En portada (1158)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de subvencións

Cada proxecto municipal terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderá incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta entre varias entidades locais

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destina un total de 700.000 euros para promover as actividades que desenvolven os concellos dirixidas á mocidade.

Esta liña de axudas ten como obxectivo principal potenciar os servizos municipais de información xuvenil, así como fomentar actividades formativas e educativas no ámbito do ocio e tempo libre, o asociacionismo xuvenil e promover a utilización das novas tecnoloxías por parte da xuventude.

Cada un dos proxectos municipais terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderán incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta dunha agrupación de concellos, de mancomunidades, ou dunha fusión de municipios.

Serán obxecto de axuda, por unha banda, os custos derivados do funcionamento do servizo de información xuvenil, incluídas as actividades que desenvolvan; e, por outra banda, tamén se financiarán as iniciativas formativas e educativas relacionadas coa creación xuvenil, os programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre e, en xeral, todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil que estean destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.

O prazo para participar nesta orde está aberto ata o 3 de agosto e os proxectos deberán estar concluídos o día 15 de outubro.

A concesión de subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios de avaliación dos proxectos serán o bo funcionamento das oficinas municipais de información xuvenil, segundo os informes técnicos das xefaturas territoriais; as características innovadoras, viables e formativas; o número de beneficiarios potenciais; a pertenza a unha zona rural ou o emprego da lingua galega.

As iniciativas presentadas poderán acadar unha puntuación superior se, ademais dos criterios anteriores, son presentados de forma conxunta por varios concellos.

A primeira das 13 actuacións de este tipo que terán lugar este verán en Galicia iniciouse hoxe nas Illas Cíes e ten carácter internacional

Están a participar 30 voluntarios de entre 18 e 23 anos que realizarán ata o 13 de xullo actividades de carácter ambiental

Esta iniciativa repetirase en Cíes noutras tres quendas, entre xullo e agosto

Os outros campos de traballo celebraranse en Celanova, Coles, Esgos e Muíños (Ourense); no campamento Os Chacotes, en Palas de Reis (Lugo); Boqueixón, Ponteceso e Rois (A Coruña); e Lalín (Pontevedra)

Comezou hoxe nas Illas Cíes o primeiro dos 13 campos de traballo que terán lugar este verán en Galicia organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En total, ata o mes de agosto ofertaranse 310 prazas para a mocidade tanto de Galicia, como do resto de España e do estranxeiro, co obxectivo principal de fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia, a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria nun proxecto que proporcione melloras para os habitantes dun territorio.

Nas Illas Cíes celebraranse un total de catro campos de traballo, todos eles de carácter medioambiental. No primeiro deles, que terá lugar entre hoxe e o 13 de xullo, están a participar un total de 30 voluntarios de entre 18 e 23 anos. Desenvolverán, entre outras actuacións, labores de mantemento da illa, de información e sensibilización do visitante, vixilancia de incendios e intervencións puntuais de mellora no parque en colaboración cos traballadores do servizo de medioambiente. Ademais, os participantes poderán tamén colaborar na limpeza da illa sur, a única que se atopa comunicada por barco de pasaxeiros.

Así mesmo, os mozos contarán cun programa de actividades complementarias que inclúe snórkel, dinámicas grupais, rotas guiadas, obradoiros, reunións temáticas e educación ambiental. O resto dos campos de traballo nas illas Cíes terán lugar entre o 16 e 27 de xullo; o 2 e 13 de agosto; e o 17 e 28 de agosto.

Os outros 9 emprazamentos onde este verán terán lugar os campos de traballo son: Celanova, Esgos e Muíños, na provincia de Ourense; no campamento Os Chacotes, en Palas de Reis, en Lugo; Boqueixón, Ponteceso e Rois, na Coruña; e Lalín, en Pontevedra.

Entre o 15 e o 31 de xullo, o albergue de Celanova contará cun campo de traballo de carácter audiovisual, onde os voluntarios elaborarán unha curtametraxe.

