outra tarefa nada fácil: entender como se controlan os motores para dar estabilidade ao vehículo en voo. Aínda que, polo momento, están a traballar en elementos externos ao -cerebro- do cuadricóptero, entender como voa é necesario para integrar estes sistemas.

Na actualidade, os participantes desenvolveron xa varios elementos importantes. Conseguiron integrar e programar un sensor de distancias baseado en ultrasóns que se usa para medir a distancia ao chan, ao teito e ás paredes do recinto, así como para detectar obstáculos. Xa fixeron as primeiras probas de voo deste sensor cun éxito completo: actualmente ARGOS é capaz de medir distancias cunha precisión de 1 cm. O paso seguinte é modificar a electrónica do vehículo para colocar varios sensores deste tipo nas orientacións adecuadas.

A navegación autónoma é de especial interese en aplicacións de busca e rescate dentro de edificios, así como en misións interplanetarias nas que se require certo coñecemento da superficie e, ao mesmo tempo, unha cobertura ampla. Estas dúas contornas operativas defínense como obxectivos prioritarios do proxecto.


Máis información sobre ARGOS: cuadricóptero non tripulado:
Presentación do proxecto ARGOS en Xuventude Galicia.net 2013, en Vimeo e en YouTube 

ARGOS II Primeiro voo, en YouTube 

apadrina_unha_arboreApadriña unha árbore é un proxecto que a asociación O Esquío no Piñeiro vén desenvolvendo desde o ano 2010. Unha das premisas polas que se rexe esta entidade é a concienciación respecto da importancia da protección do medio natural e a súa posta en valor como elemento patrimonial que todos e todas debemos coidar, respectar e protexer.

Desde esta premisa, abordouse este proxecto dentro do programa Iniciativa Xove co obxectivo de concienciar e facer conscientes os mozos e as mozas da importancia e das posibilidades do medio natural, en xeral, e dos montes en particular, como fonte de riqueza paisaxística, natural, cultural, social e económica.
As actividades de repoboación e apadriñamento dunha zona de monte tallada con árbores autóctonas tiveron lugar os días 21 e 22 de setembro e o 5 de outubro. 

Mira o que estamos a facer!

Difusión do proxecto, desde a publicidade inicial ata a difusión dos resultados ao remate do proxecto. 

O obxectivo desta actividade foi visibilizar o proxecto co fin de que se puidese converter nun exemplo de boas prácticas que poidan seguir outros grupos de mozos.

O monte e nóso!

Pequena acción formativa a través de dinámicas e xogos relacionados co medio ambiente, a natureza, a importancia dos montes e a importancia dun desenvolvemento da riqueza forestal de xeito sostible e do impacto que pode ter unha mala xestión da masa forestal.

O obxectivo desta actividade, que tivo lugar na área de piragüismo de Ons (Brión), foi formar os mozos e mozas no coñecemento e respecto pola natureza e o medio.

Xa son padriño/madriña!

Preparación do terreo, plantación e apadriñamento de 50 árbores autóctonas. Os obxectivos desta actividade, que tivo lugar nun terreo cedido á asociación en Portanxil (Trasmonte, Ames), foron repoboar un espazo con árbores autóctonas que sirva de exemplo para a veciñanza de explotación forestal de xeito sostible e respectuoso co medio e fomentar a participación da mocidade en proxectos sociais e comunitarios de xeito altruísta.

Comemos ou que?

Actividades complementarias de ocio e tempo libre para a mocidade na área de piragüismo de Ons (Brión). 

O obxectivo desta actividade foi crear un espazo de encontro e intercambio entre mozos de diferentes idades cun interese común.

 

Máis información sobre Apadriña unha árbore:

Apadriña unha árbore 2013 

Veciños de Brión plantan e apadriñan cen árbores en Ames 

Mozos e mozas de Brión desenvolven un proxecto de repoboación con árbores autóctonas dentro do Programa Iniciativa Xove

 

Máis información sobre O Esquío no Piñeiro:
Blog: http://oesquio.blogspot.com.es/  

Facebook: https://www.facebook.com/oesquio