Os usuarios do ‘Carné Xove’ poderán beneficiarse de descontos para acudir aos partidos da Sociedade Deportiva Compostela

22 Nov 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Sociedade Deportiva Compostela, Antonio Quinteiro, asinaron hoxe un acordo de colaboración neste sentido

Os posuidores do Carné Xove poderán facerse cun abono para o que resta de tempada por 30 euros, fronte aos 90 que custa o abono ordinariocarne_xove

A dita tarxeta proporciona aos seus máis de 58.000 usuarios galegos diversas vantaxes, tales como descontos e ofertas especiais nos máis de 2.500 establecementos adheridos ao programa en Galicia

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Sociedade Deportiva Compostela, Antonio Quinteiro, asinaron hoxe un acordo de colaboración para que os mozos e mozas que teñan o Carné Xove poidan atopar vantaxes e descontos para asistir aos partidos deste equipo no estadio de San Lázaro.

Deste xeito, os posuidores do Carné Xove poderán facerse cun abono para o que resta de tempada por 30 euros, fronte aos 90 que custa o abono ordinario. Ademais, a entidade compostelá tamén cederá entradas para determinados partidos, para ser sorteadas entre os usuarios do carné xuvenil.

O Carné Xove conta xa con máis de 25 anos de historia desde a súa orixe no Protocolo de Lisboa de 1987. Este sinala como beneficiarios aos mozos e mozas de entre 16 e 26 anos, se ben en Galicia estendeuse voluntariamente ata os 30 anos.

Esta iniciativa proporciona aos seus máis de 58.000 usuarios galegos diversas vantaxes, tales como descontos e ofertas especiais nos máis de 2.500 establecementos adheridos ao programa en Galicia e aos do resto de comunidades autónomas e dos 40 países europeos que participan nel.

Ademais, teñen dereito á rebaixa de ata un 25% nas iniciativas que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, tales como a Campaña de Verán, os programas de mobilidade e de ocio alternativo. Inclúe un seguro gratuíto de viaxe, que cobre calquera continxencia dos mozos nos seus desprazamentos ao estranxeiro.