Representantes de nove países europeos reuniranse desde hoxe e ata o 30 de novembro en Santiago no seminario internacional de voluntariado ‘Camiños da Solidariedade’ onde terán a oportunidade de expoñer as súas experiencias, logros e propostas no campo do voluntariado. O seminario tamén ten como obxectivo elaborar un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades voluntarias.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o seminario e explicou que este “intenta ser un foro de discusión, debate e experimentación de métodos de traballo na área da educación non formal, buscando unha participación activa de todos os participantes”.
Rodeiro apuntou que a metodoloxía de traballo está baseada nun equilibrio entre a teoría e a práctica na que se empregarán “diferentes recursos didácticos así como exposicións, traballo en grupos pequenos, debates, comunicacións baseadas nas experiencias persoais, reflexión, intercambio de experiencias e espazos de libre expresión”.
As actividades do seminario incluirán presentacións preparadas por cada organización nas que mostrarán as accións desenvolvidas no Ano Europeo de Voluntariado no seu país e o impacto que tiveron, abordarán a organización e experiencias de voluntariado, así como a situación do voluntariado en cada país.
Froito de este traballo os participantes, que proceden de Irlanda, Estonia, Noruega, Italia, Romanía, Grecia, Alemaña e Portugal, redactarán un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades de voluntariado que será útil para os participantes e para calquera organización dun xeito efectivo. De feito, enviarase a todos os participantes o documento final e publicarase na web ‘'www.voluntariadogalego.org' para que sexa accesible a calquera organización.
O seminario documentarase visualmente con fotos das dinámicas, vídeos dalgunhas sesións e conclusións para difundir este material entre outras persoas e asociacións que se poidan beneficiar desta experiencia.
Todas as participantes son entidades que estiveron presentes tamén no proxecto ‘EU Camiño’ no que voluntarios europeos prestaron a súa axuda aos peregrinos, e teñen moita experiencia no campo do voluntariado, a nivel local, nacional e europeo, especialmente coa mocidade, pero tamén con outros proxectos de voluntariado e cunha traxectoria europea. De cada organización participará un coordinador de proxectos de voluntariado e un voluntario ou ex voluntario.
Como colofón do seminario, os integrantes participarán no primeiro día do Congreso Estatal de Voluntariado, que terá lugar os próximos 29 e 30 de novembro e 1 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) e reunirá a mais dun millar de participantes de toda España. Este congreso será clausurado o xoves día 1 de decembro polas súas altezas reais os Príncipes de Asturias.
Este Congreso estatal será o broche de ouro que pechará as actividades do Ano Europeo do Voluntariado en España e dará a testemuña ao País Vasco, que será a Comunidade encargada de organizar a XV edición deste evento.
En Non te enredes atoparedes os principais servizos e actuacións encamiñadas a achegar a información á xente moza.
En Educaxove atoparedes información sobre aquelas axudas e bolsas encamiñadas a facilitar a formación, así como aqueles recursos existentes no ensino que permiten unha educación de calidade.
En Emprégate atoparedes información sobre liñas de axuda e recursos para mellorar a empregabilidade da mocidade e para fomentar o seu espírito emprendendor.
En Mocidade Creativa poderás atopar información sobre aquelas actividades que fomentan e facilitan o teu espírito creativo e emprendedor.
En Vivenda Xove poderás atopar os recursos ao teu alcance para facilitar o acceso a unha vivenda.
Ti escolles proporciónache información sobre distintas alternativas de ocio de calidade, moitas cun claro compoñente de educación non formal.
En Xuventudésaúde atoparás as campañas e actividades que se poñen en marcha para fomentar unha boa saúde, a través da práctica do deporte e a prevención de malos hábitos.
O teu tempo, o noso tempo, infórmate sobre distintas actuacións relacionadas co voluntariado como a formación, o voluntariado europeo, plans de dinamización e actuación... que che facilitan e permiten canalizar o teu labor voluntario.
En Xuventude en movemento atoparedes información sobre programas destinados á mocidade que promocionan e apoian a mobilidade xuvenil a través de diversos tipos de axudas, bolsas, encontros, participación en proxectos europeos e diversos tipos de carnés que facilitan os teus desprazamentos.
