Xuventude.Novas descúbreche algunhas das mellores praias fluviais para o verán

02 Xul 2015

portadaxuo2015Xuventude.Novas, a revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ofrece como contido destacado na súa nova edición unha selección de praias fluviais en Galicia. Trátase dunha recomendación fresca de lecer alternativo coa que fuxir da masificación da costa. A reportaxe detense en catro espazos, un por provincia, entre eles a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, a primeira deste tipo que ve recoñecida a súa calidade cunha bandeira azul. Non obstante, por toda a xeografía galega pódense atopar múltiples áreas deste tipo, que ben se poden ter en conta para as vindeiras semanas de elevadas temperaturas. Ademais, a reportaxe dá unha serie de indicacións para combinar as saídas ás praias fluviais coas deceas de rutas de sendeirismo homologadas existentes por toda Galicia.

Neste novo número, proseguen as entrevistas cos gañadores do certame Xuventude Crea. Nesta ocasión, Charo López, a gañadora da modalidade de poesía, explica as súas premisas á hora de escribir nun xénero no que confesa sentirse “moi cómoda, aínda que non teña moi clara a razón”. López, por certo, acadou recentemente o prestixioso premio Fiz Vergara Vilariño. Xusto na tarde en que foi realizada a entrevista acababan de comunicarllo.

Por outra parte, na serie de reportaxes sobre as actividades impulsadas polo programa Iniciativa Xove descríbese o proxecto Onda Miñor, co que o grupo informal Val de Ondas de Nigrán (Pontevedra) desenvolveu cursos de iniciación ao medio radiofónico, con nocións teóricas e a realización de espazos propios que difundiron a través das redes sociais. Parte do equipo continúa agora cunha actividade semellante para rapaces e rapazas con discapacidade, en colaboración coa Fundación Igual Arte.

Ademais, Xuventude.Novas dedica unha das súas páxinas a informar sobre a intención de que a figura dos correspondentes xuvenís 3.0 chegue a máis vilas e ciudades no vindeiro curso. No que rematou recentemente, houbo 383 mozos e mozas divulgando información de interese xuvenil entre os seus compañeiros de 75 centros educativos. Foi unha etapa experimental que, á vista da eficacia e dos bos resultados demostrados, a Dirección Xeral pretende intensificar.

A convocatoria de axudas para entidades da mocidade do Injuve, as últimas prazas dispoñibles nos campos de traballo deste verán, e a toma de posesión de Cecilia Vázquez como nova directora xeral de Xuventude e Voluntariado, en relevo de Ovidio Rodeiro, son outros contidos da publicación, que por suposto non esquece a axenda de concertos e actuacións para as vindeiras semanas.

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.

Xuventude.Novas de xuño de 2015