Proxecto “Aval xóvenes” (O traballo dos xóvenes, aval para o futuro dos territorios rurais)

17 Xan 2014

AVAL_XOVENESA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar abre o prazo para a inscrición no proxecto “Aval xóvenes” (O traballo dos xóvenes, aval para o futuro dos territorios rurais) , proxecto enmarcado no programa europeo Garantía Xuvenil,  Eixo C: enfoques innovadores para os/as mozos/as que se atopan con múltiples barreiras de cara a súa inserción laboral.

Son socios do proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a Dirección Xeral de Emprego e Formación, a Deputación provincial da Coruña; a Federación EFA de Galicia (Escolas Familiares Agrarias); a Asociación Adterra (Asociación para o desenvolvemento dos territorios polos actores locais); a Asociación Finisterrae  de profesionais do desenvolvemento local (AFIPRODEL); a Asociación de empresarias do rural (ASER); a Delegación SECOT Coruña  (Seniors españois para a cooperación técnica); e a Asociación de xóvenes empresarios de Bergantiños (AXOBER)

Obxectivos.- Os obxectivos específicos do proxecto son:

-          Favorecer a integración no mercado laboral de mozos e mozas a partir de enfoques innovadores.

-          Facilitar aos mozos/as participantes a súa orientación profesional e inserción laboral, ofrecéndolle apoio para a creación da súa propia empresa, para materializar un proxecto de emprego/empresa nos territorios de actuación, beneficiándose dos privilexios das zonas rurais.

-          Garantir aos xóvenes o cumprimento do obxectivo anterior, apoiándoos a coñecer e valorar máis o seu territorio ou marco local de vida, para reforzar as súas señas de identidade e despertar o seu interese por asentarse profesionalmente no mesmo e contribuír ao seu desenvolvemento.

-          Impulsar a promoción de territorios rurais.

Destinatarios/as.- Xóvenes empadroados/as nalgún concello de Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos cumpridos no momento da convocatoria cunha idea emprendedora para desenvolver no ámbito do rural que estean nalgunha das tres situacións seguintes:  rematando a súa cualificación profesional; que xa remataran a súa cualificación profesional e se atopen en situación de desemprego; ou ben mozos/as sen cualificación profesional e en situación de desemprego.

Número de prazas: 50, divididos en dous grupos de 25 persoas (Coristanco e Melide).

Localización.- A localización do proxecto está prevista que se desenvolva en dúas zonas rurais da provincia da Coruña:

-          Na zona da Costa da Morte: Concello de Coristanco

-          Na zona interior: Concello de Melide

Duración.- de febreiro a novembro de 2014

Prazo de inscrición.- do 17 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2014

 Inscricións.- Mediante o envío do formulario electrónico que figura ao final desta convocatoria.

 Os/as seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación de praza, con indicación do día e lugar de inicio da fase de formación.

Se no prazo dos cinco días seguintes á finalización do prazo de inscrición, os/as solicitantes non recibiron correo de confirmación, se entende que non obtiveron praza.

 Criterios de adxudicación das prazas.- Para a adxudicación das prazas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado terá en conta os seguintes criterios:

-          Descrición no momento da solicitude por parte do/a interesado/a da idea emprendedora  vinculado co medio rural que pretende levar a cabo.

-          Vinculación dos participantes co medio rural e interese por desenvolver un proxecto profesional no mesmo.

-          Nivel de formación e/ou cualificación inicial

 Metodoloxía.- itinerario formativo; traballo práctico e taller de proxectos.

 No marco de desenvolvemento do programa pode darse a posibilidade de realización de prácticas formativas en empresas do sector profesional de referencia, segundo as necesidades individuais de cada participante e a criterio do equipo de formación.

Así mesmo, durante o prazo de execución do proxecto, os/as participantes poderán ter acceso á información dos recursos, actividades e liñas de axuda dos socios do proxecto.

O proxecto executarase en tres fases sucesivas:

1º) Fase de composición inicial dos dous grupos de traballo ( 17 de xaneiro – 2 de febreiro)

2º) Fase de formación (6 meses: febreiro – agosto)

3º) Taller de proxectos (4 meses: agosto – novembro).

 A cronoloxía das fases dúas e tres adaptarase a grao de maduración e desenvolvemento da idea emprendedora do/a participante.

Fase de formación – acción terá unha duración de seis meses (de febreiro a agosto de 2014), e integra a configuración dos contidos temáticos (unidades didácticas específicas), os traballos lectivos ou de grupo e os traballos prácticos no territorio.

Esta fase caracterizarase pola aplicación dun réxime de alternancia educativa a seguir  polos/as participantes entre os seus períodos de traballo lectivo na sede social da acción  - Coristanco ou Melide - (dúas xornadas semanais en horario de mañán durante os seis meses), e os períodos de traballo práctico no seu propio entorno ou marco de vida.

No ámbito deste traballo, especialmente no marco dos traballos prácticos, os xóvenes analizarán e valorarán experiencias innovadoras que poderán ser tidas en conta no proxecto de empresa/emprego que están a realizar.

No desenvolvemento desta fase, o equipo de formación levará a cabo un asesoramento personalizado en atención ás necesidades individuais de cada participante.

Taller de proxectos, de catro meses de duración (agosto a novembro) os/as participantes acudirán libremente á sede local do programa (Coristanco ou Melide) para rematar ou ultimar a elaboración do seu proxecto de empresa/emprego, así como a súa execución e lanzamento, en réxime de traballo personalizado e co apoio do equipo técnico.

 

Ver máis