Novas e actividades (1290)

A Fundación "Acción contra el Hambre" convoca o programa Itinerario de Emprendemento Social Xuvenil.

O Itinerario de Emprendemento Social Xuvenil é un programa gratuíto dirixido a persoas desempregadas entre 18 e 35 anos que queiran emprender. Este programa que ten como obxectivo acompañar e asesorar o proceso da posta en marcha do seu propio proxecto a persoas que estean a pensar no emprego por conta propia.

O Itinerario de Emprendemento Social Xuvenil desenvólvese 100% en liña. E leva a cabo a través dunha metodoloxía que combina o traballo en equipo e individual, talleres grupais, titorías individualizadas e formación en liña.

Impartiranse varios bloques formativos:
Bloque I. Prototipado para proxectos de emprendemento social.
Bloque II. Deseño de modelos de negocio social e circular. Enfoque de xénero. Fórmulas de economía social.
Bloque III. Liderazgo e toma de decisións para mulleres novas.
Bloque IV. Emprendemento dixital e dixitalización de negocios.


https://www.accioncontraelhambre.org/es/emprendimientojuvenil 

Tes unha frente de Apolo,        
i uns ollos tes verde mar;        
na miña vida vin outros        
de máis hermoso mirar,        
pero con eles non fico,        
galán, de me namorar.        

Que choras... galán, a moitos        
cal ora a ti vin chorar;        
que morres por min...        
a cantos lle oín o mesmo cantar        
e inda están vívo-los probes        
defuntos que así falar.        

Gústanme os teus ollos verdes.        
¡Como non me han de gustar!        
Gústame, galán, miralos        
cando me veñen mirar.        
Mais n'hei de ser en quen deles        
nin d'outros se namorar.

Proxector, iniciativa web para achegarnos á divulgación e ao coñecemento investigador ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos, incopora Escolma para ver e escoitar Matemáticas por María Elena Vázquez Cendón.

"Mollarémonos nas matemáticas para sentilas ao velas e, sobre todo, escoitalas coa frecuencia seleccionada polo noso mando".

Nesta selección, hai achegas da Facultade de Matemáticas da USC en conexión coa Comisión de Normalización Lingüística da mesma, tanto no concurso Explícoche Matemáticas 2.0, onde alumnas e alumnos do ensino medio nos falan de trigonometría e das matemáticas que foron parteiras da informática, como na xornada Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas, onde a acústica se moldea coa artesanía grazas á simulación; a astronomía pon orde nas galaxias e as matemáticas constrúen a ponte coa realidade. Tamén hai membros da facultade que participaron contando como xestionar datos con R Commander, falando da xeometría do noso corpo e presentando á Natureza como a grande optimizadora.

http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/especial.php?t=10430 

O Plan de Acción de Mocidade 2022-2024, é un plan impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a través do Instituto da Mocidade (Injuve).

O plan inclúe 200 medidas centradas en políticas de emancipación, vivenda, educación e emprego xove, entre outras, cunha dotación de máis de 33.330 millóns de euros ata 2024, dos que 15.000 millóns incidirán directamente nos mozos e mozas.

O Plan articulouse ao redor de 10 eixos, 42 obxectivos, 94 liñas de actuación e 200 medidas, nas que se inclúen algunhas como a mellora nas políticas educativas destinando un investimento de 10.400 millóns de euros a bolsas universitarias, para Erasmus+, formación en i+D+i, mobilidade e contratación predoctoral e de investigación. Tamén o aumento de fondos, ata os 4.350 millóns de euros, en políticas de emprego novo para a implementación do programa Garantía Xuvenil Plus, proxectos de dixitalización e programa de bolsas, tamén para as oposicións á carreira xudicial e fiscal.

Doutra banda, amplíanse as políticas de emancipación e vivenda cun investimento de 2.350 millóns de euros a iniciativas como o apoio para o alugueiro, a adquisición de vivenda permanente en municipios de menos de 10.000 habitantes aos mozos ou a construción de vivendas en alugueiro social en edificios energéticamente eficientes. Así mesmo, mellóranse as políticas para garantir a calidade de vida dos mozos e mozas investindo uns 650 millóns de euros no bono cultural mozo, en proxectos de deporte inclusivo e en proxectos para a investigación sobre os riscos do xogo en liña.

O fin é asegurar á mocidade fronte á crise, renovando e fortalecendo o escudo social, para garantir o mantemento da calidade de vida e o poder adquisitivo das familias, adolescentes e novas, en risco de exclusión.

