En portada (1167)

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, en aras de seguir facilitando o achegamento da información xuvenil á poboación moza, ofrece a posibilidade de poñer en marcha Puntos de información xuvenil itinerantes nos centros docentes con ensinanzas de educación secundaria.

Esta iniciativa, que arrincou a comezos de 2022 nos sete campus universitarios galegos grazas á colaboración das tres universidades públicas, estendeuse no curso pasado aos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP). Coa inclusión dos centros de ensino que teñan ESO e Bacharelato amplíanse as oportunidades para a mocidade, que poderá coñecer de preto todos os recursos, programas e axudas existentes en materia xuvenil. Así mesmo, neste punto tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Xunta de Galicia enviou, de xeito totalmente gratuíto, a toda a poboación moza de 12 a 30 anos.

Serán os centros educativos os que soliciten esta iniciativa a través do seguinte formulario, no cal teñen a posibilidade de indicarnos que mes do curso escolar lles viría mellor para a visita. Unha vez recibidas as peticións, o equipo de dinamización xuvenil encargado da xestión desta acción poñerase en contacto co profesor ou profesora de contacto para fixar a data e o horario axeitado para a instalación do punto de información xuvenil. O horario deste punto estenderase, como máximo, ao longo dunha xornada lectiva.

A través desta acción refórzanse os programas de difusión e achegamento da información de interese para a mocidade que a Consellería ten en marcha xa nos centros educativos, como é o caso de Correspondentes xuvenís. De feito, aqueles centros que desenvolvan este programa terán preferencia, de existir unha elevada demanda, de cara á instalación deste punto de información xuvenil itinerante. Neste caso tamén se fomentará a participación dos correspondentes.

A Consellería de Política Social e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación ou Voluntariado, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, pretende favorecer a difusión da información xuvenil entre o alumnado Correspondentes STICKERS correspondenteuniversitario a través do programa Correspondentes universitarios/as.

Este programa pretende difundir os programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia e as universidades ofrecen á mocidade galega, así como outra información de interese, entre o alumnado das tres universidades. Serán os propios estudantes, como correspondentes universitarios/as, os encargados/as de transmitila, o cal favorece a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Funcións das e dos correspondentes universitarias/os:
- Difundir entre o alumnado información sobre os programas e iniciativas para a xuventude que promova a Xunta de Galicia, as universidades e aqueles outros de interese que os mozos e mozas poidan coñecer a través dos medios ao seu alcance como redes sociais, medios de comunicación, páxinas web, etc.
- Xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información no centro que lle asigne a Universidade que corresponda.
- Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación ou Voluntariado ou as universidades, destinados ás e aos correspondentes universitarios/as.
- Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus universitario, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV.
- Aquelas outras que supoñan a mellora na achega de información á mocidade.

Beneficios das e dos correspondentes universitarias/os:
- Recibir información xuvenil de interese para a comunidade universitaria.
- Recibir gratuitamente formación en materia de información xuvenil.
- Recibir gratuitamente o carné de alberguista, se lles interesa.
- Recoñecerlles o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude.
- A USC expedirá unha certificación ao seu alumnado que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 25 horas, unha vez completado o protocolo por ela fixado.
- A UDC expedirá unha certificación aos seus estudantes que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 10 horas, por participación en actividades universitarias.
- A Universidade de Vigo convalidará ao seu alumnado o tempo de participación no programa por ata un máximo de 6 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 30 horas, a partir do certificado expedido pola DXXPV.

