Disneyland París ofrece desconto aos usuarios con Carné Xove nos diferentes tipos de entradas dispoñibles (tarifa Eco, Low, Medium, Medium Plus, Regular ou Peak).
Toda a información sobre as opcións de desconto, así como sobre a compra de entradas, pódese consultar na seguinte páxina web: https://cartejeunes.fr/disneyland-paris/
Para poder comprar as entradas, as persoas usuarias do Carné Xove non francesas que xa teñan conta no sitio web deberán, simplemente, acceder á súa conta coas súas credenciais e engadir ao carriño as entradas. Se o usuario non está rexistrado na web, basta con que envíe un email a info@cartejeunes.fr co asunto "rexistro na web", xuntando unha foto do seu carné xove, ou ben indicando Nome, Apelidos e o nº EYCA, e recibirán un correo de volta coas credenciais. (Importante: Cando un usuario do carné teña a tarxeta de modalidade financeira, por favor, teña coidado e tape o nº da tarxeta por seguridade).
A compra das entradas faise na seguinte ligazón: https://cartejeunes.fr/categorie-produit/parc-dattractions/. Para poder realizar a compra é necesario rexistrarse antes na páxina web (punto anterior).
As entradas enviaranse por email nun prazo máximo de 24h laborables desde a compra. Unha vez adquiridas, os responsables do Carné Xove francés poñeranse en contacto co usuario para confirmar o día no que quere visitar o parque e facilitar o rexistro de visita.
Pódense adquirir tantas entradas como se queira, pero sempre irán a nome do usuario con Carné Xove. É importante ter en conta que unha vez adquirida a entrada cunhatarifa determinada, esta non se poderá trocar por outra de tarifa diferente. Si está permitido o troco dun billete da mesma tarifa para outra data. Ao longo do ano, as tarifas poden ir variando segundo a afluencia de visitas ao recinto.
Para calquera outro tipo de dúbida, as persoas usuarias sempre poden contactar co servizo de atención ao cliente de Disneyland Paris: https://www.disneylandparis.com/fr-fr/my-disneyland/contactez-nous/
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiron hoxe na Estrada á inauguración do novo programa de lecer e educación non formal posto en marcha pola Xunta de Galicia para celebrar e poñer en valor o Día da Xuventude.
Este novo programa, ao abeiro do Plan Corresponsables, conta cunha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral.
Cristina Pichel explicou que a Estrada será a primeira parada desta programación, que ata o mes de abril recalará nunha trintena de localidades diferentes das catro provincias galegas. Así, subliñou que con esta iniciativa “ofrécense alternativas de ocio educativo saudable totalmente gratuítas, nas que non só se busca que a mocidade o pase ben, senón que tamén aprenda e desenvolva novas competencias”.
En cada un dos municipios a xuventude contará cun gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, futbolín humano, tiro con arco, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil así como con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor recursos como o hoxe estreado na Estrada e que contarán con presenza en 30 concellos para “ofrecer alternativas de conciliación e espazos de coidados ás familias”. Tal e como recalcou, a iniciativa enmárcase no conxunto de actuacións que Galicia desenvolve do Plan Corresponsables de xeito transversal e que supón un punto e seguido nas políticas de impulso á conciliación e corresponsabilidade que vén desenvolvendo a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e á que destinará en 2023 un total de 14,6 millóns de euros.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, pon en marcha un novo programa de lecer e educación non formal dirixido aos mozos e mozas galegos desde o mes de xaneiro de 2023 ata abril.
Deste xeito búscase celebrar e poñer en valor o “Día da Xuventude” cunha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. Este programa da Xunta de Galicia, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, recalará en ata 30 concellos diferentes das catro provincias galegas.
Os mozos e mozas participantes poderán gozar dun amplo abano de actividades totalmente gratuítas:
Gastronomía saudable: xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada.
Lecer educativo: Fútbol burbulla, futbolín humano, slackline e tiro con arco.
Sensibilización medioambiental: talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe.
Igualdade de xénero: relacións tóxicas vs. relacións de bo trato.
Taller de graffiti: técnicas de aprendizaxe rápida e mural común.
Habilidades para a empregabilidade: dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo.
Información xuvenil: caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade.
