O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inclúe no seu número deste mes unha reportaxe sobre o récord acadado polo xoven coruñés Ernesto Fernández. Este 'speedcuber' montou en 35 horas 4.664 cubos de rubik para compoñer un mosaico de 41.976 píxeles coa cara de Neldon Mandela. Trátase ademais dunha acción solidaria coa Cruz Vermella. O récord coincide cos corenta anos da invención do popular xoguete, polo que Xuventude.Novas complementa a reportaxe con información sobre a orixe do cubo de rubik e recomendacións para resolvelo.
Ademais, a publicación ofrece unha entrevista con Alexis Parada, o gañador do concurso de talento artístico Xuventude Crea 2013, convocado pola dirección xeral, na modalidade de graffiti. Parada explica o traballo co que gañou o certame, fai un percorrido pola súa traxectoria nesta disciplina, na que recibe o alcume de O Ras, e reflexiona sobre a aceptación social, crecente pero aínda insuficiente, que recibe o graffiti.
Outro dos contidos destacados deste mes en Xuventude.Novas tamén ten que ver coa arte e coa técnica, neste caso coa do deseño. Trátase da reportaxe sobre o proxecto de Iniciativa Xove acometido polo grupo informal 'elpuntodelai'. Denominado Creactivarte, serviu para intervir co deseño en espazos públicos e con colectivos que precisan apoio á integración social. A intención deles é facer ver a utilidade de repensar as cousas, redeseñalas, para dinamizar a nosa contorna máis inmediata.
Por outra parte, a revista dixital de Xuventude ofrece a información sobre como facerse co carné de alberguista, recoñecido internacionalmente, e repasa as últimas novidades neste eido. Destaca a recepción do premio 'Hostelling International' por parte do albergue xuvenil As Corcerizas e a incorporación á Rede Española de Albergues Xuvenis do Art Camp Surf de Carballo.
Un repaso polo proxecto de voluntariado 'Cultura no Camiño', o traballo dos voluntarios ambientais contra o lume, a convocatoria de prazas para estudantes nas residencias que dependen de Xuventude e o percorrido da carpa informativa Xplora Xuventude por toda Galicia nas vindeiras semanas, completan esta edición do Xuventude.Novas, que por suposto non esquece a habitual axenda de concertos e actuacións para os vindeiros días, marcados pola proliferación de festivais musicais.
XUVENTUDE.NOVAS de xuño de 2014
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.