Cantas palabras eres capaz de encontrar?
A Mesa pola Normalización Lingüística lanza dun xogo de balde para entreter e fomentar o uso do galego. Trátase de Pensatermos, xogo no que tes que encontrar o maior número de palabras posible usando obrigatoriamente a do medio resaltada en cor vermella.
As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.
Atréveste?
O grupo de Correspondentes Xuvenís do IES 1º de marzo de Baiona realizaron un vídeo basado na carta Estou farta, que Alba Quintas, alumna de 4º da ESO en Ourense, enviou á sección Cartas ao director, da Voz de Galicia...
"Estou farta de que, a pesar de todo o que loitamos as mulleres, non alcanzásemos aínda a nosa vitoria, a igualdade"
O equipo de Correspondentes Xuvenís do IES 1º de marzo de Baiona son alumnas e alumnos do ciclo de Animación Sociocultural e Turística e está composto por Ángela, Lucía, Judith, Xosé, Sabela, Yara, Lara, Noelia, Mónica María, Jose, Víctor Manuel, Mara e Rahel, coordinado por Nuria Fernández Segade profesora no ciclo.
O informe do 25 Percent analizou e resumiu as ideas recollidas polos mozos e mozas sobre o futuro de Europa.
Entre xuño e novembro de 2021, máis de 4.000 mozos e mozas foron consultados sobre as súas opinións e desexos sobre o futuro da Unión.
As ideas expresadas abarcan moitos ámbitos e temas políticos diferentes: desde o cambio climático e a sustentabilidade ata unha economía e postos de traballo estables, a transformación dixital, a xustiza social e a igualdade, a saúde, a educación, Europa no mundo, a democracia, os valores e os dereitos, estado de dereito e seguridade, e moito máis.
Nos próximos meses, o Foro Europeo da Mocidade levará estas ideas ás persoas responsables da toma de decisións dentro da Conferencia sobre o Futuro de Europa e máis aló, para asegurarse de que se escoiten as voces dos mozos e mozas!
O cambio comeza connosco! As ideas da mocidade sobre o futuro de Europa
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) difunde entre os centros da ESO material lúdico-didáctico para promover “a cultura da prevención entre a mocidade”. Esta oferta, que chegará aos centros de maneira telemática, inclúe un xogo en liña. Este ficará aloxado na páxina web da AXEGA, sendo o seu obxectivo “formar e sensibilizar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da auto protección”. A axencia engade que este xogo dispón dunha clasificación final cos centros que tiveran acadado a maior puntuación ao responder correctamente a todas as preguntas que se formulan.
Para a devandita finalidade, as persoas participantes contarán con material audiovisual e informativo de apoio, co que poderán traballar na aula ao tempo que amplían os seus coñecementos sobre o número único de atención ás emerxencias 112 e aprenden a protexerse ante situacións de risco tales como incendios forestais, inundacións e accidentes no fogar.
A AXEGA sinala que a actividade estará aberta a calquera centro que o desexe, con especial atención a aqueles situados en zonas fronteirizas con Castela y León e Portugal, “pois existe un apartado destacado para o coñecemento do protocolo de resposta e cooperación transfronteiriza en caso de emerxencias graves ou catástrofes, que é o ARIEM+”.
Recentemente detectouse unha campaña de mensaxes SMS nas que os ciberdelincuentes tentan suplantar ao Servizo Público de Emprego Estatal. Trátase dunha acción de "Phising" da que todos os cidadáns debemos estar previdos.
Non pulses na ligazón que contén o SMS!!
Se recibes un SMS do SEPE onde se indica un pago dunha determinada cantidade de diñeiro tras unha actualización errada dos teus datos bancarios e a continuación, solicítaseche que para actualizar os devanditos datos pulses nunha ligazón do tipo: https:// sepe.es.6578653. top/
É importante que NON pulses na devandita ligazón, pois é unha campaña fraudulenta por medio de SMS para facerse cos teus datos persoais.
Lembra que o SEPE non pedirá nunca os teus datos persoais por SMS.
A seguridade é responsabilidade de todos.
Nesta ligazón tes máis información sobre campañas de Phising.
Estiquecantas.gal é un proxecto para espallar nas redes o legado de Rosalía de Castro
Na web podes encontrar diferentes formas de achegarse á obra de Rosalía de Castro, ben a través de audiolibros e pílulas audiovisuais, ou mesmo mediante unha unidade didáctica e un concurso. Todas as propostas teñen en común que “a voz de cada persoa atope na de Rosalía un camiño de descubrimento”, indica o equipo responsábel da posta en marcha deste proxecto, o equipo de Rebordelos.
Ilustración de Laura Romero https://eleromero.com/
As propostas:
Fiestras, está formada por unha serie de pílulas audiovisuais a cargo do cineasta Xacio Baño que afondan na relación da obra de Rosalía de Castro coa súa vida.
Unidade didáctica para que os institutos que o desexen poidan traballala, levada a cabo por María López Sández.
A terceira proposta está a ligada á mocidade e á xeración Z co concurso #estiquecantas, enfocado a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, que se desenvolverá nas redes sociais Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar.
As persoas participantes crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers...) no que mostrarán o que lles inspira a obra da escritora, con vistas a compartilo a partir do 23 de febreiro e ata o próximo 15 de marzo. O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva- dará a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.
A cuarta parte do proxecto son os audiolibros da obra en galego de Rosalía de Castro concibidos como “unha ferramenta para multiplicar a súa voz dende a accesibilidade e a implicación directa coas lectoras e lectores, coas e cos ouvintes”. Deste xeito, todos e todas as ouvintes poderán escoitar a obra completa de Rosalía de Castro en galego: Cantares gallegos, Contos da miña terra e Follas novas, sumando máis de 150 audios en total, ademais de ter a posibilidade de consultar as obras anteriormente citadas en PDF.
Es ti que cantas é un proxecto de Rebordelos que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Rosalía de Castro.
A Universidade de Santiago incorpora 25 novos traballos de divulgación científica e tecnolóxica en lingua galega a TED (Technology, Entertainment and Design).
Con estes son xa 149 as charlas TED deste ámbito que teñen versión en lingua galega grazas ao concurso que organizaron as comisións de normalización lingüística (CNL) dos centros da USC que imparten titulacións relacionadas coa saúde: Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria.
Os vídeos poden verse ademais no propio TED, escollendo como lingua o galego. Tamén están dispoñibles tanto no web do SNL, como na súa canle de Youtube, como en Proxector, o espazo que reúne audiovisuais en galego para a docencia. Pode cumprir nalgúns casos activar a opción de galego nos subtítulos na rodiña da configuración.
A errada realción entre imaxe corporal e saúde
Vídeo de TED (9´ 38´´) no que a antropóloga médica Nancy N. Chen nos fala dos conceptos culturais existentes sobre o corpo humano, e como estes inflúen no noso xeito de estar no mundo. Descubrirás como mudaron os ideais corporais ao longo do tempo, pasando a ser na cultura occidental corpos cada vez máis delgados. Esta fenda entre o real e o ideal afecta á nosa imaxe e tamén á nosa saúde. A doutora Chen explícacho nesta charla.
Tradución ao galego de Marta GaNov, galardoada co primeiro premio do TEDsaúde 2021.
O Consello da Cultura Galega abre un espazo web centrado de maneira específica na figura de Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras 1903 – Fair Oaks, USA, 1987), o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas deste 2022.
Trátase dun especial web onde se mostran os fondos propios do CCG sobre o devandito representante da nosa literatura, materiais entre os que figura o único rexistro sonoro coñecido de Florencio Delgado Gurriarán: unha entrevista que concedeu en 1968 ao programa Poetas de Galicia do centro territorial de Radio Nacional de España en Galicia.
En esta entrevista o autor repasa a súa poesía, a súa vida en América e achéganos recitados por parte dos locutores e do propio poeta dalgunhas das súas composicións máis coñecidas.
O especial inclúe tamén unha escolma de artigos do autor en dúas das publicacións senlleiras da cultura galega no exterior como son Vieiros ou Saudade, textos que pretenden dar conta do seu pensamento e activismo cultural, así como das características da súa poesía.
Ir a misa de doce é o título dun poema, escrito en 1938, no Galicia, a publicación semanal da Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires, trasládanos ao ambiente represivo da Guerra Civil.
Outro dos textos que inclúe titúlase Noiturnio da noiva jarocha. Son veracruzano. Foi publicado no primeiro número de Saudade (25 de xullo de 1942) e permite ver unha das características máis notables da poesía de Delgado Gurriarán: a fusión entre a lingua e literatura galegas e a cultura e os ambientes mexicanos.
Un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociais; ademais, un de cada cinco podería “ter un certo enganche” aos videoxogos, segundo o informe de UNICEF Comité Galicia, coa colaboración da USC e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), baixo o título ‘Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades’.
O documento foi presentado na Facultade de Psicoloxía por Antonio Rial, profesor da USC e responsable do estudo; Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia; e Fernando Suárez, presidente do CCII, que dirixiu o soporte tecnolóxico do estudo.