En clave de... ofréceche información sobre actuacións transversais e de diversa tipoloxía que te acompañan no día a día, como son o fomento da igualdade de xénero, a promoción do uso da lingua galega, o fomento do consumo responsable ou a sustentabilidade.
A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha nas próximas semanas dous ciclos formativos e un obradoiro sobre resolución de conflitos entre menores que estarán centrados no acoso escolar (bullying) e nos perigos das redes sociais (ciberbulling). As dúas accións formativas, que se denominan ‘Convivindo’ e ‘En Convivencia’ estarán dirixidas a mozos e mozas que estean cursando terceiro curso da ESO. En concreto, poderán participar 2.200 rapaces de 44 institutos de Galicia. ‘Convivindo’ constará de 6 sesións e ‘En Convivencia’ dun total de 3.
O obradoiro, pola súa banda, está destinado a mozos e mozas de segundo curso da ESO. A temática que se abordará nesta actividade será similar á dos ciclos formativos e chegará a 5.000 alumnos de 100 centros de ensino. Paralelamente, as Asociacións de Nais e Pais (Anpas) tamén poderán solicitar a súa participación neste obradoiro a través da Escola de Pais e Nais, que abordará o mesmo tema aínda que desde unha óptica de adultos.
Estas dúas actividades enmárcanse nas accións que oferta o servizo Quérote + dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que decidiu levar a cabo as iniciativas centradas nesta temática, xa que foi a máis demanda polos docentes dos centros de ensino.
Precisamente, a área autonómica vén de formar a profesionais que traballan coa mocidade en mediadores de convivencia. Hoxe mesmo clausuráronse dous cursos sobre bullying e ciberbullying que impartiron técnicos do servizo Quérote + na Coruña, Santiago, Ourense e Vigo. As accións formativas, nas que participaron 239 persoas, contaron coa colaboración de gardas civís expertos en convivencia e novas tecnoloxías.
Por outra banda, o servizo Quérote + tamén oferta ás propias asociacións xuvenís e as oficinas da rede galega de información xuvenil, tanto en concellos como a nivel autonómico, programas de ocio destinados a mozos e mozas de entre 16 e 18 anos que tamén abordan a convivencia entre iguais e as boas prácticas nas redes sociais. Trátase das actividades denominadas ‘Exprésate’ e ‘Sacando as redes da pantalla’.
Así mesmo, os internos da cárcere de Teixeiro poden participar no programa ‘Socializado’ que leva 3 anos desenvolvéndose e no que xa participaron máis de 130 presos que estaban ou están a piques de recobrar a liberdade. Os menores con medidas xudiciais tamén teñen un programa específico para afondar na convivencia. Así, desde o ano pasado un total de 152 menores, derivados de fundacións e asociacións de integración social, participan no programa ‘Eu cos demais’ para tratar de mellorar a convivencia social e a resolución de conflitos sen violencia, incluíndo tamén a importancia da afectividade.
Para reforzar estas accións, os técnicos do servizo Quérote + tamén están a elaborar unha guía sobre convivencia destinada a pais e titores e un decálogo sobre convivencia e resolución de conflitos, que tamén conta coa colaboración da Garda Civil.
No marco das accións previstas dentro do proxecto Eurocidade Chaves-Verín, cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co apoio do Instituto Português da Juventude, en coordinación co Concello de Verín e a Cámara municipal de Chaves organizan este Curso de Xestión de Proxectos de Participación Xuvenil denominado “A Xuventude Móvese”.
FINALIDADE
Compartir diferentes estratexias prácticas para o traballo coa mocidade a través do programa “Xuventude en Acción”. Cunha metodoloxía dinámica e participativa, preténdese dotar aos participantes de recursos, ferramentas e materiais para impulsar a aprendizaxe non formal dende as súas organizacións, e que o traballo cos mozos e mozas sexa máis áxil e eficaz.
OBXECTIVOS
Fomentar o intercambio de experiencias entre colectivos e dinamizadores/as xuvenís da Eurocidade Chaves-Verín
Favorecer a cooperación e o traballo en rede entre entidades de Galicia e o Norte de Portugal.
Facilitar un espazo de encontro para a reflexión en torno á aprendizaxe non formal con mozos e mozas.
