Novas e actividades (1304)

A Consellería de Educación convoca os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022/23.

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.
2. Cada premio non poderá exceder os 1.000 €.
3. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá ademais un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción.
4. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Requisitos: Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos

A proba estruturarase en dúas partes:
a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, e Primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.
b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas, de tres materias do currículo de cuarto curso:
– Xeografía e historia.
– Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas.
– Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e xeoloxía, Economía, Física e química, Latín, Ciencias aplicadas á actividade profesional, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial ou Tecnoloxía.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 31 de maio de 2023 e rematará o día 30 de xuño de 2023.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED311D
Máis información no DOG do 14 de abril de 2023 e en https://www.edu.xunta.es/premiosedu

A explotación do coltán, un mineral que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas está no centro dos conflitos bélicos que producen milleiros de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A explotación mineira ilegal utiliza man de obra semiescravizada, destruíndo ademais os hábitats de moitas especies, coma o chimpancé e o gorila, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación. En España soamente acaba sendo reciclado, e recuperado o coltán, o 5% de terminais móbiles.

MOBILízate é unha campaña para a recuperación e reciclaxe de móbiles coa que se pretende contribuír a reducir a demanda dos seus compoñentes e os problemas ambientais que ocasionan, reutilizar elementos útiles, tratar adecuadamente os materiais tóxicos e recadar fondos para os programas de educación e conservación que o Instituto Jane Goodall ten en marcha no Congo.

Así mesmo MOBILízate é unha iniciativa que trata de difundir e apoiar o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, dirixido pola veterinaria galega Rebeca Atencia, no que cada día son coidados e alimentados máis de 140 chimpancés orfos, rescatados da caza furtiva e a deforestación.

O CEIDA está a colaborar co Instituto Jane Goodall no ámbito de Galicia, lanzando esta campaña xunto a concellos, centros educativos, entidades, asociacións ou colectivos que tras sumarse á iniciativa establecen puntos de recollida de móbiles nas súas dependencias ou instalacións e divulgan a campaña entre o seu público ou destinatarios. A participación non conleva ningún custo e o envío dos móbiles é gratuíto.

A participación que se solicita a todas as entidades ou colectivos que desexen adherirse á campaña é a seguinte:
- Divulgar a campaña entre o seu público ou destinatarios principais a través dos medios e recursos propios da entidade ou colectivo (web, redes sociais, listas de distribución…).
- Determinar puntos de recollida instalando unha ou varias furnas ou recipientes para que os interesados/as poidan depositar os móbiles.
- Proceder a enviar os móbiles recollidos á empresa recicladora de xeito periódico.

http://www.ceida.org/gl/mobilizate-pola-selva-campana-de-reciclaxe-de-mobiles 

Nos seguintes enlaces podes consultar as últimas bolsas convocadas en Galicia e en España tanto para os teus estudos como para formación práctica.

Bolsas

Máis bolsas

... e si o que precisas son bolsas para estudar no estranxeiro: https://www.scholarshipportal.com/  ou no portal de Eurodesk https://www.eurodesk.es/

Unha tese evidencia o impacto das redes sociais e da autoestima nos trastornos de conducta alimentaria na adolescencia. Nela afóndase en como o traballo social pode axudar ás persoas e familias afectadas.

Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA) na adolescencia e a posíbel resposta desde o traballo social a estas enfermidades, que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais.

Segundo explica a xa doutora, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos TCA, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social, que “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”.

Na tese identificouse que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. Froito da investigación, indica que “conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”.

A tese abordou a resposta desde o traballo social a esta problemática, subliñando que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”. A tese apunta que o traballo social pode mellorar o impacto sobre o proxecto de vida da persoa afectada e mellorar as dinámicas familiares.

https://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/4386 

Digochiño

Mar 23, 2023

A CRTVG estrea nova canle en YouTube Kids, dedicada aos máis pequenos da casa e onde xa é posible atopar os vídeos de ‘Digochiño’, a mascota do #DígochoEu, que están tamén dispoñibles na súa propia web, digochiño.gal.

