Xuventude.Novas revela as inspiracións da colección gañadora do certame Xuventude Crea de moda

03 Ago 2015

portada2015xullo1A revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude. Novas, ten como un dos principais contidos deste mes unha entrevista con Sheila Pazos, gañadora do certame artístico Xuventude Crea na modalidade de moda. Pazos explica na conversa a inspiración suíza da colección ‘Cu-cú’, coa que gañou. Cre que o da moda é un sector que ten que apostar aínda máis pola creatividade artística e que por ser un ámbito que produce obxectos funcionais fai máis probable ter unha saída laboral nel.

Na serie de reportaxes sobre a Iniciativa Xove, a edición deste mes de Xuventude.Novas explica o proxecto ‘Bota un ollo’, no que se combinaron a comunicación audiovisual coa linguaxe de signos para facer saltar as barreiras entre persoas oíntes e persoas xordas. Os obradoiros levados a cabo polo grupo informal, co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, evidenciaron a necesidade de mudar as actitudes para perder os medos e as reservas ás situacións incómodas que se poden dar entre os dous colectivos.

Polo demais, o boletín repasa algúns dos campos de traballo que se están desenvolvendo por toda Galicia durante estas semanas no marco da campaña Acción de Verán 2015. Son dezaoito campos, varios deles de carácter internacional, nunha iniciativa que suma 700 prazas, a maioría en territorio galego, pero tamén noutros puntos de España e en 25 países de todo o mundo.

Outra información destacada é a referida ás quendas ‘Implíca-T’, novidosas este ano nos campamentos de verán. Abertas a participantes de entre catorce e dezasete anos, estas actividades especiais poñen o acento no voluntariado e na interacción social. Deste xeito, acometen acción que se involucran na contorna máis próxima, dedicadas ao coidado do medio e á preservación de espazos públicos e do patrimonio histórico e cultural.

Ademais, Xuventude.Novas dedica unha das súas páxinas a outra interesante experiencia para mocidade que se desenvolve de novo este verán. Trátase do programa ‘Conecta Galicia’, organizado pola Secretaría Xeral de Emigración co apoio de Xuventude e Voluntariado. Durante estas semanas, ata 200 descendentes de emigrantes galegos, cunha idade máxima de trinta anos, acoden a coñecer a terra das súas raíces familiares e participan en actividades ao aire libre e campos de traballo.

As información sobre a convocatoria de axudas de Traballo e Benestar para cooperativas xuvenís, o certame do Injuve para seleccionar e apoiar proxectos innovadores, e a forma de acceder á nova Guía de Verán 2015, xunto coa habitual axenda de concertos e actuacións para as vindeiras semanas, completan esta edición de Xuventude.Novas. É a derradeira deste curso para a publicación, que volverá en setembro.  

Xuventude.Novas de xullo de 2015

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.