Promover a participación xuvenil a través de proxectos no ámbito do programa “Xuventude en Acción”
PERFIL DOS/DAS PARTICIPANTES:
O curso está dirixido a mozos/as, traballadores/as e voluntarios/as de organizacións de Galicia e o Norte de Portugal, que estean traballando ou queiran traballar con mozos e mozas a través da aprendizaxe non formal no marco da calidade europea.
NÚMERO DE PRAZAS: 26 participantes, 13 procedentes de Galicia e 13 do Norte de Portugal.
DATAS: 3, 4, 10 e 11 de decembro de 2011.
HORARIO: De 10h00 a 14h00 e de 15h30 a 21h30 (horario español)
LUGAR: O curso celebrarase un fin de semana en Chaves e outro en Verín (espazos a confirmar)
PROCEDEMENTO, PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
Os/As participantes interesados/as deberán enviar por correo electrónico a súa ficha de inscrición, completamente cumprimentada, ao enderezo electrónico xuventude@xunta.es, antes do 28 de novembro.
Realizarase unha selección dos/as participantes interesados/as, ponderando a súa pertenza a algunha organización (formal ou informal), que traballe con colectivos xuvenís -preferiblemente da Eurocidade Chaves-Verín-, e o seu interese na promoción e realización de novos proxectos europeos de participación xuvenil entre Galicia e o Norte de Portugal.
Aos/Ás participantes seleccionados/as seralles notificada a súa inscrición definitiva o 30 de novembro.
FINANZAMENTO: O curso é gratuíto, e inclúe o xantar de cada o día de curso, e un medio de transporte entre Chaves e Verín ao inicio e ao remate de cada xornada.
ACREDITACIÓN: Á finalización do curso, os/as participantes que asistiran a un mínimo do 80% das horas lectivas, recibirán un diploma acreditativo, recoñecido e asinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Instituto Português da Juventude.
Máis información e formulario de inscripción: .pdf .odt(editable)
A exposición de artes plásticas e videocreación, enmarcada no Circuíto de Creatividade 2011 clausurouse hoxe no Espazo Xove de Tui. A iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo dar a coñecer os traballos dos finalistas no Certame Galego de Creadores Novos 2009 e 2010, ‘Xuventude Crea’.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, clausurou hoxe a mostra na localidade pontevedresa e avanzou que o circuíto regresará a Vilagarcía o próximo 29 de outubro coincidindo coa celebración da quinta edición do Encontro Mostra Asociativa Xuvenil (EMAX).
O Circuíto de Creatividade 2011 iniciou a súa andaina en xuño na cidade da Coruña. No mes de xullo, Porto (Portugal) acolleu a mostra que tamén estivo presente en Vilagarcía, Lalín e Betanzos, seguindo no mes de novembro en Ourense.
Os autores que expuxeron os seus traballos foron Beatriz Suárez Saa, Miguel Cuba Taboada, Sheila Pazos Silva, Rodrigo Currás Torres, Julia Aranda Girón, Pablo Rodríguez Barreiro, Juan Silva Cabral, Marta González Suárez, Sofía Grandío Barrio, Daniel Diéguez, Diego Pintos, Sabela Pernas Soto, Cristina Ferreiro Real e Pablo González Muñiz.
Rodeiro destacou que dentro deste circuíto, a Dirección Xeral de Xuventude editou dous libros, onde se recollen as obras premiadas nas especialidades de relato curto e poesía, e un catálogo con reseñas e ilustracións das obras gañadoras no resto de categorías do Certame ‘Xuventude Crea’ 2009 e 2010.
O Circuíto de Creatividade enmárcase no Espazo Transfronteirizo Xuvenil, dirixido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e a FundaÇão da Juventude, dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007 - 2013 (POCTEP).
O principal obxectivo do proxecto é promover a cooperación institucional en materia de políticas de xuventude, para que os mozos se queden a vivir e a traballar na zona transfrontei¬riza galego - portuguesa.
Conta coa colaboración de entidades que apoian unha nova liña de actuación de promoción do espírito emprendedor da xuventude galega e portuguesa, co fin de manifestar a súa disposición a participar naquelas actividades de interese para os mozos e a sociedade en xeral, e poñendo a disposi¬ción a mobilización de recursos e coñecemento para o bo desenvolvemento de actuacións relacionadas co seu ámbito de traballo.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou a importancia de fomentar os intercambios e a mobilidade para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas, un feito que xa é unha realidade en Galicia, se ben aplicalo na loita contra a exclusión social, como fai o proxecto “A Ida”, supón, a seu xuízo, “un paso máis” que valorou “positivamente”.
