Xornadas micolóxicas

xornadas_micoloxicasRutas e Cogomelos de Betanzos é un grupo informal de mozos e mozas do municipio betanceiro unidos por unha afección común ao mundo dos cogomelos e ás actividades no medio natural. Froito desta afección naceu o proxecto Xornadas micolóxicas, O patrimonio ecolóxico, oportunidade para o emprendemento, que se desenvolveu ao longo do mes de outubro e contou coas actividades seguintes:

  • Curso de iniciación á micoloxía (do 14 ao 18 de outubro)O curso, que tivo lugar no Espazo Xove de Betanzos, estaba dirixido a todos os mozos e mozas de entre os 16 e os 35 anos, sen coñecementos previos sobre a materia, que quixesen iniciarse no mundo da micoloxía. Participou un total de 21 persoas. 
  • Curso sobre os cogomelos máis frecuentes en Galicia (do 22 ao 24 de outubro) O curso, que tivo lugar no Espazo Xove de Betanzos, estaba dirixido a mozos e mozas de entre os 16 e os 35 anos, con coñecementos previos sobre micoloxía, que desexasen afondar nesta materia. Participou un total de 26 persoas. 
  • Charla sobre o cultivo de cogomelos e as súas distintas aplicacións (19 de outubro) Os cogomelos, polas súa características, teñen moitas aplicacións no ámbito gastronómico e forestal.O obxectivo desta charla era aumentar o interese das persoas participantes polas aplicacións dos cogomelos en distintos ámbitos da vida económica de Galicia. A charla, na que participaron 17 persoas, foi impartida de forma desinteresada polo persoal da empresa Porto Muíños.
  • Saídas ao monte guiadas por un experto micólogo (días 13 e 20 de outubro)A finalidade desta actividade era que as persoas participantes puidesen poñer en práctica os seus coñecementos teóricos, sempre baixo a  supervisión dunha persoa experta en micoloxía, á vez que se promovía unha actividade de ocio saudable como son as saídas ao monte. As saídas guiadas leváronse a cabo no Parque Natural das Fragas do  Eume, no concello de Monfero. O día 13 de outubro participaron 24 persoas mentres que o 20 de outubro participou un total de 33 persoas.
  • Visita guiada á Aula de Cociña da empresa Porto Muíños (25 de outubro)Porto Muíños é unha empresa pioneira no cultivo, procesado e comercialización de  champiñóns e outros cogomelos en Galicia. O obxectivo da visita era coñecer outro exemplo de empresa de éxito que naceu, precisamente, de descubrir o potencial comercial que tiñan os cogomelos no noso país. Nesta visita guiada á Aula de Cociña participaron 19 persoas.
  • Xornada en Casa de Sixto: ecoloxía, emprendemento, turismo rural, micogastronomía e espectáculo de cociña. Charla sobre emprendemento e patrimonio ecolóxico a cargo da directora xeral de Olei (26 de outubro)A xornada tivo lugar en Casa de Sixto, establecemento de turismo rural, do Concello de Paderne, membro da Asociación Refuxios do Mandeo. Durante a mañá, as persoas participantes saíron a buscar cogomelos polos montes que hai ao redor da casa para, deseguido, realizar un concurso de identificación supervisado pola Federación Micolóxica Galega. As e os gañadores do concurso foron premiados con distintos agasallos ofrecidos pola Asociación Refuxios do Mandeo. De 12:00 a 13:00 h impartiuse a Cátedra de Cociña, que correu a cargo de José Luis Tomé Ortega. A continuación, o relator preparou con filloas á pedra a degustación popular da tradicional Cazola de Bruxas. Xa pola tarde, tivo lugar o Show Cooking e a degustación a cargo de Mesón Paxeiro de Javier Casanoba, de Mesón-restaurante a Veiga e de Tarta.com Arte, todos eles de Betanzos.  Aceites Olei quixo estar presente nestas xornadas e foi utilizado en todos os pratos. María Estévez Forneiro, propietaria da compañía, explicou as características e o potencial da variedade, 100% galega, de oliva brava que utiliza na elaboración dos seus aceites. A xornada pechouse cunha queimada e cunha ruta cultural da Santa Compaña polos camiños que rodean este establecemento de turismo rural. 

O obxectivo principal destas xornadas era transmitirlles aos mozos e mozas participantes os valores de coñecemento do noso patrimonio micolóxico e do espírito emprendedor que impregnaron de forma transversal todas as actividades, dunha forma lúdica e en contacto coa natureza. Na iniciativa participaron 43 persoas.


Máis información sobre as Xornadas micolóxicas, O patrimonio ecolóxico, oportunidade para o emprendemento:

III Xornadas Micolóxicas de Betanzos, en Facebook 

Betanzos acollerá en outubro as Xornadas Micolóxicas con charlas e curso 

Éxito das III Xornadas Micolóxicas de Betanzos 

A Casa da Xuventude acollerá un curso de micoloxía en outubro 

 

Máis información sobre o Grupo Informal Rutas e Cogomelos de Betanzos en Facebook