Plan de Acción de Mocidade 2022-2024

O obxectivo principal deste Barómetro de Opinión realizado por UNICEF España en colaboración coa Universidade de Sevilla, foi a creación e aplicación dun instrumento que permita coñecer as preocupacións e opinións de nenas, nenos e adolescentes de España sobre asuntos sociais e políticos, así como avaliar indicadores de saúde, felicidade e calidade dos seus contextos de desenvolvemento próximos, tales como a familia, amizades, profesorado e compañeiros de clase.

Nesta terceira recollida participaron 208 centros educativos e 9.505 mozos e mozas de 11 a 18 anos de todo o territorio español.

Os efectos da pandemia de COVID-19 (14,6%), xunto coa guerra de Ucraína (12,8%), a economía (12,7%), e o cambio climático, o medio ambiente e a contaminación (7,8%), son as principais preocupacións dos nenos, nenas e adolescentes no noso país.

Os resultados do informe mostran tamén un aumento da confianza en institucións -especialmente científicas, centros educativos e ONG-, mentres que os partidos políticos e os políticos son os que obteñen unha peor valoración. Así mesmo, diminúe o interese da infancia e a adolescencia en colaborar con organizacións ou en actuar en temas que lles afectan.

Cando se lles preguntou acerca dunha listaxe de determinadas cuestións sociais en concreto, os abusos sexuais á infancia destacan como algo que preocupa bastante ou moito a 9 de cada 10 enquisados. Tras esta problemática sitúanse a pobreza e a fame no mundo, o acoso e ciberacoso escolar ou a saúde mental da infancia e a adolescencia, que preocupa bastante ou moito a 8 de cada 10.

Destaca a diminución da preocupación pola desigualdade de xénero, o machismo e a violencia machista, que na primeira edición do barómetro (2019-20) preocupaba ao 89,1% e situábase en primeiro lugar, na segunda (2020-21) baixaba ao oitavo cun 80% e nesta terceira edición (2021-22) sitúase no decimotercer posto cun 75,1%.

O informe tamén mostra que un 70% dos nenos, nenas e adolescentes considera que a situación política e económica de España é regular, mala ou moi mala. Ademais, entre unha listaxe de 21 profesións que se lles presentou, as máis valoradas resultaron ser as de médico (8,6), policía (7,6), arquitecto e deportista (ambas cun 7,4). No caso contrario, a menos valorada é a de político (4,7), seguida pola de modelo e banqueiro (6). Resalta que a profesión de influencer ou youtuber reciba unha valoración de 6,26.

A media de satisfacción vital dos nenos e adolescentes é elevada, segundo as enquisas realizadas no barómetro. Aínda que no caso das mozas, das persoas nadas fora de España ou con nivel adquisitivo baixo, os seus niveis de tristeza son máis significativos. Nesta edición é onde a porcentaxe de mozas que manifestan sentirse sós é o máis alto da serie iniciada en 2019, cun 39,8%. Con todo, as porcentaxes baixan nos niveis adquisitivos baixos e, por exemplo, o 8,5% dos nenos e nenas de nivel adquisitivo baixo senten sempre tristes, fronte ao 5,6% do nivel adquisitivo alto. En xeral o nivel de benestar aumentou respecto a a anterior edición do barómetro, coincidindo cos momentos máis álxidos da pandemia, aínda que esta segue sendo a maior preocupación.

Nesta terceira edición do Barómetro incluíuse un bloque complementario sobre estereotipos de xénero. Neste sentido cabe destacar que, aínda que prima a igualdade en todas as profesións sobre as que se lles preguntou, dúas delas mostran os estereotipos de xénero máis marcados: policía e o coidado de nenos: o 19,6% considera que policía é un traballo que deberían facer só ou sobre todo os homes; e o 21% da mostra considera que o traballo de coidar nenos debería ser feito só ou sobre todo por mulleres. Ademais, persiste tamén a idea de que hai actitudes máis propias dun sexo que doutro. Ao redor de 1 de cada 10 participantes consideran que hai cuestións máis propias de homes, como é ser dominantes ou actuar como un líder, mentres que hai outras máis frecuentes en mulleres, como expresar agarimo abertamente ou querer lucir un bo aspecto.

https://www.unicef.es/sites/unicef.es/files/communication/Barometro_infancia_202122.pdf 

Seis historias arredor da música de tradición oral en Galicia

O Consello da Cultura Galega presenta un novo proxecto web, Axudádeme a cantar, unha serie documental que mostra e reivindica o canto acompañado con percusión de man. Son seis capítulos que “percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional”

Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba dunha extensión e diversidade importante no territorio galego. Neste documental de seis capítulos, contan coa colaboración de tocadoras tradicionais, participantes en procesos de recollida e divulgación, e artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e comparten o seu arte.

