Baixo o nome de Duathlon Fotográfico, o Grupo Informal Foto-col.es deseñou un proxecto centrado en tres temáticas fundamentais: a fotografía, a cultura e a natureza.
A primeira actividade que formou parte do Duathlon Fotográfico foi o Obradoiro de Retoque Fotográfico, no que as persoas asistentes puideron aprender diferentes técnicas de retoque e tiveron ocasión de coñecer e manexar programas informáticos desta temática. O obradoiro tivo lugar os días 28 e 29 de agosto e 4 e 5 de setembro na Casa da Cultura de Lousame. Nel participaron 45 persoas de 12 a 35 anos.
A seguinte actividade foi unha Foto-Andaina Natural a San Ramón de Bealo. Esta andaina realizouse o 31 de agosto, día no que se celebra a romaría de San Ramón de Bealo, no Concello de Boiro, romaría considerada de interese autonómico e que conta cunha ampla participación da xuventude dos concellos da comarca do Barbanza. Aproveitando esta celebración, fíxose unha andaina fotográfica que se iniciou en Fruíme (Concello de Lousame) e, ao longo de 8 km, as persoas asistentes, cerca de 25 mozos e mozas, puideron sacar fotos das diferentes paisaxes naturais que hai neste roteiro. Así, ao mesmo tempo que desfrutaba dunha xornada de deporte, a xuventude que participou na actividade puido poñer en práctica a súa destreza coas cámaras.
Finalmente, a xornada rematou compartindo unha comida na romaría de San Ramón e desfrutando desta festa tan popular, á vez que se creou un vínculo social e un espazo de relación, comunicación e interacción entre a mocidade que participou na iniciativa.
A terceira das actividades foi unha Foto-Andaina Cultural a Santiago de Compostela. O obxectivo era que a mocidade aproveitase a cultura monumental de Santiago e fotografase aqueles aspectos que fosen do seu interese, promovendo a súa capacidade artística e a creatividade. Foi unha actividade moi entretida onde as persoas participantes tiveron liberdade para facer as súas fotos, o que propiciou que se sentisen cómodos e desfrutasen da arte da capital galega. A actividade desenvolveuse na mañá do sábado 7 de setembro e contou coa participación de 25 mozos e mozas.
A idea de facer as andainas acompañados da cámara de fotos, ademais de fomentar a práctica da fotografía, foi a base para desenvolver a última actividade, un concurso fotográfico e unha exposición fotográfica. As persoas que participaron puideron presentar as súas dúas mellores fotos de cada unha das andainas a un concurso fotográfico que constaba de dúas categorías, unha para cada andaina.
Un xurado profesional foi o encargado de seleccionar as dúas mellores fotos de cada andaina para outorgarlle o 1º e o 2º premio, para o que se basearon en técnicas de enfoque, calidade da foto etc. Por outra banda, un xurado popular seleccionou catro fotos de cada andaina atendendo á súa orixinalidade e creatividade. Estas catro fotos foron subidas ao Facebook do proxecto onde os internautas foron os encargados de escoller coas súas votacións as fotos gañadoras do 3º e 4º premio. Nesta actividade contouse con 22 persoas participantes no concurso.
Finalmente, o proxecto Duathlon Fotográfico pechou coa inauguración da Exposición Fotográfica das Andainas. Todas as fotos que se presentaron ao concurso formaron parte da exposición que permaneceu aberta a todo o público na Casa da Cultura de Lousame do 28 de setembro ao 30 de outubro. Con esta actividade pretendíase dar a coñecer entre a poboación de Lousame e os concellos limítrofes o resultado final do Duathlon Fotográfico, á vez que se recompensaba dalgún xeito a participación dos mozos e das mozas que acompañaron a iniciativa.
Máis información sobre o Duathlon Fotográfico:
Lousame amplía a súa oferta de ocio para os mozos con talleres de fotografía e imaxe persoal
A fotografía é unha alternativa de ocio moi boa
Barbanza xa é un referente de ocio saudable en Galicia
Xuventude apoia catro proxectos de Iniciativa Xova en Noia e Barbanza cun orzamento de 16 000 €