Innova na educación ambiental

Innova_na_educacin_ambiental

Sustinea é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal que fixa o desenvolvemento sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades locais. Esta iniciativa xorde dun grupo de persoas relacionadas coa defensa e posta en valor dos recursos naturais, que preocupadas pola súa situación quere afrontar os seus problemas achegando a súa experiencia e coñecementos.

Os fins da Asociación Sustinea son o estudo, a divulgación e a defensa do medio, a promoción dun cambio posible e necesario, da relación do ser humano coa natureza nun modelo sostible. 

Innova na educación ambiental: novas ferramentas e técnicas para a educación ambiental foi a proposta de Sustinea para levar a cabo unha iniciativa onde prime a creatividade, o espírito empresarial e a empregabilidade enfocada á defensa e protección do medio.

O encontro, de tres días de duración, foi dirixido a mozas e mozos galegos con inquedanzas respecto da educación e do desenvolvemento sostible. Ao longo dos días combináronse obradoiros, grupos de traballo, relatorios e debates dirixidos polos propios participantes para deseñar novas fórmulas de comunicación ambiental na educación non formal, así como concienciar e identificar alternativas reais para un desenvolvemento respectuoso co medio e sostible no futuro no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

Accións prácticas sobre o terreo para cada un dos temas tratados: comunicar a importancia da biodiversidade e da educación ambiental no público infantil.

O obxectivo principal desta iniciativa era deseñar novas técnicas para que os mozos e mozas poidan comunicar as problemáticas medioambientais e promover novas ferramentas de comunicación e difusión das súas experiencias para o desenvolvemento sostible.

Como obxectivos específicos, podemos destacar os seguintes:

  • Mellorar a práctica pedagóxica dos educadores ambientais
  • Crear as condicións axeitadas para o método de indagación e a aprendizaxe baseada no contexto actual
  • Minimizar os recursos materiais empregados na educación ambiental para adaptalos á situación económica actual
  • Crear un espazo de intercambio para mozas e mozos con inquedanzas similares sobre a educación ambiental e comunicación para o desenvolvemento sostible
  • Detectar as liñas comúns de traballo que teñen maior interese para a promoción da educación ambiental en Galicia e acordar a forma para levalas a cabo
  • Dotar as/os participantes de coñecementos e ferramentas para levar adiante accións e programas de carácter educativo nos seus ámbitos habituais de traballo 
  • Xerar espazos para a reflexión e o intercambio de ideas, experiencias, métodos de traballo e resultados no campo das accións de carácter ambiental na xestión de espazos e programas educativos 
  • Fomentar a interrelación e a creación de redes entre actores fundamentais dos procesos de educación ambiental no sistema educativo non formal relacionados coa educación ambiental
  • Fomentar o desenvolvemento persoal e profesional dos e das asistentes e do persoal involucrado

As xornadas Innova na educación ambiental tiveron lugar os días 26, 27, 28 e 29 de setembro, no Complexo do Corgo, Muíños (Ourense), reserva da biosfera transfronteiriza Gerês – Xurés. 

 

Máis información sobre Innova na educación ambiental:

 Xornadas Innova na Educación Ambiental 

Encontro de educación ambiental Sementando para o cambio 

Celebrado o encontro Sementando para o cambio

Iniciativa Xove destina 100 000 euros a financiar na provincia de Ourense un total de 29 proxectos de mozos e mozas 

Sustinea organiza un encontro de educación ambiental en Muíños. La Voz de Galicia 

Web: http://www.sustinea.org/ 

Facebook: https://es-es.facebook.com/sustinea/