En portada (1167)

 

Premios Talento Mozo Galicia. Membros do xurado

De conformidade co establecido no artigo 13 da Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 31 do 14 de febreiro), o día 14 de xullo de 2023 ditouse a resolución de nomeamento do xurado por parte da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que desempeña a súa presidencia conforme ao citado artigo.

Conforman o xurado dos premios Talento Mozo Galicia as seguintes persoas:

Presidenta: Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura Educación, Formación Profesional e Universidades e Eva López Barrio, responsable do programa Women Emprende e membro da asociación de mulleres investigadoras e tecnólogas de España, na modalidade de Ciencia.

Inés Santé Riveira, directora xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e Martín Alemparte Vidal, director-xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra Courel, na modalidade de Rural.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte e Belia Méndez Rial, subdirectora xeral de Plans e Programas da secretaría xeral para o Deporte, na modalidade de Deporte.

Covadonga Toca Carús, directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica da Consellería de Economía, Industria e Innovación e Luciano Covelo Fandiño, presidente de AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios) Galicia, na modalidade de Empresa.

Anxo Manuel Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e Susana González Martínez, consultora de arte, xestora cultural e comisaria de exposicións, na modalidade de Cultura e Creación.

María Begoña Mosteiro Blanco, subdirectora xeral do Instituto da Xuventude de Galicia, como secretaria do xurado.

Queres participar nun proxecto de voluntariado na comunidade autónoma de Galicia?
Tes interese por coñecer e preservar a nosa biodiversidade e espazos naturais?

Non perdas esta oportunidade!

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de poñer en marcha, para 2021, un novo programa de voluntariado ambiental, de carácter interxeracional e totalmente gratuíto para as persoas voluntarias, que se desenvolverá durante as fins de semana entre os meses de maio e setembro. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a protección e conservación do medio ambiente, incidindo desde unha perspectiva de sensibilización e educación ambiental.

Están programadas 20 actividades con 228 prazas nos seguintes espazos naturais:

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: lla de Ons

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Illas Cíes

Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Cortegada

Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia: Illa de Sálvora

Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Parque Natural O Invernadeiro

Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Parque Natural Monte Aloia

Parque Natural Fragas do Eume

Parque Natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés

Reserva da Biosfera Terras do Miño Mondoñedo

Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras do Burón Ribadeo

Xeoparque de O Courel

ZEC Ancares-Courel

ZEC Canón do Sil


Nestes espazos, as persoas voluntarias desenvolverán actividades de apoio na:

- Preservación, limpeza e conservación nos espazos naturais sinalados
- Investigación (catalogación de flora e fauna de Galicia)
- Sensibilización e formación en materia de medio natural

O programa desenvolverase con todas as garantía de seguridade e saúde fronte a Covid-19, polo que as prazas serán limitadas a 10 ou 12 persoas por acción, en función das quendas sinaladas no cadro adxunto, ofrecéndose un total de 228 prazas. A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (autobús e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas, a partir do punto de encontro en Santiago de Compostela, na parada de autobuses que hai diante da estación de tren. Cada participante deberá levar os útiles de aseo persoal e toalla así como calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.

Os requisitos de participación serán os seguintes:

- Ter 18 anos cumpridos.
- Residir na comunidade autónoma de Galicia.
- Cumprimentar o formulario de participación na web de voluntariado, www.voluntariadogalego.org  

As persoas voluntarias poderán participar nunha, algunhas, ou en todas as accións programadas. A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición. En todo caso, se o grupo de persoas apuntadas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, pasarán a unha lista de reserva para o caso de que queden prazas vacantes.

Máis información en: erasmus.xuventude@xunta.gal

Teléfono: 881 999 567

voluntariado@xunta.gal

Teléfono Solidario 900 400 800

https://voluntariadogalego.org/novas/programa-de-voluntariado-ambiental-interxeracional-2021

Celebramos o Día do Libro!

Ocasión única para pasar pola túa libraría de sempre e comprar material para unha nova "torre de libros para ler" na mesiña de noite da túa habitación. Ou tamén pola biblioteca do teu concello.

Propostas:

- Un reto lector que nos envía o equipo de Correpondentes xuvenís do IES Saturnino Montojo de Ferrol, O home que plantaba árbores de Jean Giono, libro que nos permite reflexionar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente, sobre a xenerosidade e a perseverancia...

 - Buscamos aportacións, se tes algún libro ou cómic que che gustara especialmente, podes facer a túa suxestión a través do noso correo, informacion.xuventude@xunta.gal  e incluirémolo na listaxe dos libros que nos recomendaron mozos e mozas ao longo dos últimos anos.

Aquí vos deixamos unha ligazón ao catálogo literario infantil e xuvenil recollido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), a cal se move por visibilizar e promover a cultura e a lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil: Catálogo 2022 de literatura infantil e xuvenil

Lembra que tes descontos en librarías co teu carné xove

Descontos nas librarías da Federación de libreiros

Descontos noutras librarías:  LugoOurensePontevedra e A Coruña

Os Espazos Xoves da Xunta acollen alumnado en prácticas formativas do ciclo superior de Animación sociocultural e turística. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou o Espazo Xove de Chantada onde destacou a vitalidade e iniciativa dos participantes.

Así mesmo sinalou que esta iniciativa, realizada a través dun acordo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, permite que o alumnado destes ciclos teñan a oportunidade de poñer en práctica o aprendido, ao realizar actividades para mozas e mozos de entre 14 e 30 anos.

