Xuventude.Novas de febreiro de 2015

03 Mar 2015

portada_febreiro_2015A nova edición de Xuventude.Novas leva á súa portada o Parlamento Xove 2015, que a pasada fin de semana celebrou a fase clasificatoria na categoría de Bacharelato e que o vindeiro 7 de marzo decidirá que equipos da ESO pasan á final, prevista para o sábado 18 de abril no Parlamento de Galicia. Así pois, os distintos equipos da ESO esfórzanse estes días en preparar os dossieres de investigación e en ensaiar as técnicas de dialéctica coas que sorprender aos seus rivais no debate.

Ademais, esta edición do boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude dá conta dos resultados de varios dos programas de mobilidade efectuados nos últimos meses. Trátase do Eurogal, que facilitou prácticas formativas para 45 xóvenes galegos de diversas especialidades en seis países europeos. Estas bolsas servíronlles para acentuar o seu perfil académico e tamén para mellorar a súa capacidade cos idiomas, con vistas a mellorar a súa capacidade de inserción laboral a curto prazo. Neste sentido, Xuventude.Novas ofrece tamén unha peza con información sobre un intercambio entre mozos e mozas gregos e galegos que tivo lugar en Pontevedra e que serviu para informarse sobre programas de mobilidade e de educación non formal.

Outra reportaxe destacada deste número é a dedicada ao grupo informal MilRivus, que elaborou un estudo sobre o estado de conservación e as posibilidades de restauración dos ríos máis relevantes da provincia de Pontevedra. Este é un proxecto de estudantes e titulados da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, apoiado polo programa Iniciativa Xove. Nel verifican o estado de cada un dos ecosistemas fluviais, propoñen medidas para preservar e mellorar o seu estado e avalían as tarefas que xa se acometeron nos últimos anos.

Dentro da serie de entrevistas cos gañadores do certame artístico Xuventude Crea, este mes os protagonistas son os integrantes do grupo santiagués Blue Meth State, gañadores do concurso na súa modalidade de música. Ademais de recoñecer que non agardaban o primeiro premio porque o seu estilo musical non é o máis frecuente nos certames, explican os preparativos para publicar un disco e as dificultades que están tendo para organizar concertos de presentación. Agradecen o impulso que lles supuxo este premio e advirten de que en canto saia o disco e poidan subir ao escenario “xa non imos parar”.

Por outra parte, Xuventude.Novas explica como participar nas votacións para escoller o ‘Cociñeiro do Ano’, nun certame con cinco xóvenes aspirantes galegos que foi convocado con motivo do Fórum Gastronómico na Coruña. Os participantes na elección a través de internet entrarán nun sorteo dunha comida en cada un dos restaurantes nos que traballan Alberto Lareo, Gorka Rodríguez, Iñaki Bretal, María Varela e Nacho Rodríguez. A habitual axenda de espectáculos e de actuacións musicais por toda Galicia para as vindeiras semanas completa esta edición.

Xuventude.Novas de febreiro de 2015

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.