En portada (1154)

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado levará a cabo hoxe unha campaña de concienciación sobre o VIH con motivo da celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida o próximo sábado 1 de decembro.

Técnicos do Quérote + desenvolverán diversas actividades para axudar a visibilizar e sensibilizar aos cidadáns sobre os hábitos saudables en relación á prevención e tratamento do VIH. A campaña terá lugar entre as 9 e 14 horas nos seguintes emprazamentos: nas facultades de Económicas e de Dereito do Campus de Elviña, na Coruña; na Facultade Politécnica de Ferrol; e na Facultade de Farmacia, na biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur e na Facultade de Económicas do Campus Norte, en Santiago. A campaña centrarase na prevención das enfermidades de transmisión sexual e nas persoas portadoras do VIH para que non queden no esquecemento.

Nestas ubicacións haberá unha mesa informativa onde se ofrecerá información sobre a SIDA, ao tempo que se recollerán as achegas dos cidadáns con respecto ao VIH. Estas ideas serán publicadas no perfil de Facebook de Quérote +.

A campaña, ademais, fai especialmente fincapé na concienciación, na responsabilidade das tomas de decisións e na información e educación para fomentar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida das persoas portadoras e tamén das que non o son.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntaria leva a facer diversas campañas de prevención do VIH ao longo dos últimos anos. Así, por exemplo, os equipos do Quérote + comezaron a facer a proba rápida do VIH en xullo do ano pasado, no marco dun programa de colaboración coa Consellería de Sanidade para achegar este recurso aos centros propios da mocidade.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebrou esta mañá a Xornada “Uso das Redes Sociais e a web 2.0 na entidades de Acción Social”. A iniciativa, que se enmarca no Programa de Voluntariado Dixital, busca axudar a integrar esta forma de comunicación na estratexia xeral de marketing 2.0 das entidades sociais adheridas ao Programa.AXENCIA

A xornada, na que participaron 50 integrantes de organizacións sociais, comezou cunha conferencia de Moisés Limia, do Grupo de Investigación de Novos Medios da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que expuxo o seu coñecemento sobre infotendencias, redes sociais e as diversas formas de participación social xurdidas a través da web 2.0.

O Grupo Novos Medios da USC é un grupo de investigación que, entre outras liñas de actuación, centra a súa actividade no estudo das demandas dos novos consumidores, anunciantes e audiencias así como as perspectivas e tendencias no ámbito da comunicación na Unión Europea. Realiza tamén un estudo continuo dos medios electrónicos e impresos e unha análise permanente dos produtos informativos dos mercados globais e locais.

Tras o relatorio tivo lugar unha demostración de caso práctico da man de TUAPLI, unha empresa do sector TIC galego pioneira en Galicia no ámbito da definición de estratexias de marketing dixital a través das redes sociais.

O seminario rematou cun debate sobre a comunicación online e as facilidades que ofrece ás entidades de acción social para comunicarse dunha forma diferente á tradicional, máis cercana aos seus colectivos de actuación e con infinitas posibilidades para pulsar a opinión e receptividade da súa mensaxe e dos seus proxectos solidarios.

Programa de Voluntariado Dixital: 220 voluntarios e 74 entidades colaboradoras
O Programa de Voluntariado Dixital, no que se enmarca esta xornada, está impulsado pola Amtega e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co obxectivo estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade.

Para cumprir este obxectivo búscase a colaboración activa entre as institucións, as empresas do sector TIC e as entidades de acción social que traballan apoiando ás persoas con discapacidade, persoas maiores e en risco de exclusión social. A iniciativa suma tamén a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas e o aproveitamento das infraestruturas públicas e a día de hoxe acadouse adhesión de más de 200 voluntarios e 74 entidades colaboradoras, entre concellos, entidades públicas e privadas e organizacións de acción social.

 

A provincia da Coruña xa conta con un total de 20 iniciativas de emprendemento xuvenil para formar parte do proxecto Yuzz, impulsado pola Fundación Banesto coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Esta iniciativa, dirixida á xuventude entre os 18 e os 30 anos, ten como obxectivo estimular ideas innovadoras de base tecnolóxica que poidan ser susceptibles de traducirse nun proxecto empresarial.CONSELLEIRA

A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, visitou hoxe o centro Yuzz de Santiago con motivo da súa entrada en funcionamento. En Galicia, esta rede –que ten un total de 35 centros en España- conta con instalacións en Ourense, Santiago e Vigo co obxectivo de impulsar un máximo de 20 iniciativas emprendedoras nestas tres provincias.

O programa pon a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado: unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas, unha plataforma de traballo colaborativo en liña, así como todo o soporte administrativo e xurídico preciso en caso de que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.

Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento de sete meses de duración que se realiza en todos os centros Yuzz, os mellores participantes realizarán unha viaxe a Silicon Valley, a meca mundial da innovación no eido das novas tecnoloxías. Ademais, ao concluír o ano, os tres mellores proxectos de entre todos os finalistas a nivel nacional recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea empresarial.

A titular de Traballo e Benestar destacou a importancia de “darlle a palabra á xuventude para que poida desenvolver as súas iniciativas, dando saída a súa formación e ás súas inquedanzas”. Nesta liña, salientou que impulsando esta iniciativa “estamos a promover o emprendemento como un valor esencial para as sociedades e pasa as persoas, especialmente nestes tempos”.

Ademais, a conselleira valorou especialmente que neste caso trátase de emprendemento no eido das novas tecnoloxías, “unha fonte constante de oportunidades”.

Ao respecto, destacou que o departamento autonómico destina este ano medio millón de euro para apoiar a creación de empregos de base tecnolóxica. Estas axudas chegaron a 24 empresas, que teñen dado lugar á creación de 30 postos de traballo. Estas axudas económicas compleméntanse con mecanismos de acompañamento, asesoramento e avaliación técnica.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, puxo hoxe en valor o traballo voluntario que realiza nesta comunidade autónoma o movemento Scout.image_gallery

Así o resaltou durante a súa participación nos actos que conmemoran os cen anos de presenza en Galicia deste movemento. No transcurso desta celebración, Rodeiro recibiu un cheque simbólico no que se lle ofrece á sociedade galega as horas de traballo voluntario realizadas este ano polos Scouts.

O responsable autonómico valorou que os scout xa levan aplicando con éxito durante máis de cen anos conceptos como a “educación non formal, a liberdade de acción responsable ou a participación voluntaria”.

Neste sentido, fixo fincapé en que asociacións como esta, que levan moito tempo traballando coa mocidade, inspiraron a posta en marcha do novo modelo de participación xuvenil da Xunta de Galicia. Entre outras iniciativas levadas a cabo, Rodeiro destacou os programas de Iniciativa Xove, o Servizo de Voluntariado Xuvenil, e a nova Lei de Xuventude de Galicia.

O primeiro grupo Scout galego constituíuse en 1912. Actualmente, o movemento está presente en toda Galicia mediante 6 grupos nas cidades de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, e conta con preto de 500 asociados.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou hoxe nun encontro en Braga (Portugal) a importancia do consenso acadado para a aprobación, este mesmo ano, da primeira Lei de Xuventude de Galicia.

Rodeiro participou hoxe como poñente no Encontro Nacional ‘Juventude, Europa e Poder Local’ que a Federación de Asociacións Xuvenís de Portugal celebran na cidade de Braga, que esta ano ostenta o título de Capital Europa de Xuventude.

A ponencia de Ovidio Rodeiro levou por título ‘Xuventude e poder local, a realidade en Galicia’. O director xeral destacou a aprobación, este mesmo ano, da primeira Lei de Xuventude da historia de Galicia, “na que por fin se regulamentan as competencias plenas que, en materia de Xuventude, temos en Galicia como consecuencia do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981”.

Rodeiro engadiu que “o texto é froito da análise e da participación do sector xuvenil galego, e foi consultado con todas as asociacións xuvenís, os concellos e os máis de 30.000 mozos e mozas da base de datos dos programas e dos perfís da Dirección Xeral”.

O titular de Xuventude tamén destacou que a lei impulsa a posta en marcha dos consellos locais de Xuventude como primeira fórmula de participación xuvenil e establece a obrigatoriedade de contar cada lexislatura cun Plan Estratéxico de Xuventude, como o principal instrumento de planificación das políticas de xuventude da administración pública.

Así mesmo, Rodeiro participará o sábado no acto de apertura do 12º Encontro Nacional de Asociacións Xuvenís, que tamén se celebra en Braga esta fin de semana. Ademais do director xeral, neste encontro tamén participan como convidados un total de 65 líderes xuvenís galegos, en representación do tecido asociativo de Galicia.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada e indicou que ten por obxecto analizar a situación actual do desemprego xuvenil en Galicia e España e as perspectivas socioeconómicas de futuro

As xornadas darán a coñecer as posibles vías de financiamento de iniciativas emprendedoras, tanto da Unión Europa como doutras administración públicas en Galicia

Ademais dos mozos galegos, tamén estarán presentes nestas xornadas os participantes nun intercambio multilateral europeo que ten como temática o empregoAUTOEMPREGO

Máis dun cento de mozos e mozas participan hoxe e mañá na xornada ‘Desemprego, emprendemento, e autoemprego xuvenil’ que organiza a Consellería de Traballo e Benestar no marco do programa europeo Xuventude en Acción. As xornadas darán a coñecer as posibles vías de financiamento de iniciativas emprendedoras, tanto da Unión Europa como doutras administracións públicas en Galicia.

Ademais dos mozos galegos, tamén estarán presentes nestas xornadas os participantes nun intercambio multilateral europeo que ten como temática o emprego, polo que se coñecerán as políticas que, neste campo, se están a desenvolver en Hungría, Italia, Bulgaria, Romanía, Letonia, Turquía, Polonia, Portugal e na República Checa.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada e indicou que a mesma ten por obxecto analizar a situación actual do desemprego xuvenil en Galicia e España e as perspectivas socioeconómicas de futuro. Os participantes tamén poderán presentar e compartir accións de boas prácticas para o fomento da empregabilidade.

En horario de mañá os participantes terán a ocasión de coñecer as posibilidades do programa Xuventude en Acción, un relatorio sobre políticas de emprego en Galicia a cargo dun técnico da Dirección Xeral de Promoción de Emprego e un panel sobre experiencias reais de dous dos programas de mobilidade con máis éxito laboral en Europa: o Leonardo da Vinci e o Erasmus.

Xa pola tarde, realizarase unha mesa redonda cos integrantes do Gabinete de Iniciativa Xove Emprendedora , unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude para asesorar e facer seguimento das iniciativas empresariais da Eurorrexión. Tamén se realizará unha visita ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago.

O sábado terá lugar un relatorio sobre políticas de emprego xuvenil en Europa e unha conferencia de Bic Galicia sobre a maduración de ideas de mozos emprendedores. As xornadas finalizarán cunha ponencia sobre motivación para o emprendemento.

A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcions, Jesús Vázquez, participaron hoxe en Santiago na entrega de premios aos galardoados

En total, participaron nesta iniciativa máis de 300 creadores nun total de 10 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, e deseño de xoias

Os gañadores de cada unha das modalidades contan cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceirosimage_galleryCAZ2TRVR

Un total de 53 mozos e mozas galegos foron premiados no marco do certame de creatividade “Xuventude Crea 2012”, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En total, participaron nesta iniciativa máis de 300 creadores nun total de 10 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, e deseño de xoias.

A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, e o conselleiro en funcións de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, participaron hoxe en Santiago de Compostela no acto de entrega de premios aos galardoados. A iniciativa estaba dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos.

En total, os 300 participantes presentaron 245 traballos, o que supón un éxito comparado coa edición anterior na que se presentaron un total de 185 traballos.

Os gañadores de cada unha das especialidades de Xuventude Crea contarán cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceiros.

Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por diferentes concellos galegos. O gañador participará en dúas actuacións e o segundo e terceiro clasificado nunha. Pola súa banda, os tres primeiros clasificados en artes plásticas poderán participar en exposicións colectivas no Circuíto da creatividade.

Cabe lembrar que os finalistas das distintas especialidades tamén puideron expoñer publicamente as súas obras e actuar ao longo do mes pasado e antes de que se deran a coñecer os gañadores de cada unha das modalidades.

Aposta pola creatividade
Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar é que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural a través do certame e ao mesmo tempo fomentar a creatividade xuvenil, como mostra do talento que amosa a mocidade galega.

Neste sentido, Mato destacou que o motivo fundamental desta convocatoria “é a convicción de que o noso principal patrimonio de futuro, os nosos mozos e mozas, teñen folgos, teñen ideas e teñen iniciativa para tomar as rendas”. Por iso, este proxecto pretende crear un espazo para que os mozos e mozas poidan “exercitar as súas habilidades, ensaiar solucións innovadoras, valorar o exame crítico das obras e outorgarlles visibilidade”.

A conselleira sinalou que corresponde aos poderes públicos favorecer e impulsar a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade. De feito, a Estratexia Xuventude 2013 dedica ao fomento da creatividade e do espírito empresarial un dos eixos principais de acción, propoñendo 20 medidas concretas para as propias iniciativas dos mozos e mozas galegos.

Premiados
A lista de premiados desta convocatoria é a seguinte:

Premiados Artes plásticas
1º premio (compartido):
- Andrea Valado Díaz, coa obra “Serie reminding…” (Fotografía)
- Tania Pérez Arribas, coa obra “Dómino Vs. Dómina” (Escultura)
2º premio (compartido):
- Aída Rodríguez Donoso, coa obra “Sete ollos ven máis ca dous” (Pintura)
- Jacobo Lorenzo Nespereira, coa obra “Ferido” (Pintura)
3º premio (compartido):
- Joan Morera Arbones, coa obra “Visións da paisaxe III” (Pintura)
- Lis María García Calvo, coa obra “Aurora” (Fotografía)

Premiados Banda deseñada
1º premio: Deserto por unanimidade do xurado
2º premio: Miguel Cuba Taboada, coa obra “Ráfaga”
3º premio: Laura Velasco Vázquez, coa obra “A cita”
Mencións de honra:
- Alba Mª. González López, coa obra “En busca da arte perdida”
- Miguel Golmayo Labrador, coa obra “O legado do lume”

Premiados Carteis
1º premio: Carlota Mª. Brea Fernández, coa obra “Compártete”
2º premio: Alba Díaz López, coa obra “Ó alcance da túa man”
3º premio (compartido):
- Valeria Rubal Rubal, coa obra “Este ano non”
- Sara Roca del Pozo, coa obra “Paso de todo”

Premiados Deseño de xoias
1º premio: Paula García Carballal, coa obra “Había una vez un circo”
2º premio: Iraya Morales Malla, coa obra “El capricho del mar”
3º premio (compartido):
- Raquel Sánchez Ballesteros, coa obra “Tápame”
- Sabela Correa Comesaña, coa obra “Unha aproximación á bóveda celeste”
Mencións de honra:
- Mª. Mar Batallé Pérez, coa obra “Os soños da ninfea”
- Inés Sánchez Estévez, coa obra “Vigo náufrago”
- Valentín Amoedo Moreira, coa obra “A luz que delimita a Galiza”

Premiados Graffiti
1º premio: Brais Rodríguez Trigo, coa obra “Galician octopustyle”
2º premio: Noel Pérez Fungueiriño e Sebastián Pazos Fernández, coa obra “Un pouco de blues”
3º premio (compartido):
- Pablo Macías Patiño, coa obra “Vive e crea”
- Tirso Paz Sans, Manuel Seijas Fernández e Adrián Mourenza Pena, coa obra “A beleza do graffiti”

Mencións de honra:
- Ivan Cabello Camba, coa obra “Calavera con pistola de agua”
- David Canosa Barreiro, coa obra “Las estrellas de mi universo”
- Felipe Covelo Vázquez, coa obra “Snek pergamiño”

Premiados Música
1º premio (compartido):
- A máquina de meter medo, cos temas “Arrola-me’m caroi/dança de caravel” e “Bourées”
- Tío Phil Jazz Group, cos temas “It´s not a dream” e “The same direction”
2º premio: Nagai Rosales Cabaleiro, cos temas “Sopla el viento” e “Estás ti”
3º premio: Carlos Gende Prego, cos temas “Xuízo final” e “Coida deles”

Premiados Poesía
1º premio (compartido):
- Cristina Ferreiro Real, coa obra “Epidemia”
- Natalia Umpiérrez Suárez, coa obra “Artibiótico”
2º premio (compartido):
- Belén Gavín Bermúdez, coa obra “Porcelana”
- Rafael Lobelle González, coa obra “Retrincos fotoxénicos”
3º premio (compartido):
- Alba Cid Fernández, coa obra “Epistolario sitiado. Correspondencia abisal en escenarios diversos”
- Míriam Ferradáns Ferradás, coa obra “Novecomaoito”
Mencións de honra:
- Daniel Emilio Villaverde Framil, coa obra “Suicidio correctivo”
- Elías Antón Marcos, coa obra “AEC”

Premiados Relato breve
1º premio: Inés Mª. Rodríguez Naz, coa obra “Mitos en ámbar”
2º premio (compartido):
- Roi Vidal Ponte, coa obra “Un coitelo manchado de graxa”
- Mª. Luisa Iglesias Taboada, coa obra “Un cuarto impropio. Metamorfose”
3º premio (compartido):
- Rubén Vidal López, coa obra “Quen matou a Otto Hoch?”
- Mª. Elena López González, coa obra “A corda de area”
Mencións de honra:
- Tito Pérez Pérz, coa obra “Alén da elipse”
- Sheila Aldariz Ferreiro, coa obra “Pompas fúnebres Ernesto”

Premiados Teatro:
1º premio: Asociación Cultural Turbina, coa obra “Baile de sombras”
2º premio: Mequetrefes Teatro, coa obra “De cando meus pais me plantaron nunha maceta”
3º premio: Mue Teatro, coa obra “Ningures”

Premiados Videocreación:
1º premio: Alexandre Martínez Pérez, coa obra “Super 8”
2º premio: Clara Elisa Sobrino Heyvaert, coa obra “A costureira”
3º premio (compartido):
- Estela Rodríguez López, coa obra “A incrible historia de Santi Pingüin”
- Olalla Castro Rodríguez, coa obra “Arrevoa os meus cabelos”

A formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal

Esta é unha demanda pola que veñen loitando, a nivel do Estado, todos os profesionais da información xuvenil desde o ano 1983

O prazo de inscrición para participar neste procedemento será do 1 ao 31 de marzo de 2013

Neste procedemento poderán obter o certificado de profesionalidade os que acrediten as catro unidades de competencia das que consta, ou obter una acreditación parcial, mediante a acreditación dalgunha unidade de competenciaINFORMADORES_XUVENIS

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, publicou no DOG do pasado venres a convocatoria do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais para os informadores xuvenís, converténdose así na primeira Comunidade de España que lle vai a facilitar a posibilidade aos técnicos da información xuvenil de obter un certificado de profesionalidade.

A formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, terá efectos académicos no eido do sistema educativo e profesionais recoñecidos na lexislación vixente.

Esta é unha demanda pola que veñen loitando, a nivel do Estado, todos os profesionais da información xuvenil desde o ano 1983 no que tivo lugar o primeiro encontro de información xuvenil en Murcia, e que se ven reclamando nos sucesivos encontros estatais que teñen lugar cada dous anos desde esa data.

A cualificación profesional de informador xuvenil recoñeceuse no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, dentro da familia profesional servizos socioculturais e a comunidade, publicándose no BOE do 9 de maio de 2011, mentres que o certificado de profesionalidade publicouse no BOE do 10 de decembro de 2011.

Con este procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en ofrecerlle a posibilidade aos técnicos que levan un mínimo de tres anos traballando neste eido, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos, de obter o certificado de profesionalidade a través da acreditación das súas competencias, adquiridas pola súa experiencia laboral ou pola formación obtida a través da educación non formal (xustificaranse polo menos 300 horas nos últimos 10 anos).

Neste procedemento poderán obter o certificado de profesionalidade os que acrediten as catro unidades de competencia das que consta, ou obter una acreditación parcial, mediante a acreditación dalgunha unidade de competencia, podendo posteriormente adquirir as outras.

O prazo de inscrición para participar neste procedemento será do 1 ao 31 de marzo de 2013.

  • A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, participaron hoxe en Outes na despedida dun grupo de mozos alemáns que traballaron en Barbanza, Sar, Muros e Noia
  • Galeuropa é a iniciativa da Xunta a través do que se financian 10 prazas do programa ‘La Ida’ da Fundación Paideia
  • O departamento autonómico investiu ao longo desta lexislatura 2,9 millóns de euros en diferentes programas de mobilidade no que participaron 9.000 mozos

practicas_formativas_alemaniaA Xunta está a colaborar coa Fundación Paideia no proxecto de mobilidade ‘La Ida’, que permite a mozos e mozas galegos a oportunidade de desenvolver prácticas laborais en Alemaña. A Consellería de Traballo e Benestar financia este ano un total de 10 prazas desta iniciativa, a través de Galeuropa, un programa da Dirección Xeral de Xuventude destinado á realización de prácticas laborais durante catro semanas en 6 países diferentes e que oferta 50 prazas.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, avanzaron hoxe que a finais desta semana partirán cara á Augsburgo os 10 mozos e mozas galegos, ao tempo que despediron en Outes a 11 mozos alemáns que veñen realizando prácticas en diferentes empresas das comarcas de Barbanza, Sar, Muros e Noia.

Mato destacou que Galeuropa, no que se enmarca o proxecto La Ida, conta cun orzamento de 85.000 euros. Os mozos e mozas poden realizar as prácticas, ademais de en Alemaña, na República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda.

A titular de Benestar destacou que esta iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego polos programas de mobilidade, xa que lembrou que a propia Comisión europea ten sinalado que este tipo de plans son un dos instrumentos “máis efectivos” para combater o desemprego xuvenil e para desenvolver as capacidades e a autonomía dos mozos e mozas.

“Desde o Goberno autonómico traballamos para poñer en marcha medidas que creen oportunidades de presente e futuro para a nosa mocidade”, apuntou Mato. Neste senso, sinalou que os programas de mobilidade son “un piar das nosas políticas en materia de xuventude” e, por iso, indicou que a mobilidade é un dos nove eixos do Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2012, un plan transversal coordinado e consensuado coas asociacións xuvenís.

A través deste plan, Xuventude ten ofrecido preto de 9.000 prazas nos distintos programas de mobilidade xuvenil como son Xuventude en Acción, Leonardo da Vinci, Xuventude no Mundo, Imaxina Atlántica, campamentos de verán ou campos de traballo. A estas iniciativas, o departamento autonómico está a investir un total de 2,9 millóns de euros.

Por último, a conselleira explicou que este tipo de programas permiten aumentar as posibilidades dos mozos e mozas á hora de conseguir un emprego, mellorar a súa competencia en idiomas estranxeiros, asumir responsabilidades e tomar decisións e, por último, apuntou que lles axuda a seguir crecendo en valores de respecto e tolerancia.

  • O obxectivo do programa é contar cunha bolsa de voluntarios e voluntarias que realicen tarefas de acompañamento, apoio e información ás mulleres vítimas de violencia de xénero
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste, salientaron hoxe en rolda de prensa que este programa permite “implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero”
  • O programa iníciase cun curso de básico, que comeza este mércores, e para o que se inscribiron preto de 1.000 persoas

presentacion_violencia_de_xeneroA Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Secretaría Xeral de Igualdade, vén de poñer en marcha un programa pioneiro e innovador de voluntariado en materia de violencia de xénero, que xa conta con preto de 1.000 inscritos no primeiro curso básico.

Tratase do primeiro programa destinado a crear unha bolsa de voluntarios e voluntarias que estarán a disposición dos servizos especializados, co obxectivo de realizar tarefas de acompañamento, apoio e información ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Deste xeito, os participantes estarán ao servizo da Rede Galega de Acollemento a Vítimas da violencia de xénero -formada polas casas de acollida e o centro de emerxencia- e da Rede de Centros de Información a Muller.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, Ovidio Rodeiro, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, Belén Liste, explicaron hoxe en rolda de prensa que este programa permite “implicar a toda a sociedade, a través do voluntariado, na loita contra a violencia de xénero”.

Deste xeito, os voluntarios e voluntarias contribuirán nas accións informativas para que as mulleres vítimas de violencia de xénero coñezan como actuar para a súa protección, ao mesmo tempo que exercerán labores de acompañamento, co obxectivo de que as mulleres maltratadas poidan contar co apoio dunha persoa voluntaria á hora de solicitar, por exemplo, un parte de lesións, asistir a un xuízo de trámite ou presentar unha denuncia. Cabe salientar que este acompañamento nunca debe entenderse como un substituto dos recursos profesionais de asistencia legal ou de apoio psicolóxico e social.

Sensibilización

Tamén realizarán tarefas de derivación e sensibilización que consistirán no apoio á persoa á hora de buscar alternativas a súa situación, a través da súa derivación cara aos servizos e programas de apoio e atención especializada. Nesta sentido xoga un papel moi importante a sensibilización, xa que é un problema que atinxe a toda a cidadanía.

O programa comezará este mércores co inicio dun curso básico sobre violencia de xénero, que se desenvolverá ata o 14 de decembro a través da plataforma voluntariadogalego.org, é que xa conta con preto de 1.000 persoas inscritas. O director xeral de Xuventude e Voluntariado salientou a “resposta masiva que tiveron os voluntarios e voluntarias de Galicia ante este programa” como unha mostra da “profunda sensibilización social que hai sobre a violencia de xénero”.

Este curso formativo busca ofrecer aos participantes uns coñecementos básicos para poder identificar e distinguir posibles situacións violentas, fomentando a sensibilización e permitindo unha aproximación aos recursos existentes e ás actuacións que as diferentes administracións están a desenvolver neste ámbito.

Este novo programa posto en marcha pola Xunta responde aos obxectivos de difusión dos valores de acción voluntaria e á promoción do voluntariado en colectivos sociais con circunstancias especiais, como son as mulleres vítimas de violencia de xénero, segundo o III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014), e aos valores de igualdade que inspiran o VI Plan Galego para a Igualdade de Mulleres e Homes, Estratexia 2012-2015, que será aprobado en datas próximas.