Apadriña unha árbore é un proxecto que a asociación O Esquío no Piñeiro vén desenvolvendo desde o ano 2010. Unha das premisas polas que se rexe esta entidade é a concienciación respecto da importancia da protección do medio natural e a súa posta en valor como elemento patrimonial que todos e todas debemos coidar, respectar e protexer.
Desde esta premisa, abordouse este proxecto dentro do programa Iniciativa Xove co obxectivo de concienciar e facer conscientes os mozos e as mozas da importancia e das posibilidades do medio natural, en xeral, e dos montes en particular, como fonte de riqueza paisaxística, natural, cultural, social e económica.
As actividades de repoboación e apadriñamento dunha zona de monte tallada con árbores autóctonas tiveron lugar os días 21 e 22 de setembro e o 5 de outubro.
Mira o que estamos a facer!
Difusión do proxecto, desde a publicidade inicial ata a difusión dos resultados ao remate do proxecto.
O obxectivo desta actividade foi visibilizar o proxecto co fin de que se puidese converter nun exemplo de boas prácticas que poidan seguir outros grupos de mozos.
O monte e nóso!
Pequena acción formativa a través de dinámicas e xogos relacionados co medio ambiente, a natureza, a importancia dos montes e a importancia dun desenvolvemento da riqueza forestal de xeito sostible e do impacto que pode ter unha mala xestión da masa forestal.
O obxectivo desta actividade, que tivo lugar na área de piragüismo de Ons (Brión), foi formar os mozos e mozas no coñecemento e respecto pola natureza e o medio.
Xa son padriño/madriña!
Preparación do terreo, plantación e apadriñamento de 50 árbores autóctonas. Os obxectivos desta actividade, que tivo lugar nun terreo cedido á asociación en Portanxil (Trasmonte, Ames), foron repoboar un espazo con árbores autóctonas que sirva de exemplo para a veciñanza de explotación forestal de xeito sostible e respectuoso co medio e fomentar a participación da mocidade en proxectos sociais e comunitarios de xeito altruísta.
Comemos ou que?
Actividades complementarias de ocio e tempo libre para a mocidade na área de piragüismo de Ons (Brión).
O obxectivo desta actividade foi crear un espazo de encontro e intercambio entre mozos de diferentes idades cun interese común.
Máis información sobre Apadriña unha árbore:
Veciños de Brión plantan e apadriñan cen árbores en Ames
Máis información sobre O Esquío no Piñeiro:
Blog: http://oesquio.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/oesquio