A conselleira recibiu hoxe en Padrón (A Coruña) aos 16 mozos e mozas e as empresas participantes no proxecto ‘A Ida’, unha iniciativa froito dun convenio de colaboración entre a Fundación Paideia Galiza e o Instituto IBI de Berlín que ten como obxectivo a estancia na provincia da Coruña de mozos e mozas alemáns en risco de exclusión social para a realización de prácticas nos ámbitos da hostalería, restauración, turismo e xardinería.
Na súa intervención, Mato apuntou que durante 2010 mais de 7.500 mozos e mozas galegos participaron nos 22 programas de mobilidade organizados pola Xunta. De eles, 2.563 tomaron parte das iniciativas que organiza directamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Ademais apuntou que nos seis primeiros meses deste ano logrouse a inserción laboral de preto de 300 persoas que participaron nos itinerarios personalizados do Plan Galego de Inclusión Social desenvolvido pola Xunta de Galicia.
O Goberno galego leva a cabo desde hai 10 anos este plan, a través do que se desenvolven diferentes accións para axudar a persoas en risco de exclusión a saír desta situación reforzando as súas habilidades sociais e persoais, así como a súa preparación laboral.
Beatriz Mato indicou que ‘A Ida’ “é unha mostra mais de que a coordinación e a suma de esforzos é a primeira garantía de éxito para calquera proxecto e tanto mais nunha materia tan sensible como é a exclusión social, na que é necesario buscar itinerarios que permitan romper o círculo vicioso ou sen saída que moitas veces supón esta situación, e que impulse estas persoas cara a un posto de traballo e á normalización plena”.
Por último, a titular de Benestar referiuse aos resultados “francamente positivos” do proxecto ‘A Ida’ posto en marcha hai dous anos cunha inserción laboral do mais do 62% dos participantes e destacou a colaboración entre a Administración alemá, os concellos das comarcas do Barbanza, O Sar, Muros e Noia, e as empresas, tanto para a súa estancia, como para a realización de prácticas pre-laborais.
Proxecto ‘A Ida’
A Fundación Paideia, en colaboración co instituto IBI alemán, leva desde o ano 2009 acollendo grupos de mozos e mozas alemáns en risco de exclusión social. Paideia recibe a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade en estancias de tres meses ao longo de todo o ano. O proxecto está financiado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán e o Fondo Social Europeo.
Os aloxamentos teñen lugar nas comarcas do Barbanza, O Sar, Muros e Noia, a través da rede de turismo rural Ruralover. Paideia establece convenios de colaboración coas empresas da zona onde realizan prácticas pre-laborais.
A 23 edición das Xornadas da Banda Deseñada, que se celebran desde hoxe e ata o 18 de outubro en Ourense, estarán dedicadas á memoria de Benito Losada, o finado director da Casa da Xuventude e coordinador deste evento desde os seus inicios, a través dunha exposición colectiva que se ubicará na propia Casa da Xuventude.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta mostra, na que 16 autores de cómic galegos, colaboradores habituais do festival, cederon varias páxinas de distintos momentos das súas carreiras, nas que condensan a súa traxectoria no medio e, en certo modo, fan unha retrospectiva da historia das propias Xornadas.
Así, nas mesmas reflíctense os 23 anos nos que Ourense asistiu aos primeiros pasos amateurs destes debuxantes no seu concurso de BD para a mocidade; presenciou as súas iniciativas de autoedición e, en moitos casos, testemuñou a súa profesionalización. Trátase dun paseo pola historia das Xornadas no que quedará patente a figura de Losada como promotor dunha xeración de debuxantes que triúnfan en Galicia e no estranxeiro.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, indicou que “o fomento da creatividade xuvenil e, a través de ela, do emprendedurismo, é unha das apostas máis claras da ‘Estratexia Xuventude 2013’ da Xunta de Galicia, e xorde como expresión da confianza que temos nas moitas posibilidades que atesouran os novos artistas galegos”. Ao seu xuízo, “as accións xuvenís deben estar sempre na vangarda, e ter un punto rebelde” de xeito que “debemos ser capaces de apoiar a liberdade creativa dos mozos e mozas, sen tutelas innecesarias”.
