Hábitos musicais dos/as adolescentes

02 Dec 2021

O proxecto socio-educativo “Ao Son da Nosa Música”, realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias. Contou coa participación de alumnado desde 5º de primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan

Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.

En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.

Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos adolescente cun 64%, 53% e 44% respectivamente.

Este proxecto lévase adiante por Manuel Maseda Deán e Martiño Ramos Soto.

https://sites.google.com/view/aosdnm/enquisas