A inscrición no programa “Visualizando Iniciativa Xove” continuará aberta ata esgotar as prazas dispoñibles. O programa trata de crear un espazo para a reflexión e a posta en común das experiencias levadas a cabo no ámbito do programa ‘Iniciativa Xove’, que supuxo a aposta por un novo modelo de participación xuvenil, no marco da renovación das políticas de xuventude cara programas que melloren ou faciliten a empregabilidade e o emprendemento a través da educación non formal da mocidade.
O proxecto foi seleccionado pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) dentro da convocatoria do programa MOVIC 2015. O programa MOVIC, no que poden participar as distintas comunidades autónomas, ten entre os seus obxectivos os de promocionar os albergues xuvenís e, á súa vez, fomentar a mobilidade xuvenil e os intercambios culturais entre os mozos e mozas a través da aprendizaxe mutua, facilitar a súa inserción mercado laboral, fomentar o espírito emprendedor da xuventude ou concienciar e formar en valores, entre outras.
A iniciativa terá lugar no Albergue ArtSurfCamp de Carballo. Disponse dun total de 30 prazas, que se cubrirán entre participantes no programa que teñan menos de 35 anos. Haberá un máximo de tres persoas por proxecto.
En paralelo ás actividades, gravarase unha reportaxe de docuficción na que se promocionarán as iniciativas dos asistentes, co dobre obxectivo de fomentar e contaxiar o espírito emprendedor nos mozos/as da sociedade e de ser un escaparate dos proxectos realizados conseguindo un efecto multiplicador. O vídeo servirá tamén de demostración das aptitudes dos mozos e mozas participantes poñéndoas en valor para facilitar a súa empregabilidade.
Ademais, tamén haberá unha parte lúdica, na que as persoas participantes terán a opción de iniciarse no surf ou ben coñecer o espazo próximo ao albergue incluído na Rede Natura a través dunha visita guiada.
A participación no programa é totalmente gratuíta.
Consulta o programa de actividades