A entrega dos premios ao talento da mocidade, na nova edición de Xuventude.Novas

04 Dec 2015

portada_novembro_15Xuventude.Novas, a revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ofrece na súa nova edición unha crónica previa da entrega dos premios Xuventude Crea, este xoves 3 de decembro ás 20 horas na Cidade da Cultura (Santiago). O certame celebrou nas últimas semanas as finais das súas once disciplinas artísticas. En todas elas volveu aprezarse o talento, a imaxinación e a creatividade artística dos mozos e mozas galegos. Ademais da crónica previa, Xuventude.Novas detalla noutra noutra das súas páxinas os tres premios de cada categoría, máis as tres mencións de honra que os xurados decidiron outorgar noutras tantas especialidades, proba do elevado nivel dos aspirantes.

Neste número, comeza xa a nova tanda de entrevistas aos gañadores de Xuventude.Crea. A primeira conversa é a correspondente á modalidade de teatro. Os responsables de ‘Vacaloura Teátrica’ explican o proceso de creación da obra ‘Mousike e as kronomusas’, coa que gañaron, e tamén os pasos que deron para crear a compañía. A peza, un repaso pola Historia da música, destaca por combinar a súa vocación pedagóxica cos recursos de humor. En ‘Vacaloura Teátrica’ preparan xa novos traballos, con máis imaxinación que medios, e destacan que o teatro ten un público estable e máis numeroso do que se cre a miúdo, tamén entre a xente nova. 

Outro contido destacado desta edición é unha reportaxe sobre as [Eco]Xornadas EcoInnovar (r3), unha Iniciativa Xove impulsada polo grupo informal Enxeñería Verde que se marca como propósito profundizar e dar a coñecer as innovacións que a enxeñaría ofrece para mellorar o tratamento de residuos ou desenvolver sistemas que permitan aproveitar mellor os recursos sen prexudicar a natureza. O proxecto, que lle deu un tono positivo ás mensaxes relacionadas co ambiente, consistiu nunhas xornadas polas que pasaron diversos especialistas. Ademais de exponer as principais tendencias en ecoinnovación, tamén se detallaron casos prácticos e reservouse unha parte do tempo para falar das posibilidades de emprendemento neste ámbito.

Vinculación co emprendemento tena tamén o innovador curso de coaching que se desenvolveu no municipio de Dodro, do que tamén se dá conta neste Xuventude.Novas. Contou con dezaseis participantes, que viron melloradas as súas capacidades para as relacións interpersoais e a capacidade de comunicación cos demais, entre outras habilidades que axudan a mellorar a empregabilidade e a avanzar na consecución das metas profesionais.  

Do mesmo xeito, o proxecto ‘Re-visión da participación’, liderado pola Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Ser merece un espazo destacado noutra das páxinas do boletín. A iniciativa reuniu uns 44 mozos e mozas de diversos países europeos en Galicia. Trata de incentivar a implicación xuvenil na sociedade, mediante unha consulta en liña que dá pé a un seminario transnacional no que se analizan os datos obtidos para finalmente extraer e divulgar as conclusións pertinentes.

A habitual axenda de concertos musicais e actuacións culturais para as vindeiras semanas completan este número de Xuventude.Novas, o derradeiro por este ano. A próxima edición publicarase a finais do vindeiro mes de xaneiro.

XUVENTUDE.NOVAS Novembro 2105

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.