Requisitos/obrigas das persoas solicitantes: Correspondentes STICKERS etiqueta
- Manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña durante todo o curso 2023/204.
- Ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude.
- Describir a motivación/razón pola que se inscriben no programa.
- Asistir, como mínimo, ao 80% das reunións de coordinación e seguimento convocadas pola DXXPV para poderen acreditar a súa participación como correspondentes no final do curso. Só se permitirán excepcións por causas médicas ou académicas debidamente xustificadas. A DXXPV emitirá un certificado oficial de asistencia a reunións ou actividades vinculadas ao programa para a súa xustificación ante unha posible ausencia académica.
- Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV. Unha data orientativa é a do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil.
- Cumprir os requisitos específicos que estableza cada Universidade para estes efectos. No caso da USC, para o recoñecemento do traballo dos Correspondentes Universitarios esíxese que estean inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario desta institución. Para a solicitude de créditos, ata un máximo de 3 ECTS por ano académico, o alumnado participante deberá ter realizada a formación segundo o protocolo que se recolle no Acordo do Consello de Goberno da USC para o recoñecemento de créditos nos estudos de grao ao abeiro do artigo 12.8 do RD1393/2007 do 5 de xullo de 2016 xunto coa formación básica en materia de información xuvenil proporcionada polos técnicos da DXXPV.

prazo para solicitar a participación no programa estará aberto ata o 31 de outubro de 2023.

Anímate a participar!!

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca un curso máis o programa Correspondentes Xuvenís coaCorrespondentes STICKERS etiqueta pretensión de contar cunha antena informativa en cada centro educativo.    

O equipo de Correspondentes Xuvenís será alumnado que se responsabilice de recoller a información que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude, Espazo Xove ou OMIX do seu concello e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do Servizo de Información Xuvenil e co profesorado participante no programa.

Os/as correspondentes terán as seguintes funcións:
- Difundir a información que reciban a través dos medios ao seu alcance: taboleiro informativo, redes sociais, wahtsapp, podcast...
- Manter actualizado e ordeado o taboleiro informativo do centro
- Remitir a Xuventude información do seu centro que poida ser de interés para correspondentes doutros puntos de Galicia.
- Participar nas sesións de formacións e/ou intercambio de experiencias que se porpoñan dende a DXXPV.
- Elaborar un podcast propio de correspondentes xuvenís. Durante o curso, os centros deberán traballar o contido do que se nutra o podcast.

Beneficios para os/as correspondentes:
- Poderán participar nos Encontros de Correspondentes Xuvenís que se organicen ao longo do curso.
- Recoñeceráselles a súa particapción cun Certificado de experiencias: Educación non formal en materia de Xuventude.
- Contarán con asesoramento para a posta en marcha do programa no seu centro educativo..

Beneficios para o profesorado colaborador:
O profesorado que participe a través do Plan Proxecta recibirá unha certificación da Consellería de Educación.

O programa Correspondentes Xuvenís pode solicitarse de dúas formas:
1. A través do Plan Proxecta da Consellería de Educación, ata o 29 de setembro de 2023.
2. Directamente coa Dirección Xeral de Xuventude, a través do Centro Coordinador de información xuvenil.

Máis información no teléfono 881 997 606 e 881 997 602 e en https://www.edu.xunta.gal/portal/node/9626

Un ano máis, a Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta un Plan de formación no ámbito xuvenil e da acción voluntaria en Galicia, coa finalidade de ofrecer formación en liña e presencial en materia de voluntariado e xuventude no último cuatrimestre deste ano.

O Plan está conformado por 10 cursos presenciais, 22 cursos en liña e 10 cursos mixtos, cun total de 2.395 prazas.

Os cursos da área de voluntariado oriéntanse á dotación de ferramentas básicas para que, tanto o persoal técnico das entidades de acción voluntaria, como as persoas voluntarias que colaboran ou desexan colaborar con estas entidades, dispoñan dos coñecementos imprescindibles na materia para levar a cabo a súa labor de mellor xeito posible. Nesta ocasión os cursos desta área abarcan, ademáis da formación básica en materia de voluntariado e de planificación de proxectos e captación de voluntariado, diferentes temáticas coma lingua de signos, voluntariado interxeracional e envellecemento activo, economía circular e desenvolvemento sostible, voluntariado ambiental e subvencións.