Rodeiro lembrou que desde a Dirección Xeral de Xuventude se teñen iniciadas unha serie de accións destinadas a levar as obras dos certames de creatividade xuvenil a escenarios e locais de exposición de Galicia e mesmo tamén de Castela e León e Portugal. Ademais, no vindeiro mes de novembro iniciarase un programa de estadías creativas nos albergues xuvenís galegos.
Tamén haberá espazo nas Xornadas para renderlle tributo ao colectivo Polaqia, un dos grupos de autores de cómic galegos máis activos nesta última década, que anunciou a súa disolución para finais de 2011. No Museo Municipal recuperarase a exposición que puido verse no edificio Normal da Universidade da Coruña o pasado verán, na que máis de 50 orixinais aproximarannos aos 10 anos de traballo deste colectivo.
A habitual mostra dedicada aos gañadores e accesits da edición anterior do certame de cómic e ilustración organizado anualmente polo Instituto de la Juventud (Injuve) pechará o panorama expositivo desta edición.
Demo Editorial, galardoada co Premio Ourense
O Premio Ourense de BD, que cada ano outorgan as Xornadas para distinguir as iniciativas e traxectorias máis importantes dentro do panorama da banda deseñada galega, recae este ano 2011 en ‘Demo Editorial’, por apostar pola publicación de cómics de autores galegos emerxentes e en lingua galega e pola recuperación do patrimonio histórico de Galicia mediante un medio de entretemento como é a novela gráfica.
‘Demo Editorial’ é unha iniciativa do debuxante coruñés Manel Cráneo, e iniciou a súa andadura en marzo de 2009 coa aparición de ‘Os lobos de Moeche’, do propio Cráneo, cunha trama ambientada na Guerra Irmandiña. Dentro do seu catálogo, destacan as obras gañadoras das últimas edicións do Premio Castelao, organizado pola Deputación da Coruña: ‘Sen mirar atrás’ de Dani Montero, e ‘A man do diaño’, de Brais Rodríguez. Como é habitual, o Premio Ourense de BD, que chega así á súa 22ª edición, consiste nun trofeo elaborado expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.
Un cartel de José Domingo
O cartel desta edición das Xornadas foi realizado por José Domingo, o gañador da última edición da modalidade de banda deseñada do concurso ‘Xuventude Crea’. Tamén se publicará un novo número do habitual ‘Fanzine das Xornadas’, a revista con toda a información sobre esta “festa galega do cómic”.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, realizou esta mañá unha visita ao ‘Tráiler da Solidariedade’ que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a levar polas principais cidades galegas.
Dende hoxe e ata o vindeiro venres 7 de outubro, este bus solidario estará estacionado na Praza Miralles do Campus Universitario As Lagoas-Marcosende para que tanto as administracións públicas coma as entidades de acción voluntaria poidan amosar os proxectos que se están a desenvolver en materia de voluntariado, co obxectivo de dar a coñecer a todos os galegos e galegas a realidade do voluntariado en Galicia.
Lucía Molares coñeceu de primeira man todos os traballos que se expoñen neste bus e resaltou o feito de que “exista un espazo de promoción do voluntariado galego que percorra toda a xeografía galega co fin de amosar as actividades e accións que este tipo de asociacións e colectivos poñen en marcha”.
O “Tráiler da Solidariedade”, que se puxo en marcha o pasado 25 de xullo en Lugo, levará a cabo unha campaña de promoción do voluntariado galego, dentro da ampla programación que está organizando a Xunta con motivo deste Ano Europeo do Voluntariado en 2011.
De feito, e coma recordou Molares, Galicia acollerá este ano –como punto e final a toda a programación- o XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrará na Coruña a finais de novembro baixo o lema “Camiños de Solidariedade”.
O Congreso contará coa asistencia de personalidades da Unión Europea e de entidades de voluntariado de varios países europeos, así como con diversas mesas redondas e cun apartado de colaboración e boas prácticas para as entidades participantes.
