A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, abre o prazo para inscribirse no programa “ A túa primeira experiencia profesional”, un proxecto de educación non formal de aproximación dos mozos e mozas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidades dunha empresa galega de referencia.
De conformidade co artigo 7 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, a Xunta de Galicia, de cara a planificación xeral dos programas relacionados coa educación e coa execución de políticas transversais de educación a favor da mocidade, coordinará accións e medidas de apoio, dirixidas á educación formal como á non formal. E constitúe un obxectivo prioritario, entre outros, desta planificación o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente.
Obxectivos:
- Aproximación dos/as mozos/as ás distintas tipoloxías de postos de traballo existentes no mercado laboral.
- Axudar aos mozos/as na toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para os efectos de que coñezan “ a realidade da empresa” previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional.
- Que os/as mozos/as tomen contacto co eido local e se aproximen aos hábitos de traballo en distintos sectores laborais
- Apoiar aos mozos e mozas participantes en actividades de formación para adquirir coñecementos e habilidades que axuden a complementar o seu desenvolvemento persoal e futura formación profesional.
- Ofrecer á xuventude unha experiencia de educación non formal para o desenvolvemento de coñecementos, aptitudes e competencias.
Destinatarios: mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e 18 anos no momento de presentar a solicitude
Prazas: 30
Seccións: calidade e laboratorio, medio ambiente, produción, recursos humanos, reparación e mantemento, flota de barcos, procesos industriais, finanzas e contabilidade, comercial, control, enerxía, veterinaria, marketing, administración, eido local, aduanas, administración comercial, tradución, loxística.
Metodoloxía: visitas titorizadas a empresas por área de actividade elixida e ao longo de toda a súa trazabilidade por orientación/curiosidade dos/as participantes e sesións orientativas xerais (orientación e coaching grupal).
Ámbito xeográfico onde radican os centros de traballo para a realización das estancias-visitas: comarca do Barbanza.
Datas:
- Selección dos/as participantes: do 1 ao 5 de setembro de 2014
- Realización das visitas: do 8 ao 12 de setembro de 2014
Duración das estancias-visitas: 5 días hábiles cunha duración de 5 horas diarias (do 8 ao 12 de setembro).
Cobertura:
- Centro de traballo para a realización da estancia-visita
- Seguro de responsabilidade civil de cobertura mínima
- Titor durante a realización da estancia-visita
Os mozos e mozas que realicen estas estancias-vistas non quedarán vinculados á Consellería de Traballo e Benestar nin á empresa onde realicen a visita baixo ningún tipo de relación laboral ou contractual.
O centro de traballo no que o/a mozo/a realice a estancia-visita non poderá cubrir, nin sequera con carácter interino, ningún posto de traballo do cadro de persoal co participante que realice as actividades formativas non laborais na empresa.
O/a participantes non percibirá do centro de traballo ningunha cantidade pola realización das actividades formativas.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, cada participante e o centro de traballo asinarán o Anexo que recolle un compromiso de colaboración para a estancia formativa de estancias-visitas formativas non laborais no marco do proxecto “A túa primeira experiencia profesional”
Solicitudes.- As solicitudes deben presentarse a través do formulario electrónico dispoñible ao final desta convocatoria.
O prazo de inscrición: do 1 ao 27 de agosto de 2014
Selección.- Todas as persoas solicitantes serán convocadas por correo electrónico indicando día, hora e lugar, a participar nun proceso selectivo consistente na realización dunha entrevista persoal.
Para participar no proceso selectivo e posteriormente na realización das estancias –visitas deberán aportar o correspondente permiso paterno/materno ou titor legal. A non presentación do referido permiso será causa da perda da praza.
Para máis información: no correo electrónico mobilidadexuvenil@xunta.es