Con respecto aos cursos da área de xuventude, estes están orientados á formación tanto de profesionais do sector do ocio educativo e tempo libre así como de persoal técnico que traballa coa mocidade como á formación da mocidade en xeral. As temáticas dos cursos versan sobre deportes náuticos, primeiros auxilios, intelixencia emocional, xestión das emocións, tecnoloxías e tempo libre, intelixencia artificial, oratoria, proxectos ERASMUS+, lecer e creación de asociacións xuvenís.

Ademais das temáticas enumeradas ofértase un curso de Igualdade de xénero para a prevención e o afrontamento da violencia de xénero co fin de formar, en materia de igualdade, tanto a persoal técnico, como á mocidade e persoas voluntarias. Así mesmo, os contidos en igualdade de xénero son transversais tamén a moitos dos cursos ofertados.

 

INSCRICIÓN

Poderán participar nas accións formativas convocadas as persoas maiores de 16 anos que teñan interese en obter coñecementos especializados en materia de acción voluntaria e de xuventude, atendendo ás especificacións que se indican en cada un dos cursos. Por outra banda, aquelas persoas que obtiveron praza e superaran o mesmo curso xa ofertado en edicións anteriores, non serán admitidas nesta nova convocatoria.

As prazas para cada un dos cursos outorgaranse por rigorosa orde de inscrición, atendendo ás especificacións indicadas. Os formularios de inscrición (un por cada curso) estarán dispoñibles no campus en liña da páxina web de Voluntariado (www.voluntariadogalego.org) desde as 9.00 horas do luns 11 de setembro. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un deles.

Para acceder á plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org, o alumnado que xa solicitara inscrición con anterioridade deberá acceder introducindo o seu nome de persoa usuaria e contrasinal e solicitar a matrícula nos cursos que desexe.

As persoas que accedan por primeira vez e aínda non teñan conta de persoa usuaria creada na plataforma de teleformación terán que crear a súa conta nesta antes de solicitar praza (consultar manual do alumnado colgado no campus en liña). É recomendable crear a conta antes do día de apertura de matrícula.

É importante que, á hora de realizar a inscrición nun curso, se indique se se forma parte dunha entidade de acción voluntaria, dunha asociación xuvenil, dun concello, dunha empresa adicada ao ocio educativo ... En caso de que así sexa debe incluirse o nome correspondente no apartado de observacións.

 

CADRO DOS CURSOS DO PLAN DE FORMACIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO 2023

Como continuación da campaña de Bonos REAJ da Rede Española de Albergues Xuvenís, informámosvos da abertura dun novo lote de BONOS REAJ para estes últimos meses do ano.

Deste xeito, o vindeiro martes 5 de setembro, abrirase o novo lote de Bonos na páxina web de REAJ. Este dividirase en duas quendas, é dicir, abriranse bonos esta semana e a seguinte e terán duración ata final de ano, 31 de decembro do 2023.


Lembramos e resumimos:

- Bonos Individuais de 30€

- Bonos de Grupos de 200€

- Ata o 31 de diciembre deste ano para trocalos e usalos en calquera albergue REAJ.

- Os devanditos bonos serán postos ao dispor dos usuarios na páxina de REAJ de maneira graduada. Así mesmo, a cada persoa/grupo que se lle envíe un Bono Albergue faráselle chegar tamén por email un Carné de Alberguista Dixital de forma gratuíta.


Requisitos:

Os Bonos Albergues REAJ individuais poderán ser solicitados por calquera persoa física que teña entre 18 e 30 anos e teña residencia legal en España. No momento da solicitude do bono o usuario deberá ser menor de 31 anos. Unha vez cumpridos os 31 anos, non poderá ser solicitante do bono (aínda que si que poderá trocalo no caso de que o solicitase antes de cumprir os 31).

Só se emitirá un bono por persoa, que irá ligado ao seu número de DNI / NIE e será persoal e intransferible, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.