Tamén en xullo, do 17 ao 28, o campamento Os Chacotes de Palas de Reis acollerá outra destas iniciativas, que estará centrada e dirixida a emprendedores. Nesta ocasión traballarase en novas vías de negocio para os mozos e mozas, colaborando cos novos empresarios da comarca.

Do 16 ata o 30 os voluntarios axudarán a escavar o Castro de Gastrar, en Boqueixón (A Coruña).

O campo de Ponteceso celebrarase do 15 ao 29 de xullo e servirá para axudar a sinalizar o vello camiño que empregaban os mineiros que extraían rutilo e titanio da praia de Valarés, así como a recuperación da figura do escritor e xeólogo Isidro Parga Pondal.

No mes de agosto
En Rois (A Coruña), Coles (Ourense) e Esgos (Ourense) as actividades terán lugar na primeira quincena de agosto. O primeiro é un campo onde os participantes colaborarán con arqueólogos da Universidade de Santiago na escavación do Castro de Socastro.

En Coles desenvolveranse no centro de educación ambiental As Corcerizas e traballarase cos novos modelos de bioconstrución, ademais de realizar labores de vixilancia forestal na Serra de San Mamede.

Na segunda quincena de agosto, os campos de traballo terán lugar en Muíños (Ourense). Serán medioambientais e, entre outras labores, os voluntarios mellorarán as áreas degradadas e os accesos ao parque de Outeiro da Cela.

En Lalín, o albergue Vicente Agulló acollerá voluntarios para realizar patrullas de vixilancia dos montes da comarca do Deza e divulgar a cultura e o patrimonio galego a través da colaboración co Museo Etnográfico "Casa do Patrón".

A excepción do campo de Esgos, todos os demais teñen carácter internacional. Iso significa que mozos e mozas de 19 países diferentes participarán nas actividades galegas.

A eses voluntarios hai que sumar os que proceden doutras comunidades españolas, aos galegos e aos mozos e mozas descendentes da emigración, que tamén teñen prazas reservadas.

A cambio desta prazas, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal e incluso Xapón, México, Corea do Sur e Taiwán. En total ofértanse 89 prazas nas distintas comunidades autónomas e 118 prazas no estranxeiro.

Durante un período de 7 meses, 60 mozos e mozas emprendedores participaron nesta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Xunta de Galicia

Estes tres proxectos (dos centros de Santiago, Ourense e Vigo) conseguiron unha praza para viaxar a Silicon Valley, ao situarse entre os 33 máis brillantes de toda España

No último trimestre do ano, elixiranse as tres propostas máis destacadas do país, que recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 y 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea de negocio

O proxecto YUZZ, viveiro de formación e asesoramento para mozos e mozas de 18 a 30 anos con proxectos de base tecnolóxica, desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia, ten concluído con éxito na súa cuarta edición, permitindo a 60 mozos emprendedores de Galicia traballar na concreción dos seus proxectos empresariais. Entre estes, tres iniciativas galegas foron escollidas entre as 33 máis brillantes de toda España, grazas ao que gañaron unha praza para viaxar a Silicon Valley.

Durante un período de 7 meses, a mocidade con espírito innovador traballou no desenvolvemento de proxectos de negocios que marcarán o futuro tecnolóxico do país. Desta forma, desde o programa YUZZ, xunto co Goberno Galego, buscouse potenciar aínda máis o talento emprendedor da xuventude da comunidade autónoma, unha calidade fundamental para ser competitivos na actual conxuntura económica.

O proxecto YUZZ está concibido como un viveiro de grandes ideas, potenciando a intelixencia colaborativa e poñendo a disposición dos participantes –durante os sete meses de duración do programa- toda a infraestrutura, asesoramento, formación e coñecemento do negocio necesarios para facilitar a viabilidade do seu proxecto

Unha vez finalizado este proceso de desenvolvemento nos centros Yuzz distribuídos por toda España, representantes dos mellores proxectos a nivel nacional foron elixidos para viaxar a Silicon Valley

Ademais, durante o último trimestre do ano os tres proxectos máis brillantes do país recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para contribuír a facer realidade a súa idea empresarial.

