Proxecto Elve

elveElve é un grupo informal que foi creado para promover  actividades tanto educativas como lúdico-recreativas e fomentar con elas o movemento da xuventude na comarca do Ribeiro. 

O Proxecto Elve consistiu na realización das actividades seguintes: 

  • Festa da Istoria de Ribadavia. Lugar: espazo infantil Bolboretas. Data: 22, 23 e 24 de agosto de 2013 

A actividade consistiu en realizar decoracións de carácter variado para axudar no desenvolvemento da festa máis coñecida do Ribeiro, a Festa da Istoria de Ribadavia, considerada de interese turístico nacional.  O obxectivo da dita actividade era achegarlles aos e ás participantes a Festa da Istoria xerando de tal xeito o interese pola época medieval. 

  • Obradoiro de traballos manuais. Lugar: espazo infantil Bolboretas. Data: 10, 11, 12 e 13 de setembro de 2013

Nesta actividade realizáronse actividades manuais como: pulseiras, chaveiros e figuras de animais con globos. 
O obxectivo desta actividade era desenvolver a capacidade para crear e ser creativo, así como mellorar destrezas motrices. 

  • Actividades lúdico-deportivas Lugar: comarca do Ribeiro Data: 21 de setembro de 2013 

A actividade consistiu nunha andaina pola comarca do Ribeiro e mais nunha visita guiada pola vila de Ribadavia, que incluía unha visita ao museo etnolóxico e ao Castelo dos Sarmientos. A  andaina continuou ata os lugares próximos como San Cristovo ou A Quinza.  Ao mediodía fíxose unha pausa para xantar nun merendeiro situado no pequeno lugar de San Cristoval, onde os e as participantes desfrutaron dunha ampla variedade de alimentos. 
O obxectivo que pretendía con esta actividade era coñecer o contorno e acadar unha maior concienciación co medio ambiente xa que, ademais de camiñar e observar a bonita paisaxe, o grupo axudou no coidado do medio recollendo a maior parte de lixo que ía atopando polo camiño. 

  • Aprende a relaxarte. Lugar: espazo infantil Bolboretas. Data: 24, 25 e 26 de setembro de 2013 

A actividade consistiu na aprendizaxe das diferentes técnicas de realizar unha masaxe relaxante corporal e facial. 
Os obxectivos desta actividade eran usar as mans como un instrumento de relaxación co propio corpo e aprender a relaxarse física e mentalmente.

  • As novas tecnoloxías. Lugar: Casa da Xuventude de Ribadavia. Data: 27 e 28 de setembro de 2013  O obradoiro realizouse para achegar os e as participantes ao mundo das novas tecnoloxías e tiña como finalidade crear un blog onde se recollan os intereses e as opinións das persoas participantes. 

O Proxecto Elve ofreceulles ás persoas participantes a posibilidade de acceder a unha serie de actividades lúdicas, gratuítas e novidosas pouco frecuentes nunha comarca rural como é a do Ribeiro. 


Máis información sobre o Proxecto Elve:

Novas actividades internacionais e locais da OMIX de Ribadavia na tempada de outono e inverno 

Obradoiro de traballos manuais. Facebook da OMIX de Ribadavia 

 

Máis información sobre o Grupo Informal Elve: 
Blog: http://elvexuventude.blogspot.com.es/