Segues as publicacións da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nas redes sociais? Coñeces as súas actividades? Canto sabes sobre os recursos para a mocidade que ten á túa disposición?
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha un concurso nas súas redes sociais que se desenvolverá dende o 1 e o 30 de setembro de 2014 para os efectos de agasallar aos seus seguidores.
PROCEDEMENTO DO CONCURSO
Metodoloxía.- A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado durante o mes de setembro publicará, de xeito aleatorio nas redes sociais Facebook e Twitter, 1 ou 2 preguntas relacionadas coa súa actividade.
As preguntas serán formuladas e publicadas a calquera hora do día comprendida entre as 09:00 e as 20:00 horas de luns a venres entre o 1 e o 30 de setembro.
O primeiro usuario ou usuaria que responda correctamente e que comparta a nosa publicación de xeito público en Facebook (para que non só os seus contactos, senón calquera usuario da rede poda velo), ou a retuitee no caso de Twitter, será o gañador dunha camiseta da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Para a obtención do agasallo obrigatoriamente deberán darse as dúas condicións: resposta correcta e que a publicación sexa compartida de xeito público.
Este concurso prevé a entrega dun único premio por persoa.
Procedemento de entrega da camiseta.- Tras comprobar que a resposta é axeitada, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porase en contacto co gañador a través dunha mensaxe privada pola rede social na que se formulou a pregunta, solicitando os datos necesarios para facerlle chegar o agasallo.
No caso de que o gañador ou gañadora non facilite estes datos ou sexan incompletos, perderá o seu dereito ao agasallo. Estes datos en ningún caso serán publicados.
Se o primeiro/a premiado perde o seu dereito ao agasallo, ou renuncia, procederase a adxudicar o premio ao seguinte usuario/a que respondera correctamente.
TEMAS
A temática das preguntas será variada, podendo abranguer calquera das actividades, programas e iniciativas realizadas dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, recollidas nos portais www.xuventude.xunta.es / www.xuventude.net , www.voluntariadogalego.org, e nos perfís nas redes sociais Facebook (https://www.facebook.com/xuventude.net) e Twitter (@xuventude).
PROTECCIÓN DE DATOS
En cumprimento do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais facilitados polos/as participantes nesta actividade serán susceptibles de tratamento estritamente confidencial, con finalidades técnicas, nun ficheiro no que o seu responsable será a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, autorizando a todos e cada un dos participantes para facer uso dos seus datos persoais para o fin correspondente.
Os/as participantes poderán acceder a este ficheiro en calquera momento e exercer os seus dereitos de modificación, rectificación e/ou cancelación dos mesmos, coa simple comunicación por escrito á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.