YouTube Kids é unha plataforma de vídeos que ofrece unha experiencia en liña máis segura para os menores, cunha contorna máis controlada para que estes poidan navegar por si mesmos facilmente. Ademais, axuda a pais e coidadores a guialos nesta aventura no eido dixital. Esta nova proposta súmase á estreada pola CRTVG este mesmo mes de marzo: a web digochiño.gal, dedicada ao raposo branco e azul que cada sábado fomenta na G2, xunto a Esther Estévez, o uso do galego entre os cativos da casa.

Tanto a web coma a canle en YouTube Kids, son un contedor dos vídeos con todas as conversas entre o raposiño e a xornalista en que, entre outros temas, falan de ecoloxía, feminismo, expresións tipicamente galegas ou cuestións cotiás, incorporando tamén cancións, que son as que máis están triunfando nos primeiros pasos de Digochiño en YouTube Kids.

En Youtube: https://www.youtube.com/@digochino
Na rede: https://xn--digochio-j3a.gal/

No BOE do 4 de marzo de 2023 publícase o Programa de Mocidade Delegada de España en Nacións Unidas destinado a mozos e mozas españois co fin de ser integrados nas delegacións oficiais de España ante Nacións Unidas.

O Programa ten como fins:
a) A incorporación de mozas nas delegacións oficiais de España no marco de Nacións Unidas.   
b) Dar a coñecer e aumentar o interese da mocidade española polas Nacións Unidas.
c) Promover o labor que España leva a cabo en materia de política exterior nos distintos foros das Nacións Unidas.
d) Potenciar a participación da mocidade na elaboración da axenda multilateral, facilitando que as visións dos mesmos sexan tidas en conta no proceso de toma de decisións a nivel internacional.
e) Cumprir cos compromisos adquiridos mediante a Resolución 2250 (2015) do Consello de Seguridade das Nacións Unidas sobre Mocidade, Paz e Seguridade.
f) Contribuír á inclusión das inquietudes da mocidade nos foros de Nacións Unidas.

Para o cumprimento dos fins mencionados, os mozos delegados:
a) Participarán na planificación, realización e avaliación das distintas actividades a nivel nacional e internacional que incluirán, entre outras, a participación presencial e telemática en delegacións oficiais de España en foros multilaterais e a difusión do Programa a nivel nacional, así como o desenvolvemento do Plan anual de traballo aprobado.
b) Participarán na formación específica para a mocidade delegada.
c) Participarán no estudo e preparación das temáticas de traballo obxecto do Programa.
d) Colaborarán no desenvolvemento de actividades de consulta, comunicación, difusión e promoción das actividades nas que participasen e sobre os temas abordados, dirixidas a outros mozos e organizacións xuvenís.
e) Propoñerán futuros proxectos que dean a coñecer o Programa.
f) Elaborarán unha memoria final da participación no Programa.
g) Responderán a un cuestionario para avaliar o desenvolvemento do mesmo, así como calquera outra acción necesaria para o cumprimento dos fins desta iniciativa.

En breve abrirase un prazo para que a mocidade interesada en participar no programa presente as solicitudes.

BOE do 4 de marzo de 2023

A axencia AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) abre o prazo de inscrición da oitava edición de Tecnólog@ por un día.

Tecnólog@ por un día é unha actividade na que estudantes de 12 a 17 anos poderán achegarse ás profesións dixitais e ter a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia.

A oitava edición volverá a celebrarse presencialmente, con prazas dirixidas a dous grupos de idade: de 12 a 14 e de 15 a 17 anos.

Solicitude de inscrición (Do 8 ao 28 de marzo de 2023)
Cada centro educativo, a través do persoal docente, inscribirá aos alumnos/as interesados, que deberán contar coa autorización dos pais/nais/titores legais.
O alumnado entregará no centro educativo a solicitude de autorización debidamente cuberta e asinada que o docente deberá subir ao cumprimentar o formulario de inscrición.
O formulario de inscrición recollerá a listaxe de prazas dispoñibles, segundo as distintas modalidades ofertadas polas empresas colaboradoras, ás que o alumnado poderá optar segundo a súa preferencia (ata un máximo de 3).

