- As axudas teñen un orzamento total de 400.000 euros e están dirixidas a entidades xuvenís ou grupos de mozos de entre 18 e 30 anos
- Esta é a 14ª edición deste programa que procura favorecer a participación xuvenil na vida pública e impulsar o espírito emprendedor
A Xunta de Galicia financia, a través do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social e Xuventude, 82 proxectos protagonizados pola mocidade galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 29 de xuño a resolución destas axudas, que acadan a súa 14ª edición e que contan cun orzamento total de 400.000 euros.
O programa ten como obxectivo achegar apoio financeiro suficiente á xuventude para lanzar os seus proxectos, favorecer a participación xuvenil na vida pública e impulsar o espírito emprendedor. Con esta orde, o Goberno galego apoia proxectos de calquera temática de interese dos mozos que poidan reverter no seu desenvolvemento profesional e persoal. Valórase de xeito especial aquelas iniciativas dirixidas ao emprendemento, promoción de hábitos saudables ou de loita contra a violencia de xénero, entre outras.
O Goberno galego financia proxectos de entidades xuvenís e grupos de mozos de diferentes localidades, tanto das grandes cidades, como de outros concellos como Barro, Cangas, Ramirás, Coristanco ou a Comarca de Bergantiños, entre outros.
Estes proxectos subvencionados teñen como límite 5.000 euros de gasto, financiándose o 100% do orzamento, polo que a axuda é incompatible con outras destinadas á mesma actuación.
Iniciativa Xove tamén concede ás asociacións e aos grupos informais anticipos automáticos de pagamento do 80%, de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes. O período para a realización dos proxectos comezou o 1 de xaneiro e remata o vindeiro 15 de outubro.