Participa e goza da cultura e da natureza

participa_goza_naturaleza_culturaO Grupo Informal Mocidade Cabaqueira, formado por cinco mozos e mozas do Concello do Rosal, organizou a finais de setembro unha visita ambiental e cultural á Serra do Courel, unha actividade incluída dentro do programa Iniciativa Xove 2013. 

Os días 27, 28 e 29 de setembro, un grupo de 54 mozos e mozas compoñentes da banda de música da Agrupación Musical do Rosal, con idades comprendidas entre os 12 e 30 anos, desprazouse ata o Courel para realizar diversas actividades.

Durante a súa estancia combinaron actividades na natureza, como excursións para coñecer o espazo natural e outros centros de interese da Serra do Courel, con actividades musicais, nomeadamente, organizaron dous concertos gratuítos aos que puideron asistiron os veciños e veciñas de Folgoso do Courel. 

Os concertos tiveron lugar os días seguintes:
— 28 de setembro, ás 11.00 h, en Seoane, no CPI Poeta Uxío Novoneyra, no marco da celebración da Festa dos Maiores
— 29 de setembro, ás 12.00 h, en Folgoso do Courel, na praza do Concello

O obxectivo principal da iniciativa Participa e goza da cultura e da natureza era proporcionarlles aos membros máis novos da banda de música Agrupación Musical do Rosal a posibilidade de coñecer un espazo senlleiro do país, para ampliar os seus horizontes persoais e conciencialos sobre a necesidade de manter o noso patrimonio cultural e histórico. 
Por outra parte, pretendíase achegar a música de banda a un punto afastado na xeografía galega que, polas características dimensionais dos seus núcleos de poboación, teñen poucas posibilidades de poder gozar coa música dunha banda das dimensións e da calidade da Banda do Rosal.

 

Máis información sobre Participa e goza da cultura e da natureza:

Vídeo Agrupación Musical do Rosal. Actuación no Concello de Folgoso do Courel, en YouTube 

A banda de música da Agrupación Musical do Rosal ofrecerá dous concertos no Caurel 

Programación Grupo Informal Mocidade Cabaqueira