Trala ronda de presentación final dos proxectos celebrados no mes de xuño, membros dos xurados presentes en cada localidade do programa YUZZ seleccionaron aos mellores mozos e mozas emprendedores do país que participaron nesta edición do programa. Representantes dos 33 proxectos máis destacados do país –entre os que se atopan os 3 galegos- viaxarán a Silicon Valley, entre os días 21 e 27 de xullo, para coñecer en primeira persoa o maior núcleo de innovación no eido das novas tecnoloxías.


Os 3 proxectos galegos
Do centro YUZZ de Santiago, o proxecto elixido foi Looar de José Martínez Teira. Looar desenvolve solucións baseadas na tecnoloxías NFC (Near Field Communication) para a creación de cidades intelixentes e marketing interactivo, así como para o desenvolvemento de aplicacións NFC de propósito xeral.

Esta iniciativa ten como obxectivo principal o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que simplifiquen e optimicen tarefas rutinarias ou cotiás mediante o uso da tecnoloxía NFC, unha tecnoloxía estándar internacional para o intercambio de datos de forma inalámbrica, presente a día de hoxe na grande maioría de smartphones e tablets de gama media-alta, que permite que a información poida estar contida dentro de pegatinas que non precisan alimentación nin instalación e que se poida extraer simplemente cun móbil (http://looar.es).

No centro de Ourense, a iniciativa que conseguiu unha viaxe a Silicon Valley foi a de David Sequeiros Ribao e José Luis Peña García, grazas a Wiimbo. Wiimbo é unha plataforma en liña que creará unha rede de bares e pubs xeolocalizados e clasificados por estilos musicais e ambiente. Desta forma, os usuarios buscarán o local que máis se adecúe aos seus gustos comodamente. Unha vez alí, a través dos seus smartphones, poderán elixir e votar democraticamente as cancións que queiran escoitar. Por outra parte, os bares e pubs terán a capacidade de fidelizar aos seus clientes e de realizar accións promocionais a través da propia plataforma.

Ademais, Wiimbo podería chegar a ser unha ferramenta reguladora para que os artistas poidan reclamar os seus dereitos de forma máis xusta. (http://wiimbo.com/es)

Por último, no centro YUZZ de Vigo, o recoñecemento recaeu na iniciativa de Adrián Rubén Dogar, co proxecto SMAB. Baséase na creación dun libro audio interactivo, unha ferramenta tecnolóxica que terá aplicacións educativas, culturais e sociais, alternativas ao libro tradicional ou ao electrónica.

Ante o exceso de información, é necesario contar cunha maneira eficaz de asimilar e dixerir máis contido internacional e cultural, por iso o proxecto SMAB ten creado unha ferramenta tecnolóxica con seis compoñentes (dúas aplicacións nativas, un formato de arquivos, dos API’s e unha aplicación web), que terá múltiples aplicacións educativas, culturais e sociais.

SMAB proporciona experiencia aumentada que mellora a lectura e facilítaa a través das súas funcións como o temporizador, o son de fondo ou os marcadores de usuario.

Primeira edición en Galicia
Esta foi a primeira edición do programa que se celebra en Galicia, aínda que o programa arrancou en 2009. Desde o seu inicio, foi medrando e agora ten presenza en 33 cidades de España. Durante a duración do proxecto, ponse a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado; unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas; unha plataforma de traballo colaborativo en liña, e o soporte administrativo e xurídico necesario en caso de que a súa idea poida materializarse.

Mozos e mozas galegos participan este verán nos campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas, que contan con 173 prazas. Os que elixiron esta modalidade dentro da Campaña de Verán asisten a campamentos no País Vasco, Castela e León, Estremadura, ou A Rioxa.

