A asociación Sustinea en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, clausuraron o 29 de setembro no Monumento Natural de Pena Corneira, a primeira edición dos ‘Monográficos de mostraxe: Achegándonos á fauna salvaxe’, unha actividade incluída dentro do programa ‘Iniciativa Xove’ da Xunta de Galicia.
Nestas xornadas, que se repartiron en catro fins de semana no mes de xullo e setembro, Sustinea e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración con outras entidades adicadas ao estudo e conservación da natureza, diron a coñecer de xeito práctico o comportamento dos animais no seu propio medio natural, e ao mesmo tempo, os/as participantes puideron observar con detemento escenarios, restos e indicios que deixan ao seu paso os animais salvaxes, aportando toda a información precisa para coñecer máis sobre a súa bioloxía e a súa conservación.
Todas as xornadas celebráronse no ‘Espazo de Participación Ambiental Pena Corneira’ xestionado por Sustinea en colaboración do Concello de Leiro, situado en pleno Monumento Natural da Serra de Pena Corneira, onde ademais, aproveitouse a oportunidade para facer un inventario das especies que alí habitan.
Deste xeito, cada fin de semana estivo adicado a un grupo animal en concreto:
- Fin de semana do 28-29 de xullo: Métodos non Invasivos para a detección da fauna silvestre.
- Fin de semana do 8-9 de setembro: Detección e identificación de morcegos mediante sondaxes acústicos e estacións de captura.
- Fin de semana do 22-23 de setembro: Técnicas de mostraxe de mamíferos e micromamíferos.
- Fin de semana do 29-30 de setembro: Estudo de anfibios e réptis de Galicia. Bioloxía e Conservación.