Concurso de deseño do cartel da Campaña Libre 2014 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

04 Abr 2014

libreA campaña LIBRE ten como finalidade fomentar a condución segura e responsable entre a mocidade galega así como as boas prácticas ao volante.

BASES

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, con motivo da posta en marcha da campaña LIBRE, convoca un concurso co fin de elaborar o cartel da dita campaña.

PARTICIPANTES

Poderán participar no concurso todas aquelas persoas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia.

TEMA

A técnica será libre. As obras deben incluír obrigatoriamente a imaxe LIBRE (que se achega nesta convocatoria) e mailo texto “ libre de alcol, libre de preocupacións.”

Admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo.

CONDICIÓNS

Cada autor/a ou autores/as poderán participar con dúas (2) obras orixinais, inéditas e en galego.

A obra premiada pasará a ser propiedade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que adquirirá sobre esta o dereito pleno á súa utilización, reprodución e difusión.

A citada dirección xeral queda facultada para introducir algunha modificación na obra premiada se existira algunha dificultade técnica para a súa impresión ou para introducir algún texto ou logotipo que non figure inicialmente nestas bases.

O cartel gañador será a imaxe da campaña LIBRE 2014 e poderá ser utilizado parcial ou totalmente para o seu deseño, páxina web ou calquera outra iniciativa que considere a organización.

DOCUMENTACIÓN

As obras presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50x70 cm, montadas en superficie ríxida (cartón pluma) que facilite a súa manipulación, e deberán estar feitas en formato dixital para poder facer as modificacións que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado considere oportunas. En ningún caso poden levar nin o nome nin a sinatura.

Os/as artistas poderán confeccionar as súas obras con liberdade de procedemento e cor.

Todas as obras irán acompañadas dos seguintes documentos:

  • Solicitude de inscrición debidamente cuberta.
  • Ao dorso de cada obra figurará un lema ou pseudónimo que servirá para preservar a identidade do/a artista ata o fallo do xurado. Este lema ou pseudónimo aparecerá, en letras maiúsculas, no exterior dun sobre pechado aparte, sen facer alusión ningunha que permita identificar ao autor/a, sendo causa de exclusión do concurso o incumprimento desta norma.
  • Dentro do sobre pechado irán os datos do/a artista: nome, apelidos, copia do DNI, idade, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono de contacto, unha declaración asinada indicando que o traballo é orixinal e inédito, ficha explicativa e CD da obra. Se se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA

O prazo de admisión das obras rematará o día 14 de maio de 2014 e poderanse enviar por correo postal a:

Concurso deseño cartel da campaña LIBRE 2014

Consellería de Traballo e Benestar

Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º

15781 Santiago de Compostela

Igualmente admitirase a entrega da documentación en calquera rexistro, en horario de 9:00 h a 14:00 h, presentando a solicitude de inscrición para o seu posterior selo de entrada.

Calquera información sobre o concurso ou solicitude de presentación a este, pode obterse mediante contacto coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nos teléfonos 981 541 689 e 981 545 822.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porá o máximo coidado nas obras recibidas, pero declina toda responsabilidade de perdas, roturas, roubos, furtos ou danos nas obras por razón de forza maior ou calquera outra causa allea á súa vontade, tanto nos actos de recepción e devolución como durante o tempo que estean baixo a súa custodia.

Unha vez recibidas as propostas e pechado o prazo de admisión, procederase á súa valoración por un xurado responsable de resolver o concurso.

XURADO

A composición do xurado farase pública na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: xuventude.xunta.es.

Composición do xurado do concurso de deseño do cartel para a campaña LIBRE 2014.

O fallo difundirase mediante unha nota na citada web e por teléfono a partir do día seguinte do fallo do concurso.

Gañador do Concurso de Deseño do Cartel da Campaña LIBRE

PREMIO

O/a autor/es/as da obra gañadora recibirá como premio un iPod e será membro do xurado da especialidade de carteis do certame Xuventude Crea 2014, condición que terá carácter retribuído.

FALLO

Antes do fallo do xurado, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado poderá levar a cabo unha exposición dos traballos presentados.

O fallo do xurado será inapelable e poderá ser declaro deserto se así o considera este.

DEVOLUCIÓNS

Para a devolución das obras non premiadas existirán dous procedementos para ser retiradas:

  • persoalmente polo seu autor/es/as ou
  • mediante delegación, por escrito, noutra persoa no lugar onde foron entregadas, no prazo de 30 días que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do/a gañador/a na web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

As obras non premiadas que non foron retiradas polos interesados no prazo establecido, pasarán á libre disposición da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A participación neste concurso implica de forma automática a plena e total aceptación, sen reservas, das presentes bases.

IMAXE LIBRE

FORMULARIO DE INSCRICIÓN