Os Bonos Albergues REAJ de grupo poderán ser solicitados por calquera grupo legalmente constituído que teña CIF e estea recoñecidos por algunha administración como grupo.

Só se emitirá un bono por cada CIF e só poderá ser utilizado polo grupo ao que lle foi concedido, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.


 * Páxina web para adquirir os bonos


 * Vídeo promocional

A Xunta abre o prazo para participar na cuarta edición de Xuventude Mentoring. Trátase dun programa de formación e orientación promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas tres universidades galegas para apoiar e acompañar os mozos e mozas que se atopan nun momento de inicio laboral tras remataren os seus estudos de grao ou de FP superior. Con esta iniciativa preténdese que os/as participantes potencien as súas habilidades e competencias a través dunha rede de mentores do eido empresarial galego.

Poden participar as persoas de entre 18 e 30 anos inscritas e beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil con estudos finalizados de grao, de FP superior ou de ensinanzas de réxime especial. O prazo de inscrición vai do 28 de agosto ao 18 de setembro.

O programa artellarase en catro bloques de accións que se desenvolverán, fundamentalmente, entre outubro e decembro:
1.Actividades de asesoramento e acompañamento polos titores/as. Estas persoas acompañarán de xeito individualizado a cada participante durante o programa.
2.Actividades de mentoría a cargo de persoas profesionais procedentes do sector empresarial. Cada participante terá asignada unha persoa mentora procedente do sector económico ou profesional do seu interese que lle aconsellará, apoiará e guiará na súa busca de emprego por conta allea ou propia, así como lle axudará a crear e ampliar unha rede de contactos de interese.
3.Actividades formativas de apoio ao desenvolvemento do perfil competencial de cada participante. Estas divídense entre actividades formativas obrigatorias e contidos formativos voluntarios, podendo desenvolverse de maneira presencial, semipresencial ou en liña.
4.Actividades de networking e visitas a empresas. Ao longo do programa organizaranse diversas actividades de interacción e networking a través de eventos presenciais e de visitas a empresas destinadas a mellorar a empregabilidade e establecer unha rede de contactos que apoien as demais tarefas do programa. A participación nestas actividades será voluntaria.

O programa está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+, nun 60%, con cargo ao Programa FSE+Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4, prioridade 5, obxectivo específico ESO4.1, medida 5.A.06

Toda a información pódese consultar nas bases do programa, así como acceder ao formulario de inscrición.

A Xunta de Galicia convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil así como proxectos de Voluntariado Interxeracional no medio rural, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023.

O dito programa consiste en instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado.

Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.

Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Actividades relacionadas co ámbito familiar.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional. Dentro destas actividades serán subvencionables as seguintes liñas:

1º. Liña 1. Coidados: avaliar o illamento en que se encontran algunhas persoas maiores, e elaboración de proxectos orientados á integración destas persoas que residan soas ou en áreas con baixa poboación, coa finalidade de paliar o illamento e potenciar a participación en actividades colectivas mediante o establecemento de puntos de encontro no seu contorno que faciliten a súa participación sen necesidade de facer grandes desprazamentos.

2º. Liña 2. Protección do ambiente: proxectos encamiñados á eliminación de especies invasoras en zonas de especial sensibilidade ambiental ou á recuperación de especies autóctonas.

3º. Liña 3. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados á dixitalización para persoas maiores (manexo de teléfonos móbiles, apps, relacións con entidades bancarias, servizos sanitarios ou administrativos).

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos:
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.

Os trámites presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 18 de setembro de 2023.
Máis información no DOG do 18 de agosto de 2023 e en www.voluntariadogalego.org 

O Diario Oficial de Galicia do 17 de agosto de 2023 publica a relación das nove entidades privadas sen ánimo de lucro e da agrupación de concellos formada por Camariñas, Muxía e Vimianzo que participarán na primeira edición do programa Xuventude Mentoring na empresa. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a mozas e mozos estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos en Galicia e que melloren as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.

O Xuventude Mentoring na empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Esta proposta está financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.

