Mocidade non Stop achegou a creatividade ao rural a través de Iniciativa Xove

19 Nov 2013

O proxecto “Rural play and dance” levouse a cabo a través da execución de diversas actividades que achegaron múltiples ámbitos da cultura urbana a unha comarca puramente rural. Os mozos e mozas compoñentes deste grupo informal pertencen a comarca da Barcala na que, a pesar de estar situada a tan só 20 Km da capital de Galicia, existen determinados aspectos culturais que non están tan presentes no día a día do seu entorno e realidade. O obxetivo foi acurtar distancias, mellorar as oportunidades dun ocio construtivo, facendo posible que moitos máis mozos e mozas disfrutasen dunhas sesións de fomento da participación e creatividade onde se achegaron ao mundo do graffiti, do breackdance e do skateboard.

 As actividades que se realizaron nesta iniciativa xove foron:

Arte nas paredes: Iniciación ó graffiti. Comprensión das diversas técnicas necesarias para a realización dun mural a través dun obradoiro práctico.

Móvete co skate: Xincana de skateboarding, fomento de exercicio físico, equilibrio e adaptación dun xogo tradicional cun modelo actual.

Dance na rúa: Coñecemento dos ritmos da cultura urbana: rap,hip-hop, acompañados do baile e movementos propios do mesmo.

Iniciativa Xove permite sufragar ata o 100 por cento das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 4.000 euros. Todas as entidades e grupos que percibiron esta axuda, recibiron un anticipo do 80 por cento sobre o total da cantidade concedida. Este feito permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.

A estas axudas poden acollerse tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas.