Xuventude.Novas detalla toda a oferta de actividades da Acción de Verán 2015

01 Abr 2015

portada2015marzoA revista interactiva Xuventude.Novas debulla no seu novo número a oferta de actividades da Acción de Verán 2015, que xa convocou a Dirección Xeral de Xuventude. Trátase dos campamentos de verán e da reserva das instalacións para entidades e grupos na oferta concertada, que xa se poden solicitar ata o 8 de abril, e tamén das actividades para maiores de idade, en prazo de solicitude, e dos campos de traballo, que en breve serán presentados con detalle. En conxunto, son centos de prazas para que a xuventude aproveite o seu tempo de lecer en datas estivais, con propostas que poñen o acento no deporte, na cultura, na solidariedade ou no contacto coa natureza.

Xuventude.Novas adianta tamén nesta edición os temas da final do Parlamento Xove 2015, que se celebrará o 18 de abril nas instalacións do Parlamento de Galicia. Unha hipotética relación entre a educación recibida nos fogares e a falta de respecto ao profesorado, no caso da categoría de bacharelato, e as causas dunha posible desaparición das salas de cine como forma de ocio, na categoría de secundaria, son as cuestións sobre as que están indagando os equipos finalistas estes días, co propósito de preparar argumentos cos que sorprender os seus rivais e triunfar no certame de oratoria e dialéctica da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.   

Outro dos contidos destacados da revista é unha entrevista con Beatriz Ventosinos Candame, gañadora do concurso Xuventude Crea na modalidade de carteis. Ventosinos gañou cunha obra na que mestura tipografías e degradados de imaxe para recrear a cara de San Francisco de Asís, de modo que a súa percepción varía segundo a distancia á que sexa observado. Unha peza que está na liña do que ela mesma considera como un bo cartel: “debe chamar a atención, sen excesos pero con eficacia”, declara.

Dentro da serie de reportaxes sobre os proxectos acometidos ao abeiro da Iniciativa Xove, neste mes recóllese a escola de navegación creada pola asociación ‘Amigos da Dorna’, de Sanxenxo. É un proxecto que implicou especialmente aos máis novos na recuperación da cultura mariñeira tradicional. Ademais da recuperación de embarcacións tradicionais, serviu para ofrecerlles unha alternativa de lecer durante o verán.

O Xuventude.Novas reserva tamén un espazo para as mensaxes gañadoras do concurso ‘Lingua de namorar 2015’, convocado en conxunto pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Curiosamente, os tres primeiros premios das dúas categorías son de autoría feminina. E, xa nas últimas páxinas, a revista dixital ofrece a habitual axenda de concertos e actuacións musicais.

XUVENTUDE.NOVAS