Xaneiro:
A ESTRADA: Martes, 3 de xaneiro, de 16 a 21 horas, na Praza da Constitución.
CANGAS DO MORRAZO: Sábado, 14 de xaneiro, de 17 a 22 horas, na Praza da Constitución. Actuación de Miguel Santervás e Nuno Ponce.
VIMIANZO: Domingo, 22 de xaneiro, de 16 a 21 horas, na Praza do Concello. Actuación de A.C. Trubisquiña.
MONTERROSO: Sábado, 28 de xaneiro, de 16 a 21 horas, na Cúpula.
Febreiro:
CEE: Sábado, 4 de febreiro, de 16 a 21 horas, na Praza do Mercado. Actuación de Álex Castro.
SARRIA: Sábado, 11 de febreiro, de 16 a 21 horas, no Parque do Chanto. Actuación de A.C. Meigas e Trasgos.
MUGARDOS: Domingo, 12 de febreiro, de 16 a 21 horas, no Pavillón Municipal de Deportes. Actuación de Willie & Winnie.
MUROS: Venres, 17 de febreiro, de 16 a 21 horas no Curro da Praza. Actuación de The Balayöös.
BANDE: Sábado, 18 de febreiro, de 16 a 21 horas na Praza da Constitución. Actuación de Simplemente Enricco.
SANTA COMBA: Domingo, 19 de febreiro, de 16 a 21 horas no Recinto Feiral (mercado do gando). Actuación de DJ Rokiño.
A FONSAGRADA: Venres, 24 de febreiro, de 16 a 21 horas no Pavillón do CEIP Plurilingüe Santa María. Actuación de Enriba da Brétema.
MELIDE: Sábado, 25 de febreiro, de 16 a 21 horas no Pazo de Congresos e Exposicións.
RIBEIRA: Domingo, 26 de febreiro, de 16 a 21 horas no Espazo Municipal de usos múltiples. Actuación de Dani Recho.
Marzo:
ORDES: Venres, 3 de marzo, de 16 a 21 horas na Alameda. Actuación de Embruxo Gaiteiros.
VILAGARCÍA: Sábado, 4 de marzo, de 17 a 22 horas na Praza da II República (explanada do Auditorio). Actuación de Martina López.
PONTEAREAS: Domingo, 5 de marzo, de 16 a 21 horas na Praza Maior. Actuación de Os Alecríns.
O BARCO DE VALDEORRAS: Venres, 10 de marzo, de 16 a 21 horas no pavillón vello (Praza de España). Sesión DJ con Rafa Aguiar.
CELANOVA: Sábado, 11 de marzo, de 16 a 21 horas no Pavillón Pedra da Moa. Actuacións de Breaking Fast e da Banda de música xuvenil de Celanova.
MONDOÑEDO: Domingo, 12 de marzo, de 16 a 21 horas na Praza da Catedral. Sesión con DJ Peabody.
PADRÓN: Venres, 17 de marzo, de 16 a 21 horas no pavillón polideportivo do Grupo Escolar. Actuación de Pecha a Cansela.
CALDAS DE REIS: Sábado, 18 de marzo, de 16 a 21 horas no patio do CPR Plurilingüe San Fermín. Actuación de Diego Méndez.
O PORRIÑO: Sábado, 25 de marzo, de 16 a 21 horas no Auditorio exterior do Centro Cultural Municipal. Sesión con DJ Pitty.
Abril:
O CARBALLIÑO: Domingo, 2 de abril, de 16 a 21 horas na Praza Maior. Actuación de Percucar.
VIANA DO BOLO: Sábado, 8 de abril, de 16 a 21 horas no exterior do Pavillón Municipal. Sesión con DJ Tariro.
LALÍN: Sábado, 15 de abril, de 13 a 14:30 horas e de 16:30 a 20 horas na Praza da Igrexa. Actuación de Iria e Diego ás 13 horas.
NEGREIRA: Domingo, 16 de abril, de 10 a 15 horas na Praza do Concello. Sesión con Mr. Vieito.
RIBADEO: Sábado, 29 de abril, de 16 a 21 horas no Pavillón Municipal. Actuación de Festra.
Maio:
ARZÚA: Sábado, 6 de maio, de 16 a 21 horas no Recinto Feiral Terra do Queixo. Actuación de Human Band.