No país Vasco, os intercambios son no Mosteiro-Albergue de Barria, no Albergue Illa de Zuhatza e no albergue catedral de Vitoria-Gasteiz. O primeiro é un edificio cisterciense do século XII, situado ao pé da Serra de Urkilla. Os participantes contarán con piscina, iniciación hortícola, xogos, obradoiros medioambientais, excursións, actividades de deporte-aventura como escalada, tirolesa, tiro con arco, descenso de barrancos e/ou espeleoloxía.

O segundo campamento no País Vasco está situado nunha illa do encoro Ullibarri-Gamboa e teñen actividades de piragua, windsurf, pedalóns, remo, xogos e obradoiros. Por último, o campamento en Vitoria está pensado para mozos e mozas con inquedanzas musicais, xa que as actividades xiran ao redor da música rock.

En Castela e León a oferta de intercambios é no Albergue xuvenil Navarredonda de Gredos, onde se fomentará o desenvolvemento da conciencia ecolóxica a través de actividades relacionadas coa práctica hortícola e obradoiros relacionados con “disciplinas verdes”. Ademais, os participantes poderán facer rápel, tirolesa, escalada, parque de cordas, rutas BTT, vivaqueo ao raso ou refuxio

En Estremadura os intercambios faranse no Campamento xuvenil “Emperador Carlos V”, no Val do Xerte. Os participantes atoparán actividades de multiaventura, aire libre e itinerarios medioambientais, trekking e rutas, excursións, visitas de interese cultural, obradoiros, animación, xogos e veladas.

Por último, na Rioxa os intercambios faranse no Albergue Xuvenil Molino Viejo, en Ezcaray. As actividades xiran ao redor dunha aula da natureza e aventura, con tiro con arco, piragüismo, rápel e escalada, paseos a cabalo , excursións e actividades culturais. Os participantes poderán familiarizarse co inglés xa que se utilizará este idioma nalgunha actividade.

Mozos e mozas desas comunidades tamén virán a Galicia para participar nos nosos campamentos

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo

Os primeiros participantes do programa ‘Conecta con Galicia’, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, chegaron xa a Galicia, onde terán oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico.

Trátase dun programa que ten como obxectivo fornecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel ca países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permitirá que 177 descendentes de cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano.

Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 157 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe O mar de Galicia, no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 20 prazas, para participantes con idade comprendidas entre os 18 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico, mediante a intervención arqueolóxica, a sinalización de antigos camiños mineiros, as actividades formativas de bioconstrución, as tarefas audiovisuais, actividades de restauración, sinalización e elaboración de letreiros, reforestacións, información e sensibilización en temas medio ambientais, etcétera.

Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre que se desenvolveran entre os meses de xullo e agosto. Os 20 descendentes de emigrantes farán uso dos 9 campos de traballo espallados pola ampla xeografía galega: Castro de Gastrar en Boqueixón, Socastro en Rois, Conciencia do noso pasado en Ponteceso (na provincia da Coruña); As Corcerizas en Vilar de Barrio, Audiovisual Galego en Celanova, Vilar de Ordelles en Esgos, e Natureza Viva en Muíños (provincia de Ourense); e, por último, Illas Cies en Vigo e Tradición en Verde (provincia de Pontevedra).

Solicitantes
Neste ano recibíronse 365 solicitudes para este programa. Foron Arxentina, con 226 solicitudes, e Uruguai, con 74, os países que mais o demandaron. Unha vez aplicado o baremo establecido na resolución da convocatoria, vanse beneficiar da mesma 102 rapaces e rapazas de Arxentina, 39 de Uruguai, 23 de Venezuela, 6 de Brasil, 4 de México e 3 de Cuba.