O estudo recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días. Aínda que recoñecen que a Rede lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%), do informe despréndense tamén conclusións e datos preocupantes. Aqueles/as adolescentes que fan un uso problemático da Internet ou que poderían ter unha posible adicción aos videoxogos presentan niveis máis baixos de integración social e familiar, benestar emocional e satisfacción coa vida, tal e como evidenciaron os responsables do informe.
Redes sociais
Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO: o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Aínda que cómpre resaltar, tal e como subliña o informe, que seis de cada dez teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, perfís que utilizan selectivamente para familia e coñecidos ou para grupos de iguais. Así, cinco de cada dez, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecidos en redes sociais.
As prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais, sendo identificadas polos propios adolescentes como os principais riscos que presenta a tecnoloxía: catro de cada dez dos enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos– unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.
Videoxogos
Os videoxogos constitúen, de acordo con este estudo, unha importante canle de socialización e interacción social, a través da cal os adolescentes coñecen xente e fan amigos. Para seis de cada dez adolescentes é a súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade. En relación á supervisión parental, só tres de cada dez pais se fixa no PEGI (Pan European Game Information, sistema europeo de clasificación de videoxogos por idade). Tamén preocupan o xogo e as apostas en liña, xa que se estima que 3.000 estudantes de ESO en Galicia fixérono algunha vez na súa vida; o 45,5% deles di que a súa motivación foi gañar diñeiro. E, aínda que un 22,6% das persoas enquisdas asegura ter discusións cos seus pais, nais ou coidadores pola tecnoloxía polo menos unha vez á semana, o informe constata que só ao 34,9% lles poñen límites ou normas os seus pais sobre o uso da Internet e/ou as pantallas.
Conclusións:
Neste sentido, e á vista dos resultados do informe, a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas que as que ofrecen as estatísticas oficiais, tal e como subliñan os responsables do estudo. É necesario tamén tomar medidas para reducir as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de grooming, así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos.
Entre estas recomendacións do informe, que velan por salvar, protexer e impulsar á infancia tamén na contorna dixital, destaca a necesidade de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento; promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet; que os propios adolescentes reciban a información necesaria tanto para poder comprender os riscos como para poder denunciar situacións de abuso; contar con políticas máis contundentes por parte das institucións para a protección dos nenos e a súa imaxe na rede; e que a industria tecnolóxica garanta a protección dos adolescentes a través de, por exemplo, recomendacións claras de uso e privacidade.
Campaña #EducaTRIC
Con motivo da presentación deste informe, UNICEF Galicia pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida aos propios adolescentes, familias, educadores, institucións e industria tecnolóxica co obxectivo de visibilizar os riscos aos que se enfrontan os rapaces e rapazas na contorna dixital. Baixo o cancelo #EducaTRIC, personalidades públicas galegas do mundo da cultura, a sanidade e o deporte quixéronse sumar á campaña e traballar para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa.
https://www.unicef.es/publicacion/impacto-de-la-tecnologia-en-la-adolescencia
Artigo publicado no diario dixital El Español sobre o Centro QUÉROTE+ de Santiago de Compostela.
O centro QUÉROTE+ é un servizo público de información e formación. A través de redes sociais tentan chegar de forma máis directa aos usuarios
A coordinadora do centro, Paula Fernández Rico, traballadora social, descóbrenos o labor do seu equipo.
"Quérote+ é un servizo público que é estable e cunha calidade excelente. A diferenza dun centro de planificación familiar asociado ao SERGAS, con persoal sanitario, QUÉROTE+ é un servizo de atención psicosocial e somos traballadores sociais, psicólogos e educadores sociais. Aquí tratamos de que a xente non acuda só cando ten unha urxencia ou un apuro, que tamén, pero queremos un traballo máis profundo, desde un concepto máis amplo do que é a sexualidade. Parámonos moito a escoitar cada caso, cada vivencia e saber ou tentar saber que fallou. Imaxinemos o caso dunha moza que vén facerse unha proba de embarazo e falamos dun embarazo non planificado, tentamos ir á orixe, a cales son as súas circunstancias, se coñece os métodos anticonceptivos, cales son as razóns que lle levaron a esa situación.
E ás veces duns problemas saltan outros, como poden ser abusos ou persoas que padecen falta de autoestima. Eu creo que o bo de que isto sexa un espazo de intervención psicosocial é que podemos detectar carencias na educación sexual dos individuos que ás veces inflúen na nosa forma de reaccionar. Neste centro traballamos diferentes perfís profesionais, e xunto ás miñas compañeiras Isa, Penélope e Lucía tentamos abordar dunha forma completa cada caso".