
Ademais, nesta edición Xuventude.Novas dá conta de diversos investimentos que, tras a fin de tempada estival, se acometen nas instalación xuvenís autonómicas. O programa supón empregar máis dun millón de euros. Un dos principais será o do complexo xuvenil das Mariñas, no municipio coruñés de Bergondo, cunha serie de melloras valoradas en 300.000 euros. Non obstante, o programa de investimentos beneficiará a varios albergues e campamentos máis, con obras de mantemento e de reforma que teñen por obxectivo manter as instalacións en óptimas condicións de uso.
Polo demais, este número recolle a información sobre o convenio asinado entre a Xunta e NovaGaliciaBanco para seguir impulsando o Carné Xove. Entre as novidades deste documento, que supera xa os 56.000 usuarios, está unha nova aplicación para teléfonos intelixentes, que por exemplo permite buscar tendas ou servizos que admitan o Carné Xove, ou recibir alertas coas novas ofertas do programa.
Outro contido destacado deste número de Xuventude. Novas é unha reportaxe sobre a web/app ‘Orquestras de Galicia’, que puxeron en marcha con grande éxito dous xóvenes informáticos galegos: Samir Ferizovic e Diego Muíño. Entre as utilidades do seu servizo figura unha completísima axenda coas actuacións de múltiples orquestras, grupos, charangas, solistas, discotecas móbiles…, ademais dunha ampla información sobre eles.
Por último, destaca, xusto antes da habitual axenda de actuacións musicais para as vindeiras semanas, unha entrevista coa banda de blues-rock ‘Nagai’, de Marín. Nela explican a súa traxectoria e o seu propósito de que nin os seus sons nin as súas letras deixen indiferente a ninguén.
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.