Na primeira quenda, que se prolongará ata mediados de xullo, participarán un total de 1.430 mozos e mozas

As actividades, que este ano chegarán a preto de 100 persoas máis que o anterior, diríxense a persoas entre 9 e 35 anos e divídense en actividades específicas para os distintos grupos de idade

O departamento autonómico investirá preto de 2,3 millóns de euros na posta en marcha das mesmas, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre

Os campamentos de verán que cada ano organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, comezan este luns en diversos puntos de Galicia. Na primeira quenda, que se prolongará ata mediados de xullo, participarán un total de 1.430 mozos e mozas, se ben ao longo de todo o verán poderán beneficiarse desta iniciativa máis de 8.200 persoas.

Os campamentos inícianse nas seguintes instalacións: Complexo xuvenil As Mariñas (Bergondo); Campamentos de Furelos (Melide), Virxe de Loreto (Porto do Son), A Espiñeira (Boiro), A Devesa (Ribadeo), Os Chacotes (Palas de Rei), Penedos de Xacinto (Entrimo), Pontemaril (Forcarei) e Illa de Ons (Bueu); Albergues Xuvenís de Area (Viveiro), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa) e Equal (Coles). Ademais, mañá mozas e mozos galegos tamén saen de intercambio para o País Vasco e A Rioxa.

As actividades, que este ano chegarán a preto de 100 persoas máis que o anterior, diríxense a persoas entre 9 e 35 anos e divídense en actividades específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico investirá preto de 2,3 millóns de euros na posta en marcha das mesmas, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias, así como favorecen a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.

Este verán contarase con preto de 7.500 prazas de campamentos, entre as que se encontran prazas para menores con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou menores tutelados, así como a oferta concertada.

Actividades para maiores de 18 anos
Os maiores de 18 anos e menores de 35 tamén poderán beneficiarse de actividades lúdicas. Serán un total de 393 prazas, na costa e no interior, que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre. Inclúense actividades deportivas e de coñecemento da cultura da auga galega, como o barranquismo, kaiak, BTT, xeocaching, surf, bodyboard, escalada, kaiak de mar e sendeirismo.

Este ano tamén se leva a cabo o proxecto ‘Conecta Galicia’, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior. Ao abeiro desta iniciativa, organizaranse actividades lúdicas e tamén sobre o Camiño de Santiago e o mar galego para descubrir o patrimonio histórico cultural, así como o medio mariño. Os primeiros mozos procedentes da emigración chegan mañá, 1 de xullo, ao aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela.

En total, os mozos da Galicia exterior teñen reservadas 180 prazas entre as que se inclúen as deste programa e 20 a maiores en campos de traballo.

Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 310 prazas en Galicia. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.

En Galicia organízanse campos de traballo de diferentes temáticas: de conservación e información ambiental nas Illas Cíes; ambiental e etnográfico en Lalín; medioambiental en Vilar de Ordelles e Muíños; de bioconstrución en Vilar de Barrio; de audiovisual en Celanova; e cultural e etnográfico en Ponteceso. Tamén haberá campos arqueolóxicos en Boqueixón e Rois; e de emprendemento en Palas de Rei.

O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, visitou aos participantes deste programa que teñen idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos

O proxecto “Crece” ten como obxectivo ensinar aos rapaces a convivir coa enfermidade crónicaOURENSE

O campamento desenvólvese no Centro Residencial Docente da Universidade Laboral ata o día 30 de xullo e inclúe actividades lúdicas e visitas culturais á provincia e a Santiago de Compostela

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, realizou esta mañá unha visita ao campamento que a Federación Nacional de Asociacións para la Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER) vén de organizar no Centro Residencial Docente da Universidade Laboral de Ourense, baixo o nome “Proxecto Crece”. No campamento participan 36 nenos e nenas de distintas provincias españolas, de entre 8 e 17 anos de idade, que padecen enfermidades renais.

Rogelio Martínez deulles a benvida e transmitiulles ánimos para convivir coa súa doenza crónica. “Desexo que estes días de vacacións compartindo vivencias con outros rapaces que padecen a vosa enfermidade vos servirá de apoio para superar as dificultades que ás veces tedes no día a día polos coidados que precisades para non pór en risco a vosa saúde”, dixo o delegado territorial.