Este bus solidario, tras o seu paso por Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, chegará a Ourense, onde permanecerá ata o 14 de outubro.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, fixo hoxe entrega dos diplomas que acreditan ao equipo gañador de Galicia da XVII edición do concurso ‘Euroescola 2011’ --un xogo ‘online’ de habilidades, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea--, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O equipo gañador obtivo como premio a participación, con outros mozos e mozas de toda Europa, en sesións do Parlamento Europeo en Estrasburgo, e unha axuda económica para sufragar parte dos gastos da viaxe. O equipo gañador do IES Rosalía de Castro partirá para a cidade francesa o vindeiro 7 de outubro.
Os mozos e mozas gañadores tamén poderán gozar de maneira gratuíta dunha estadía de fin de semana no Albergue Xuvenil de Forcarei, participando no programa de multiaventura e ocio alternativo ‘Roteiros’, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
‘Euroscola 2011’ é un concurso convocado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois. Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos e un profesor que é o líder.
Trátase dun xogo ‘online’ de habilidades, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea. Por cada Comunidade Autónoma houbo un finalista. Os 9 equipos mellor clasificados de entre todos os finalistas serán os gañadores da viaxe. Cada gañador debe ser dunha Comunidade Autónoma diferente.
Nesta edición, coincidindo co Ano Europeo do Voluntariado 2011, o tema central deste xogo interactivo educativo foi o de fomentar o voluntariado entre a mocidade no marco da Unión Europea, e conciencialos sobre o importante papel que posúe o voluntariado como expresión da participación cidadá no desenvolvemento cultural, político, económico da sociedade.
Así mesmo, preténdese que os mozos e mozas poidan entender que o voluntariado é un compromiso social responsable e non remunerado, e que os participantes debatan e reflexionen sobre a labor que levan a cabo ONGs e voluntarios.
Do mesmo xeito, o concurso fomenta o uso de Internet como ferramenta educativa, informativa e comunicativa e a aprendizaxe doutra lingua, fundamental para conseguir unha Europa unida. Por iso o xogo desenvolveuse en dúas versións lingüísticas, castelán e inglés. Os participantes puideron optar a calquera dos dous idiomas.
O coñecemento doutras linguas europeas por parte dos participantes é moi importante porque os gañadores que viaxen no programa ‘Euroescola’ a Estrasburgo deberán integrarse en reunións de comisións parlamentarias, as que se desenvolverán en inglés ou francés e nas que non haberá intérpretes.
Hai que destacar que o concurso ‘Euroescola’ é un proxecto pedagóxico de ‘Educación en valores’. Os puntos que decidiron os gañadores obtivéronse a través de traballos que foron o resultado da reflexión dos alumnos e das súas propostas orixinais e documentadas.
‘Euroescola’ conta coa colaboración da Representación en España da Comisión Europea, o OAPEE (Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos), os organismos de educación e xuventude da grande parte das Comunidades Autónomas e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, o Consello da Xuventude de España e a Secretaría de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, no marco da campaña ‘Falamos de Europa’.
O “Tráiler da Solidariedade”, da Consellería de Traballo e Benestar, estará estacionado na Alameda en Santiago de Compostela ata o próximo venres, 23 de setembro.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe este espazo, no que as administracións públicas e as entidades de acción voluntaria poden amosar os proxectos que están desenvolvendo en materia de voluntariado co obxectivo de dar a coñecer a todos os galegos e galegas a realidade do voluntariado en Galicia.
O “Tráiler da Solidariedade”, que se puxo en marcha o pasado 25 de xullo en Lugo, levará a cabo unha campaña de promoción do voluntariado galego, dentro da ampla programación que está organizando a Xunta con motivo deste Ano Europeo do Voluntariado en 2011.
De feito, Galicia acollerá este ano –como punto e final a toda a programación- o XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrará na Coruña a finais de novembro baixo o lema “Camiños de Solidariedade”.
O Congreso contará coa asistencia de personalidades da Unión Europea e de entidades de voluntariado de varios países europeos, así como con diversas mesas redondas e cun apartado de colaboración e boas prácticas para as entidades participantes.
Este bus solidario, tras o seu paso por Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, visitará Pontevedra (do 24 a 30 de setembro); Vigo (do 1 a 7 de outubro); e Ourense (do 8 a 14 de outubro).