Eu e máis ti, compañeira
Eu e máis ti, comarada
Eu e máis ti, compañeira
Facemos a foliada

(Castrelo, Vimianzo) Recollida por Xabier Diaz

http://consellodacultura.gal/especiais/axudademe-a-cantar/

A Xunta de Galicia vén de estrear perfil institucional en TikTok co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega.

Deste xeito, e aproveitando a bagaxe do amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook (cuxas contas suman máis de 320 mil seguidores), o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital.

Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar o xeito de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o alcance e visibilidade de medidas de interese para un sector da poboación que está a empregar habitualmente este medio para permanecer informado.

https://www.tiktok.com/@xuntadegalicia

A Mocidade Voluntaria das Nacións Unidas son unha categoría creada recentemente en resposta ao chamamento do Secretario Xeral da ONU a unha maior participación no voluntariado da xeración máis numerosa da historia, formada por persoas menores de 30 anos.

Quen son os Mozos Voluntarios das Nacións Unidas?

Mozos e mozas motivados/as e con talento de entre 18 e 29 anos (ser menor de 29 durante toda a duración do seu voluntariado) que desexan participar en iniciativas de desenvolvemento e paz no seu propio país ou noutro país do mundo.

A súa formación académica e a experiencia requirida varían segundo a asignación, pero en xeral non se espera unha experiencia laboral superior a dous anos.

Destinos
Os voluntarios/as poden traballar en dereitos humanos, loita contra o cambio climático, atención sanitaria primaria, xestión de catástrofes, consolidación da paz ou participación xuvenil entre outras moitas outras áreas.

Poden traballar directamente nunha axencia das Nacións Unidas ou ser asignados a unha das súas organizacións asociadas, a unha universidade ou ao goberno.

Beneficios
As persoas voluntarias veranse recompensadas cunha experiencia que lles acompañará o resto da súa vida.
A súa participación como Mozos Voluntarios das Nacións Unidas será unha oportunidade para cambiar o mundo a mellor e, ao mesmo tempo, perfeccionar as súas propias aptitudes, adquirir coñecementos e comprender mellor as realidades do desenvolvemento internacional e a consolidación da paz.

Dotación
As persoas voluntarias reciben unha asignación básica que lles permite vivir na zona asignada.
Se prestan servizo voluntario fóra da súa zona de orixe, o avión de ida e volta ou o transporte terrestre (segundo proceda) e algúns outros gastos básicos corren a cargo do organismo de acollida.
Recibirán orientación e formación antes e despois do voluntariado.

Duración
A maioría dos voluntariados dos Mozos Voluntarios das Nacións Unidas teñen unha duración de entre 6 e 24 meses. En ocasións, os voluntariados de Mozos Voluntarios das Nacións Unidas nacionais e internacionais son inferiores a seis meses, denominándose estancias de curta duración.

Cando os Mozos Voluntarios ONU son patrocinados por unha institución académica, denomínaselles Novos Voluntarios Universitarios ONU. Os Mozos Voluntarios ONU Universitarios realizan voluntariados de menor duración, xeralmente entre 3 e 6 meses.

https://www.unv.org/become-un-youth-volunteer 

A USC e o Consello da Cultura Galega inclúen novos contidos no portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de achegar á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos.

Os novos contidos incorporados teñen que ver co cambio climático, Quecemento global: ameazas e oportunidades.

Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas deste fenómeno causado pola acción humana e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo.

http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/especial.php?t=10408# 

Abanca e Afundación veñen de lanzar un novo programa de educación financeira, titulado ‘Pon o teu diñeiro a salvo’, que ten como obxectivo dotar ás novas xeracións de competencias dixitais que lles permitan facer fronte á ciberdelincuencia. Está dirixido ao alumnado de ESO e FP Básica, Media e Superior.

Esta proposta formativa contribuirá a que os novos estudantes adquiran os coñecementos necesarios para poder utilizar dun modo seguro, crítico e responsable as tecnoloxías dixitais, incluíndo especificamente contidos relacionados coa ciberseguridade.

A actividade, que ten carácter gratuíto, está exposta para desenvolverse en dúas sesións. Os docentes que desexen inscribir aos seus estudantes poden facelo a través da web https://pontudineroasalvo.afundacion.org/ ou por correo electrónico, na dirección pontudineroasalvo@afundacion.org.

Unha vez realizada a inscrición, o profesorado recibirá todos os materiais e recursos necesarios para traballar estas temáticas dun modo flexible e adaptado á programación do curso.

https://pontudineroasalvo.afundacion.org/