Esta iniciativa, na que participan nenos que están a tratamento sustitutivo renal (hemodiálise, diálise peritoneal, etc.), é a primeira vez que se desenvolve en Galicia. Os seus obxectivos son axudar os rapaces a superar a enfermidade dende o punto de vista emocional, psicolóxico e afectivo, mediante o intercambio de experiencias entre eles, ao mesmo tempo que se lle transmiten coñecementos sobre unha alimentación axeitada, autocoidados e hábitos de vida saudables.

O campamento conta cun equipo de enfermeiros, psicólogos, médicos e monitores que vela polo benestar e a saúde dos participantes.

Durante as xornadas que dura o campamento os participantes desenvolven actividades lúdicas e visitas culturais a distintos puntos da provincia ourensá e mesmo a cidade de Santiago de Compostela.

Martínez ensalzou o labor que desenvolve ALCER a prol dos intereses do enfermo renal, fomentando a prevención e investigación, así como a promoción de órganos para o transplante. O presidente da Federación Nacional de ALCER, Alejandro Toledo, entregoulle ao delegado territorial da Xunta unha placa como agradecemento á colaboración e o apoio prestado polo Goberno galego ao Proxecto Crece.

  • Trátase dun encontro de novos creadores, onde as novas tecnoloxías da imaxe terán un lugar preferente
  • Este evento está organizado pola Deputación ao abeiro do programa Interreg “Imagina Atlántica” do que é socia a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na inauguración desta conferencia e subliñou as actuacións do Goberno galego a prol do fomento da creatividade xuvenil

image_gallery_2O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle hoxe e mañá a Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos organizada pola Deputación ourensá e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Este encontro de novos creadores, onde as novas tecnoloxías da imaxe terán un lugar preferente, está enmarcado dentro do programa Interreg denominado “Imagina Atlántica”, do que é socio a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O evento reúne a profesionais do audiovisual, a ilustración e as novas tecnoloxías procedentes de Galicia, Francia, País de Gales e Portugal.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na inauguración desta conferencia e apuntou que “o fomento da creatividade xuvenil, e a través dela do emprendemento, é un dos sectores básicos da nova Lei de Xuventude de Galicia, porque sen dúbida, as ideas dos novos emprendedores están chamadas a ser as encargadas de impulsar a competitividade”.

Neste senso, Rogelio Martínez lembrou que a Dirección Xeral de Xuventude participa en varios programas que promoven a capacidade creativa da mocidade, dando lugar á creación e promoción do emprego xuvenil neste ámbito. O “Imagina Atlántica” posibilitou a participación de 24 mozos e mozas galegos nun programa de estadías e intercambios profesionais en diferentes empresas dos países participantes para novos técnicos no sector da arte dixital, que inclúe comunicación audiovisual, publicidade, produción artística e cultural e turismo aplicado á arte dixital.

Ademais, este departamento autonómico convoca o certame “Xuventude Crea”, a maior mostra de creatividade xuvenil de Galicia, na que participan máis de 300 novos valores do arte galego en 11 especialidades artísticas. O seu obxectivo é crear un espazo no que os mozos e mozas poidan exercitar as súas habilidades, ensaiar solucións innovadoras e valorar o exame crítico das obras. O prazo para presentar obras a este certame está aberto ata o 31 de xullo.

Na súa intervención, o delegado territorial referiuse aos programas transfronteirizos “Eurocidade” e “Emprende” por tratarse doutras iniciativas nas que colabora a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co propósito de apoiar a interacción e colaboración entre a xuventude galega e portuguesa, e de promover actividades que convertan o espazo da eurorrexión nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais, potenciando o talento xuvenil.

Actividades de verán

Martínez aproveitou o acto para destacar a aposta do Goberno galego para manter, e mesmo incrementar, as actividades de educación non formal que se desenvolven dentro da campaña de verán dirixida á xuventude. Este ano, na provincia de Ourense, ofértanse un total de 785 prazas de campamentos -245 máis que na pasada convocatoria- ademais de ampliarse o número de albergues que acollen estas actividades.

