Mocidade on line. Resultados

04 Set 2014

mocidadeonlineO Valedor do Pobo xunto coa Consellería de Educación, USC e Amtega realizaron o estudo "Mocidade on line" que evalúa os hábitos tecnolóxicos dos adolescentes

Fenómeno xeneralizado
Os resultados conseguidos permiten constatar que o uso de Internet entre os adolescentes galegos é un fenómeno absolutamente xeneralizado (o 97,8% utilizan Internet de xeito regular) cun 71,2% que se conectan á Rede todos os días e algo máis do 13% superan as cinco horas na mesma xornada. O mesmo pode dicirse das redes sociais, do teléfono móbil e de aplicacións de mensaxería instantánea como o Whatsapp.

O 93% dos adolescentes están rexistrados nalgunha rede social e máis da metade (51%) en catro ou máis. 9 de cada 10 adolescentes galegos de entre 12 e 17 anos teñen teléfono móbil. A idade media de acceso ao primeiro móbil é os 11,12 anos e 1 de cada 3 (33,7%) dispón de móbil antes de cumprir os 11. Por último, o 89,2% son usuarios de Whatsapp.
Os motivos polos que se conectan a Internet son moitos e variados, se ben destacan especialmente dous: precisamente o uso de aplicacións de mensaxería instantánea (75,3%) e o uso das redes sociais (66,7%).


Prácticas perigosas
O estudo inclúe datos referidos especificamente a determinadas prácticas que poderían ser consideras de risco ou potencialmente perigosas e que, nalgúns casos, chegan mesmo a constituír motivo de delito, como podería ser o ciberacoso, o sexting e a sextorsión.

Un 4% dos enquisados admitiron ter practicado sexting, ou nalgunha ocasión nos doce meses precedentes á realización do test enviaran a algún terceiro fotos ou vídeos de contido erótico ou sexual por medio de Internet. Tamén máis do 31% dos adolescentes recoñeceron ter contactado con descoñecidos no ciberespacio nun de cada tres casos quedaron fisicamente coa persoa estraña. Máis do 17% accederan a páxinas web de contido erótico.

Outras prácticas de risco evidencian a existencia de casos puntuais de acoso por medio das novas tecnoloxías entre adolescentes. Así preto dun 4% foron ameazados coa publicación de fotos ou vídeos propios sen consentimento. Un 9% sentiuse algunha vez ameazado ou humillado a través de Internet e case o 7% recoñecen ter ameazado, acosado ou humillado a outros no ciberespacio.


Uso problemático
Polo que se refire a un posible uso problemático de Internet, estímase que o 14,1% dos nosos adolescentes estarían nunha situación de risco medio-alto, mentres que o 4% presentaría xa signos manifestos dunha posible dependencia.

Os niveis de risco de uso problemático detectados son maiores entre os nenos cuxos pais non controlan o uso que fan de Internet respecto dos que o limitan, cunha porcentaxe maior tanto de casos en risco (21,2% vs. 16,3%) como de uso problemático (4,9% vs. 3,4%).

A realización dunha análise pormenorizada por segmentos sociodemográficos revela unha problemática particular no caso das mozas, con niveis de ciberacoso sensiblemente máis maiores que os mozos (11 vs. 6,9%), así como de uso problemático ou risco de dependencia (4,6% vs. 3,5%). Por cursos, os niveis de ciberacoso son maiores entre os alumnos/ás de 3º e 4º (9,9%) que entre os de 1º e 2º (8,8%), ao igual que de sexting (5,2 vs. 3%), de sextorsión (4,4% vs. 3,5%), quedar con descoñecidos (14,4% vs. 7,8%) e de uso problemático (4,4% vs. 3,7%). Todos estes datos sitúan nos 14-15 anos a idade de especial risco no uso de Internet.

Os niveis de risco detectados son tamén algo maiores nos centros privados concertados que nos públicos, con niveis maiores de ciberacoso (9,5% vs. 8,8%) e de risco de dependencia (5,2% vs. 3,6%).

Tamén se encontraron diferenzas en función do ámbito, con graos maiores de ciberacoso (9,5% vs. 8,2%) e de risco de dependencia (4,5% vs. 3,8%) no ámbito urbano que no rural.

Mocidade on line. Resultados