As propostas beneficiadas das achegas deben contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de ata tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concede a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros.

Bolsas de formación en sectores estratéxicos
Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, as persoas participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.

As empresas ou entidades públicas ou privadas en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia, e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e da comunicación, e calidade de vida e benestar.

 

A Xunta publica a oferta de actividades nos 12 Espazos Xoves dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para este verán.

Trátase dunha serie de obradoiros de carácter lúdico e formativo cos que se lle dan posibilidades á mocidade galega para o seu ocio estival ao tempo que se facilita a concicliación das familias.

 

QUE? Esta programación inclúe obradoiros presenciais, vinculados a diferentes ámbitos: escape room, skate, ilustración, maquillaxe artística, teatro, robótica, escritura creativa, danza, audiovisual, radio, cómic, obradoiros de natureza e obradoiros artísticos manipulativos. Desenvolveranse nos 12 Espazos Xoves da Xunta: Curtis, Carballo, Noia, Betanzos, Pontedeume, Ourense, Tui, Lalín, Vilagarcía, Viveiro, Vilalba e Chantada.

 

CANDO? As actividades desenvolveranse entre o 24 de xullo e o 12 de agosto. Nos Espazos Xoves da provincia de Lugo, en horario de 17:00 a 19:00 h. No resto de centros: de 11:00 a 13:00 h.

 

PARA QUEN? Mocidade a partir dos 12 anos e preferentemente ata os 16 anos.

 

INSCRICIÓN: A través das canles habituais de contacto con cada Espazo Xove (presencial, teléfono ou correo electrónico).

 

Toda a programación:

- Descrición xeral do programa

- Espazos Xoves da Coruña

- Espazos Xoves de Lugo

- Espazos Xoves de Pontevedra

- Espazo Xove de Ourense

 

Esta programación está financiada polo Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, no marco do Plan Corresponsables.

Xacobeo Xove

Xul 06, 2023

O programa Xacobeo Xove é unha iniciativa que pretende impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade usuaria do Carné Xove a través dun desconto de 200 € en servizos ao longo de calquera das Rutas Xacobeas.

Como funciona o programa Xacobeo Xove?
A mocidade usuaria do Carné Xove poderá beneficiarse dun desconto de 200 € en servizos vinculados ao Camiño de Santiago.

Condicións
- Ter idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e estar en posesión do Carné Xove activo, é dicir, debe contar co número de identificación do carné (número Eyca).
- Cada beneficiario poderá ter un único desconto, que se vinculará ao número de Carné Xove.
- O desconto é persoal e intransferible.
- O custo da totalidade da viaxe debe ser, sen o desconto, como mínimo de 300 €. 
- A experiencia debe adquirirse a través das axencias de viaxe galegas que estean dadas de alta no programa.

Como podo participar?
As persoas interesadas en beneficiarse do programa Xacobeo Xove poranse en contacto con algunha das axencias de viaxe adheridas ao programa, onde optarán por un paquete xa configurado do Camiño de Santiago ou deseñar o seu propio itinerario atendendo aos seus gustos e necesidades.

As viaxes poden incluír todo tipo de servizos relacionados co Camiño de Santiago en calquera das 10 rutas oficiais, dende aloxamento en diferentes tipoloxías de establecementos, desprazamentos ou outro tipo de actividades complementarias.

Para poder beneficiarse deste desconto, será indispensable:
- Presentar o Carné Xove activo á axencia de viaxes seleccionada.
- Adquirir unha experiencia ou viaxe no Camiño.
- Aportar e autorizar o tratamento dos datos de carácter persoal necesarios para a formalización da viaxe.

As viaxes poderán realizarse entre o 1 de xullo e o 30 de Novembro de 2024.

Para calquera dúbida adicional, poden dirixirse á dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou ao 881 505 103.

https://xacobeoxove.com/ 

CARNE XOVE4

 

 

Descontos do Carné Xove