Neste curso hai once estudantes realizando prácticas nos diferentes Espazos Xoves de toda a Comunidade; en concreto, nos centros de Tui, Betanzos, Chantada, Ourense, Noia e Lalín. O período de prácticas comezou o pasado día 5 e finalizará o próximo 13 de xuño. Os estudantes están sendo supervisados e titorizados en todo momento polo responsable de cada espazo xove.

A Xunta de Galicia celebrou o Día Europeo da Información xuvenil cun evento en liña con mozas e mozos que forman parte do programa Correspondentes xuvenís. Foron dúas xornadas os díasatocha 17 e 18 de abril nas que os e as participantes adquiriron formación vinculada ao bo uso das redes sociais, así como para realizar dinámicas de deseño e emprendemento.

Un dos obxectivos deste foro foi conectar os participantes do programa Correspondentes xuvenís, que neste curso 2020-21 superan os 500 mozos e mozas. Ademais de achegar actividades durante os dous días que durou o evento, aproveitouse para recoller impresións e suxestións da mocidade, definir estratexias e deseñar novas iniciativas nas que se motive á participación da xuventude.

Este encontro, no que participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, contou con actividades dirixidas a utilizar as ferramentas que proporcionan os teléfonos móbiles, tales como a cámara, a gravadora ou as diferentes aplicacións web para o seu uso para a transimisión de información xuvenil.

Así mesmo, organizáronse grupos para desenvolver iniciativas nos que os e as correspondentes puxeron en uso as habilidades aprendidas. Logo de rematar os proxectos, presentáronse a un xurado profesional que escolleu cal deles foi o mellor grazas ao seu deseño e a escolla de información.

 

Con motivo deste 17 de abril, Día europeo da información xuvenil, saímos á rúa para coñecer de preto o traballo dos informadores e das informadoras e como estevideo17abril debe chegar á mocidade.


Que sabemos da información xuvenil?


A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2021.

Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado

Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas coa COVID-19 no actual contexto de crise sociosanitaria.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos:
- As entidades de acción voluntaria e as entidades locais deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Terán sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolveran os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.
- Terán debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.

As solicitudes presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2021.
Máis información no DOG do 31 de marzo de 2021 e en www.voluntariadogalego.org

O programa Carné Xove da Xunta de Galicia segue a medrar coa adhesión do Concello de Vilariño de Conso.

Ofrecerá a gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos e mozas que sexan titulares da tarxeta

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa alcaldesa do municipio, Melisa Macía

O concello de Vilariño de Conso súmase ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia como entidade colaboradora, asumindo un compromiso de gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos que sexan titulares da tarxeta.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa alcaldesa do municipio, Melisa Macía. Coa adhesión deste municipio a iniciativa da Xunta, á que xa hai máis de 1.000 establecementos adheridos, segue a medrar.

A finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova de entre 12 e 30 anos, mediante a colaboración dos establecementos adheridos ao programa, o acceso a diferentes servizos mediante descontos e outras vantaxes. Os beneficios abranguen, entre outros ámbitos, a cultura, o aloxamento, transportes, comercio e o ensino.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece tamén aos titulares unha serie de vantaxes e servizos entre os que se inclúen descontos nos seus programas e actividades. Así, ofrece rebaixas de ata un 25 % nas cotas da Campaña de Verán (campamentos, intercambios, campos de traballo ou actividades).

Novidades do Carné Xove
Antes, a expedición do Carné Xove estaba suxeita ao pagamento dunha taxa de 6 euros e tiña unha vixencia máxima de dous anos. Dentro das novidades que está a implementar a Xunta de Galicia contémplase a expedición gratuíta e unha vixencia permanente, sen necesidade de renovación, ata que o usuario cumpra os 31 anos.

Ademais, a tarxeta enviarase de xeito gratuíto ao domicilio dos mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. De todos os xeitos, é preciso recordar que a activación debe facerse de xeito presencial nos servizos provinciais de Xuventude, o Centro Coordinador de Información Xuvenil, os Espazos Xove e as Oficinas de Información Xuvenil dos concellos autorizados.

Así mesmo, está tamén prevista a posta en marcha dunha aplicación móbil do programa que permitirá, entre outras funcionalidades, xeolocalizar os establecementos adheridos e coñecer os descontos que aplican, ademais de acceder ás novas da iniciativa.

O día 2 de abril foi o Día internacional do libro Xuvenil e para celebrar esta data, desde a Dirección xeral de Xuventude lanzamos a toda a Mocidade galega un reto lector que nos propoñen o equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo de Ferrol.

Propoñen compartir reflexións e impresións a través da lectura da obra Enderezo descoñecido de Katherine Kressman.
Poderemos comentar temas como a amizade, a angustia, a traición, o ascenso de réximes totalitarios, a vinganza, o rol da muller...

O tempo estimado de lectura de Enderezo descoñecido é dunha hora. paraderodesconocido

O taboleiro colaborativo virtual padlet permitiranos compartir de xeito sinxelo vídeos, audios ou textos breves. Aquí podedes acceder ao muro compartido e plasmar as túas reflexións e impresións sobre o libro: club de lectura ENDEREZO DESCOÑECIDO

Onde podes conseguir o libro?: 

Libro Enderezo desoñecido na rede de bibliotecas de Galicia

Libro Paradero desconocido na rede de bibliotecas de Galicia

E si te atreves en alemán: Adressat unbekannt na rede de bibliotecas de Galicia


Si prefires compralo, lembra que co carné xove tes un desconto en moitas librarias de Galicia:

Descontos nas librarías da Federación de libreiros

Descontos noutras librarias:  Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña