En portada (1155)

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Entre outros terán preferencia os seguintes proxectos:
- Proxectos que establezan servizos dirixidos as persoas mozas e ás mulleres, tendentes a favorecer a súa participación social e laboral.
- Proxectos que consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil.

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a través do formulario TR351A
prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de abril de 2023.
Máis información no DOG do 21 de marzo de 2023.

Se queres participar no programa de Campos de voluntariado no estranxeiro, o luns, día 13 de marzo, ábrese o prazo para presentar as solicitudes.

Existen máis de 400 opcións de campos ás que poderás apuntarte.

Máis información

Sorteo! Gaña un anel de luz para selfies con soporte trípode 11 polgadas!
Queremos saber para que usas #CarnéXove e que llo recomendes ás túas amizades.

Para participar tes que:
1. Darlle gústame á publicación do sorteo en instagram
2. Seguir a @xuventudegalicia
3. Mencionar o perfil dunha amizade explicándolle para que utilizas o Carné Xove.
IMPORTANTE! Se mencionas o establecemento / marca no que usas o Carné Xove tes dobre participación. EN CADA COMENTARIO DEBES MENCIONAR A PERSOAS DISTINTAS.
4. Ter o Carné Xove

Podes participar ata as 12 pm do 30 de marzo!

https://www.instagram.com/p/CpkNUufqjvL/

A Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) lanza de novo este ano a campaña de Bonos Albergues REAJ, co fin de incentivar o uso dos albergues da rede, dala a coñecer xunto co Carné de Alberguista, fomentar o movemento alberguista e que os mozos, mozas e grupos coñezan novos destinos.

As persoas e grupos posuidores dun bono poderán facer uso del en calquera albergue da rede para estancias que teñan lugar ata o 31 de maio de 2023. Por tanto, as persoas usuarias ou grupos deberán asegurarse de que as súas estancias (pernoitas) teñen lugar antes de dita data, xa que non poderán ser utilizados a partir dela.

A campaña Bonos Albergues REAJ componse de:
- Bonos Individuais de 30 euros (IVE incluído).
- Bonos Grupais de 200 euros (IVE incluído).

Os devanditos bonos serán postos ao dispor dos usuarios na páxina web de REAJ cada semana de maneira graduada.

 

REQUISITOS

Bonos individuais:

Os Bonos Albergues REAJ individuais poderán ser solicitados por calquera persoa física que teña entre 18 e 30 anos e teña residencia legal en España. No momento da solicitude do bono o usuario deberá ser menor de 31 anos. Unha vez cumpridos os 31 anos, non poderá ser solicitante do bono (aínda que si que poderá trocalo no caso de que o solicitase antes de cumprir os 31).

Só se emitirá un bono por persoa que irá ligado ao seu número de DNI / NIE e será persoal e intransferible, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.

Bonos de grupo:

Os Bonos Albergues REAJ de grupo poderán ser solicitados por calquera grupo legalmente constituído que teña CIF e estea recoñecido por algunha administración como grupo.

Só se emitirá un bono por cada CIF e só poderá ser utilizado polo grupo ao que lle foi concedido, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.

 

Tes toda a info e o formulario de solicitude nesta ligazón

Durante o acto de entrega de premios dos carteis escolares do concurso do 8-M, o Día Internacional da Muller, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana sinalou á mocidade como motor da igualdade para construír unha sociedade máis xusta ante a conmemoración do 8-M.

O xurado do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, ditaminou os carteis gañadores da sexta edición desta iniciativa da Xunta de Galicia, resultando gañadores os traballos de escolares de centros da Coruña, Baiona, Pontevedra, Bueu, Cambados e Lugo.

Establecéronse tres categorías no certame. Na primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria, obtivo o primeiro premio o alumnado de 2º de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña co título Igualdade; o segundo galardón recaeu nas alumnas e alumnos do 4º de Primaria do CPI Cova Terreña, de Baiona, co traballo Fomentamos a igualdade no patio do cole; e o accésit foi para o alumando de 4º de Infantil do CEIP A Carballeira, de Lourizán-Pontevedra con Mariscadoras.