VERÍN: Sábado, 13 de maio, de 16 a 21 horas na Praza García Barbón (Praza Maior). Actuación de Victoria Pérez Gascón.
O programa está cofinanciado polo Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables.
Xa está aberta a convocatoria para unha nova edición do Parlamento Xove!!!
O Parlamento Xove é un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.
O programa estrutúrase nas seguintes categorías:
Categorías de ESO e Bacharelato
Nestas dúas categorías, poderán participar os centros educativos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria; e de 1º e 2º de Bacharelato.
Os equipos inscritos estarán formados por 4 alumnos/a e un/unha profesor/a que será o/a coordinador/a. En total poderán participar 48 equipos (24 por cada categoría).
O programa realizarase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán 8 equipos gañadores, que se enfrontarán nunha segunda fase final. Paralelamente, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado.
A fase de inscrición nestas categorías está pechada.
Categoría de Universidades
Destinada aos mozos e mozas estudantes de grao dos sete campus universitarios das tres universidades galegas matriculados/as no curso académico no que se convoca o programa.
Nesta categoría poderán participar un máximo de 16 equipos. O equipo de debate estará formado por un mínimo de 2 estudantes e un máximo de 4.
A fase de inscrición nesta categoría permanece aberta ata o 1 de febreiro.
Categoría de FP (Formación Profesional)
A maior novidade desta decimocuarta edición é que poderá participar a mocidade estudante de calquera módulo ou ciclo de FP de calquera centro de ensino de Galicia.
Os equipos inscritos estarán formados por 4 alumnos/as e un/unha profesor/a que será o/a coordinador/a. Poderán inscribirse un total de 8 equipos na categoría de FP.
A categoría de FP non ten fase clasificatoria, tendo en conta que se inclúe por primeira vez nesta edición.
A fase de inscrición nesta categoría permanece aberta ata o 1 de febreiro.
Consulta as túas dúbidas no correoparlamentoxove.xuventude@xunta.gal ou nos teléfonos 981 545 702 e 981 544 645.
Máis información en http://xuventude.xunta.es/parlamento-xove
A Consellería de Política Social e Xuventude, no marco da gala de entrega de premios do Xuventude Crea 2022, que ten lugar o sábado 17 de decembro no Tinglado do Porto de Vigo, pon en marcha un premio especial vinculado ao Carné Xove. O obxectivo deste concurso é abrir unha fase de votación do público, que poderá elixir, entre todas as obras premiadas nas diferentes disciplinas do programa Xuventude Crea desta edición, cal é a súa favorita.
O citado concurso iniciarase ás 18.00 horas do día 17/12/2022 e finalizará ás 11.59 horas do día 19/01/2023. Ten a seguinte mecánica:
A candidatura gañadora obterá como premio un vale de 100€ para gastar en calquera dos establecementos adheridos ao Carné Xove. A persoa gañadora do sorteo entre os votantes obterá como premio un pack de regalos publicitarios de Carné Xove.
Consulta as bases nas seguintes ligazóns (Versión galego / Versión castelán).
María Santalla Martínez e Daniel Alejandro Santiago Mayoral fixéronse co primeiro posto na modadlidade de videoxogos dentro do certame Xuventude Crea 2022 coa obra ‘K.I.W.I.’
O segundo lugar foi para a creación titulada ‘Poupar’, que elaboraron Jorge Fernández Meneses, Eloi Pena Gómez, Celia Fernández Gómez, Brandán Reino Gorín e Sara Martínez Narváez. O terceiro premio quedou deserto. Os gañadores recibirán unha gratificación de 3000 euros; e 1500 euros o equipo que quedou en segunda posición.
Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal
A Xunta de Galicia deu a coñecer ás gañadoras na especialidade de Arte Urbana do programa Xuventude Crea 2022, cuxa fase final se celebrou o pasado mes de novembro en Vigo. A vencedora foi Fernanda Rodríguez Miguélez, da Coruña, pola súa creación ‘Susi de ghato'.
En segundo lugar quedou Elvira López Rodríguez, natural de Ribadeo, cunha proposta titulada ‘Egos'. E o terceiro posto recaeu en Andrea Otero Vázquez, de Ribadavia, coa obra titulada ‘Inés e Anís'. A gañadora recibirá unha gratificación de 3.000 euros; 1.500 a segunda clasificada e 1.000 a que quedou en terceira posición. En total, chegaron a esta fase final cinco novos que presentaron as súas obras ao xurado.