Asignación de prazas
As prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo público que se celebrará a segunda semana de abril no Edificio CINC da Cidade da Cultura. A partir do 11 de abril, os docentes recibirán no enderezo electrónico sinalado no formulario de inscrición unha comunicación co resultado do sorteo e os pasos a seguir.

Desenvolvemento da actividade (Do 17 de abril ao 26 de maio de 2023)
As empresas poñeranse en contacto cos/coas participantes para concretar a data e o horario da xornada e comunicarán ao alumnado e aos docentes as instrucións e outra información de interese para o desenvolvemento da xornada: lugar de celebración, axenda da sesión, autorización para a captación de imaxes...

https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/tecn%C3%B3log-por-un-d%C3%ADa-8%C2%AA-edici%C3%B3n 

A Xunta de Galicia convoca o XIII Encontro de Artistas Novos, #EAN13, que se celebra do 28 ao 31 de agosto de 2023, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.

O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, poñendo o foco nesta edición na fotografía e no audiovisual da man de Alberto García-Alix, Beatriz Ruibal, Estela de Castro e Vari Caramés, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.

Solicitudes ata o 26 de maio
Ofértanse un total de 40 prazas dirixidas a estudantes e/ou graduados en Belas Artes ou outras ensinanzas artísticas e a profesionais cunha traxectoria ou proxecto creativo en calquera disciplina artística, nados entre 1988 e 2005
Para favorecer as aprendizaxes e o diálogo creativo entre artistas de diferentes xeracións, 10 das 40 prazas están abertas a maiores de 35 anos.

A consecución dunha praza no EAN13 inclúe matrícula, estancia en réxime de pensión completa e transportes diarios desde o lugar da estancia ata a Cidade da Cultura.

As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude antes das 14,00 horas do 26 de maio xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org

 

Máis información acerca do encontro na páxina web www.cidadedacultura.gal

FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega) organiza o vindeiro xoves día 9 de marzo, na súa sede de Santiago de Compostela, un evento centrado en innovación e a transformación tecnolóxica do sector agroalimentario. O programa inclúe presentacións dos principais resultados e conclusións de diferentes proxectos de innovación que teñen como último obxectivo o benestar animal e humano.

Presentaranse proxectos de innovación como TIRAC, enfocado na redución de antibióticos fronte a problemas dixestivos nos coellos de cebo a través de diferentes estratexias nutricionais como o equilibrio no nivel de fibra solúbel/insolúbel ademais da incorporación de algas e extractos de algas, ou Micoalga, que acolleu o desenvolvemento de pensos complementados con fungos e microalgas con efecto antimicrobiano, inmunomodulador e antiinflamatorio, e avaliado como alimentación en gandería avícola.Doutra banda, tamén achegarán resultados os socios do proxecto ProteinLeg, logo do seu traballo para dar forma a proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e procesamento sostibles de cultivo de leguminosas.

Tamén se contará, durante o foro, con relatorios de relevancia no sector: Begoña Pascual, xefa de Área da SG. de Innovación e dixitalización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Bruno González, director da Unidade de Resistencia Antimicrobiana da Universidade Complutense de Madrid e Sheila Alves, responsábel de investigación en Teagasc, Irlanda.

O foro, segundo explica FEUGA, “permitirá aos asistentes, ademais de coñecer estas iniciativas innovadoras, manterse ao día das oportunidades e políticas en materia de innovación así como contactar e interactuar cun amplo número de entidades para explorar posibilidades de colaboración conxuntas que conduzan a novos proxectos e iniciativas”. Ofrecerase a posibilidade de conexión online para aqueles interesados que non puidesen acudir ao evento de maneira presencial.

 

Máis información e inscricións en: www.feuga.es/foro