Na segunda categoría, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial, resultou gañador co primeiro posto o alumnado de 2º da ESO do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, da Coruña, co deseño Seguimos en loita pola igualdade; o segundo premio foi para as alumnas e alumnos do IES Illa de Ons de Bueu co traballo Pero se xa hai igualdade; e o accésit recaeu nos escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade.

Na terceira categoría, dirixida ás alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior, obtivo o primeiro premio o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo con Elas abriron o teu futuro; o segundo galardón foi para as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Rafael Dieste da Coruña con Alumeando; e o accésit obtívoo o alumnado de 2º de Bacharelato do IES A Xunqueira II de Pontevedra co título Publicacións pola igualdade.

O xurado valorou este ano de xeito positivo a alta participación acadada nesta edición do certame no que presentaron os seus traballos ata 95 centros escolares.

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Carteis premiados

http://igualdade.xunta.gal/

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia organizará, do 23 ao 26 de marzo na Coruña, a terceira edición de Mo_cidade, o congreso da xuventude galega que aúna formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer e que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos ou ideas, e fomentar a participación e o diálogo entre o público asistente.

Nesta ocasión e como novidade, a terceira edición de Mo_cidade ofrecerá unha programación específica para público técnico (xornadas do xoves e venres pola mañá), a maiores da tradicional para a mozos e mozas de 18 a 30 anos (venres pola tarde e sábado). De feito, Mo_cidade busca asentarse como un evento de referencia para a xuventude grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes.

A inscrición no evento, totalmente gratuíta, dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, ás actuacións musicais, así como ao aloxamento (incluíndo con este almorzo e
cea) durante os días do encontro.

Ademais, o evento contará cunha zona de networking e formación e cunha zona expositiva con stands de diferentes entidades, asociacións xuvenís e de voluntariado.

Consulta aquí o programa completo do encontro

 

Datas de realización: do 23 ao 26 de marzo de 2023.

Lugar de realización: Palexco (A Coruña).

Aloxamento: Complexo Xuvenil As Mariñas (Bergondo), en dormitorios compartidos.

Destinatarios: mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos de idade (incluídos) e persoal técnico do sector do ocio educativo e tempo libre.

Prazas ofertadas para a mocidade: 300.

Prazo de inscrición para a mocidade: do 1 ao 15 de marzo. AMPLIADO ATA O MARTES 21 DE MARZO, ÚLTIMAS PRAZAS! 

Inscrición para a mocidade: será en liña a través deste formulario electrónico.

 

Procedemento de adxudicación de prazas: as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.

A confirmación da praza farase por correo electrónico no prazo máximo de tres días hábiles tras realizar a inscrición. Unha vez confirmada a praza, e tal e como se indique na comunicación de confirmación, haberá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico:

  • Fotocopia escaneada do DNI/NIE.

No caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas establecerase unha lista de agarda por orde de entrada.

A ausencia de datos, que estes sexan erróneos, enviar mal a documentación ou non enviala, ocasionará a baixa automática do encontro e as prazas quedarán dispoñibles para as persoas en lista de agarda.

As persoas admitidas que por calquera motivo non poidan finalmente asistir ao encontro deberán comunicalo a través dun correo electrónico (xuventur@xunta.gal) cunha antelación mínima de catro días naturais á data de inicio do evento, co fin de poder asignar as prazas vacantes aos solicitantes da lista de agarda. De non facelo así quedarán excluídas da participación en sucesivas edicións deste encontro e nos demais que poña en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Transporte: a organización poñerá a disposición das persoas inscritas autobuses para desprazarse entre o aloxamento incluído neste evento e o Palexco. O traslado entre a localidade de domicilio á
Coruña será por conta das persoas inscritas.