350 artistas e 280 obras
Máis de 4.000 mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se celebraron do Xuventude Crea, que acumula preto de 3.000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 concorren un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recentemente estreado: www.museoxuventudecrea.gal
As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Como novidade neste 2022, o cambio de nome de grafiti ao de arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado premia varios traballos en Moda e Deseño de xoias do programa Xuventude Crea 2022
O santiagués Brais Albor Rodríguez obtivo o primeiro premio en Moda pola súa creación ‘Touro Galego’; e a obra titulada ‘Tick-Tock Collection’, de Rebeca García Martínez, da Pobra do Caramiñal, gañou na categoría de Deseño de Xoias
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á fase final destas especialidades, na que se deron a coñecer os gañadores
O resto das premiadas nesta fase final de Moda, na que se deron cita sete aspirantes, foron Antía Vieiro Fernández, de Brión, que coa confección titulada ‘Vaya huevos’ quedou en segundo lugar; e a terceira clasificada foi a pontevedresa Laura Barrós Chans, con ‘Novo Pentaerion’.
Na especialidade de Deseño de Xoias obtivo o segundo lugar Aldara Hernaiz Sánchez, de Padrón, autora de ‘Una vuelta más’; e en terceira posición quedou Evelyn Cacabelos Lores, natural de Vilagarcía de Arousa, coa obra titulada ‘La chica del espejo’. A esta final chegaron seis creacións.
Todas as obras finalistas nestas dúas categorías estarán expostas na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro 29 de decembro, agás domingos e festivos.
Podes ver obras premiadas noutras edicións no Museo dixital de Xuventude Crea
Por segundo ano consecutivo, a Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición de Outono Xove, un programa de educación non formal con actividades formativas e de lecer para a mocidade galega durante os meses de novembro e decembro en dous tipos de espazos diferentes:
1. Durante as fins de semana en distintos albergues xuvenís e outras instalacións do territorio galego.
2. De carácter semanal nos 12 Espazos Xoves dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude.
Trátase dunha actuación da Xunta de Galicia co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.
1. FINS DE SEMANA EN ALBERGUES XUVENÍS
As actividades comezarán a partir do 11 de novembro. Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade: de 14 a 17 anos e de 18 a 30 anos.
Ofértanse 880 prazas nos 10 programas que conforman a actividade, cun máximo de 20 prazas en cada unha das opcións e fins de semana.
A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo. As persoas participantes aboarán, nestes casos, 18,75 euros.
Poderase solicitar a devolución da cota sempre que se comunique a renuncia á praza adxudicada cunha antelación mínima de 5 días naturais á data de inicio da actividade.
MOI IMPORTANTE: O prazo de inscrición comezará o día 2 de novembro ás 10.00 horas e será mediante formulario en liña. No formulario só se poderá elixir unha quenda. As prazas asignaranse por estrita orde de chegada dos formularios.
+ Formulario de inscrición de 14 a 17 anos
+ Formulario de inscrición de 18 a 30 anos
Consulta aquí a toda a información do programa
2. PROGRAMACIÓN ESPAZOS XOVES
Esta programación, totalmente gratuíta, inclúe doce tipos de actividades presenciais vinculadas a diferentes ámbitos:
-Catro deles desenvolveranse aos sábados: escape room, break dance, obradoiro de cine, xogos de mesa.
-Os oito restantes realizaranse de martes a venres, segundo o calendario que se especifica para cada espazo xove: rap, danza moderna, xadrez creativo, xadrez, maquillaxe artística, robótica, teatro, ciencia.
As actividades están dirixidas á mocidade da contorna de cada espazo xove entre 12 e 18 anos. Terán preferencia aqueles con idades comprendidas entre os 12 e os 16.
Cada persoa poderá inscribirse en cantos obradoiros queira, tendo en conta que algúns teñen varias sesións encadeadas ao longo do período do programa. A inscrición será no propio espazo xove a través das súas canles de comunicación habituais (presencial, telefónica ou electrónica).
Consulta aquí o detalle da programación de cada espazo xove.