Resumo das xornadas e obradoiros de Innovación Turística na sede da Eurocidade Chaves-Verin

20 Mar 2014

IMG_9575Acaba de rematar en Verín na sede da Eurocidade Chaves-Verin os Obradoiros de Innovación Turística, un proceso creativo para mozos e mozas galegos e portugueses de 18 a 30 anos que tivo como obxectivo principal o apoio á creación de produto turístico na Eurocidade Chaves-Verin e o seu posible desenvolvemento real a partir da innovación propostas pola mocidade galega.
As sesións de traballo foron desenvolvidas o 13 e 14 de marzo e consistiron nun traballo de análise e investigación previo, un traballo creativo e dinamizador conxunto e a promoción dos proxectos creativo-turisticos da mocidade. Nestas xornadas de  Innovación Turistica participan mozos e mozas de ambos lados da fronteira nun grupo de traballo que analizou a realidade do sector e creou produto turístico moi relacionado  coas innovacións tecnolóxicas no sector: xeolocalización, realidade aumentada,...

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia organizou, no marco da Eurocidade Chaves-Verín, estas xornadas de innovación turística e un wokshop interactivo-turístico, financiadas polo proxecto EUROCIDADE II, aprobado en virtude do programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013 (POCTEP), no cal son socios a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, o Instituto Portugués do Deporte e Xuventude, o Concello de Verín ea Cámara Municipal de Chaves.

Esta iniciativa ten como obxectivo principal crear unha actividade multidisciplinar para mozos que queiran compartir experiencias no sector da innovación turística e realizar un microproxecto de turismo na Eurocidade Chaves-Verín, coa intención de promover e estimular o turismo na rexión; nela participaron dez mozos e mozas de toda Galicia que presentaron as súas iniciativas a realizar nun curto prazo de tempo. Tamén se analizaron os recursos da zona, así como as súas posibilidades de futuro.

De dito encontro tamén se chegou ao acordo de crear un Grupo de Traballo Empresarial da Eurocidade que terá reunións periódicas para avaliar a boa marcha dos proxectos comezados.

Destacar que o coach e os participantes foron invitados, en grupos reducidos, a visitar as escavacións do Balneario Romano de Chaves, unha obra termal que se mantén intacta dende a época romana e que está en fase de escavación; o que probablemente será coñecido como o máis grande balneario romano do mundo.

Sobre o referido balneario construirase, segundo explicacións dos arqueólogos un museo que está previsto rematar aproximadamente para setembro de 2014.