Acreditación: o acceso a todas as actividades do encontro esixe que a persoa moza participante se acredite, como hora límite, ás 10:00 horas do sábado 25 de marzo de 2023. Deste xeito, o horario de acreditación para a mocidade, e tal e como se reflicte no programa, abrirase o venres in situ no evento ás 16:30 horas e finalizará o sábado ás 10:00 horas. De non presentarse neste horario e, salvo causa xustificada, a persoa quedará excluída das actividades programadas.

Máis información: xuventur@xunta.gal

Dende este mes sumamos un punto máis onde poder facer ou activar o carné xove: a Casa da Mocidade de Barbadás.

Localízase na rúa Os Diestros, nº 2, na Valenzá (Barbadás). Para que che fagan ou activen o carné xove cómpre que acudas de luns a venres de 8:30 a 14:30 h. Ademais, pódelos contactar por teléfono (988 000 234) ou por correo electrónico (xuventude@barbadas.es). Tamén podes seguilos nas redes sociais (@mocidade_barbadas)

Descontos co Carné Xove, seguro de viaxe, puntos de activación...: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove

BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo máis grande do Estado, celebrarase do 3 ao 5 de marzo de 2023 en EXPOCoruña. Reunirá a máis de 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación ecolóxica (con máis de 10.000 referencias), ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, fogar saudable, benestar, estilo de vida ecolóxico, artesanía e ONG´S. Paralelamente á exposición realizaranse máis de 150 actividades.

As persoas titulares do carné xove terán un 50% de desconto no prezo da entrada. Para as compras online haberá que introducir o código XOVEBIOCULTURA.

Para máis información sobre a feira podes consultar os seguintes enlaces:

Información xeral da feria
https://www.biocultura.org/acoruna/informacion

Horarios e entradas
https://www.biocultura.org/acoruna/horarios

Programa de actividades
https://www.biocultura.org/acoruna/programacion-actividades

Nota de prensa
https://vidasana.clickacm.com/show/fbd4f684-b12c-11ed-98ca-005056bd5094/

A Consellería de Política Social e Xuventude convoca os premios Talento Mozo Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos.

Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e as capacidades da xuventude galega, nas modalidades de ciencia, rural, deporte, empresa e cultura e creación.

Poderán optar aos premios Talento Mozo as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos:

- Ter entre 18 e 35 anos na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas.
- Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas.
- Contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorra. Os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

Premios

- Outorgarase un premio de 5.000 € en cada unha das modalidades.
- As persoas premiadas recibirán, ademais da dotación económica do premio, unha distinción honorífica e un diploma acreditativo.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario BS327A dispoñible en https://sede.xunta.gal/portada.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 14 de marzo de 2023.
Máis información no DOG do 14 de febreiro de 2023 (https://www.xunta.gal/dog/)

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e máis pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente na Internet e na mensaxería instantánea.

Para participar no concurso nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos) só cómpre cubrir e enviar este formulario. As mensaxes que participen nestas dúas modalidades publicaranse na páxina do concurso:

http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

Para participar na nova categoría C (exclusiva para Instagram) cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Características das mensaxes

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes, cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B e 200 caracteres na categoría C (de Instagram), incluídos os espazos en branco.

Categorías de idade e premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

- 1º Tableta 10' Samsung A8
- 2º Libro electrónico Kindle
- 3º Cascos sen fíos JBL

Establécese un premio para a categoría C:

- 1º Tableta 10' Samsung A8

Prazos de participación e votación

O prazo para enviar as mensaxes remata o venres 17 de marzo.

Do 20 ao 26 de marzo abrirase o período de votación. As persoas que desexen votar polas súas mensaxes favoritas nas categorías A e B deberán cubrir o formulario que se habilitará para o efecto na páxina do concurso.

No caso da nova categoría C a mensaxe gañadora seleccionarase en dúas fases:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo e que respecten o indicado nestas bases.

2. O 10 de abril daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público do 11 ao 16 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva para si o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Resolución do concurso

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 21 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.

Entrega de premios

A data da entrega de premios publicarase nesta páxina web con antelación suficiente á súa realización.

 

 


basesvota mensaxes


categoriaA categoriaB BotonC 2