 

As actividades celebraranse este ano nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, Celanova, O Salnés, Verín e Terra de Lemos nos meses de xullo e agosto

Os voluntarios recibirán unha formación inicial e participarán en actuacións de vixilancia ambiental, de control de especies invasoras e labores de limpeza, entre outras

O prazo de inscrición xa está aberto e as solicitudes poden presentarse a través da web www.voluntariadogalego.org

Os participantes recibirán un certificado acreditativo da acción voluntaria que desenvolvan

A Xunta de Galicia convoca por quinto ano consecutivo o programa de voluntariado ambiental a través do que este ano se ofertan un total de 192 prazas para que os galegos e galegas interesadas en colaborar co coidado do medio ambiente poidan desenvolver diferentes actividades, como son vixilancia ambiental, control de especies invasoras que poden aumentar o risco de incendio ou labores de limpeza e rozadura de cortalumes.

O programa desenvolverase este ano nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, Celanova, O Salnés, Verín e Terra de Lemos. O prazo de inscrición xa está aberto, así que os interesados xa poden presentar a súa solicitude a través da web www.voluntariadogalego.org.

Realizaranse 24 quendas de cinco días. As actividades están concibidas como se dun campo de traballo se tratara, no que en grupos de 8 persoas, xunto cun monitor, levará a cabo as diferentes actividades de sensibilización e información sobre a necesidade de coidado e preservación da masa forestal.

Os obxectivos desta iniciativa, que promoven conxuntamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a de Montes, é impulsar entre a cidadanía unha campaña de sensibilización e información no coidado do medio ambiente, colaborar na vixilancia dos montes galegos, reforzar a idea da necesidade de conservar os recursos forestais e fomentar unha actitude de prevención de riscos contra incendios.

Os participantes tamén poderán colaborar na restauración de áreas incendiadas, localizar vertedoiros incontrolados, axudar na limpeza e caracterización de tramos fluviais, facer unha campaña de sensibilización sobre a importancia da conservación da masa forestal ou realizar actividades culturais vinculadas cos montes. Os voluntarios, antes do inicio das actividades, recibirán formación e durante toda a quenda estarán acompañados por monitores especializados na materia. O programa inclúe para os participantes o aloxamento, a pensión completa e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Poden participar as persoas maiores de idade e tamén mozos e mozas de 16 e 17 anos que conten con autorización.

Ao remate das actividades, os voluntarios obterán por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado que acreditará a súa acción voluntaria e será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Esta iniciativa desenvolverase ao longo dos meses de xullo e agosto e os interesados en participar poden apuntarse na páxina web www.voluntariadogalego.org

Este programa naceu co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional das Illas Atlánticas

As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa limpeza de praias e na erradicación de plantas invasoras

Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, continúa este verán co programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Nesta ocasión, o programa de voluntariado desenvolverase nas Illas de Sálvora e Cortegada.

Xa está aberto o prazo de inscrición para esta actividade que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto e os interesados poden apuntarse na páxina web www.voluntariadogalego.org cubrindo un formulario.

Este programa naceu co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no parque nacional.

As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa limpeza de praias e na erradicación de plantas invasoras.

O programa desenvolverase en grupos de 8 voluntarios, os martes en Cortegada, con saída ás 12,00 horas e regreso ás 19,00 horas, e os xoves en Sálvora, con saída ás 10,00 horas e regreso ás 18,00 horas.

Os voluntarios teñen cubertos tanto os traslados desde os peiraos de Aguiño (Ribeira), no caso de Sálvora, e de Carril, no de Cortegada, como a manutención e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade ou que teñen cumpridos os 16 anos con autorización. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán levar unha indumentaria axeitada ás actividades a realizar, unha mochila e protector solar.

Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Este programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas comezou nos meses de abril e maio, coa participación de máis de 40 voluntarios, que realizaron tarefas de apoio aos técnicos do parque, relacionados coa oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade da illa de Ons.