Conexión Xove

Dende a Asociación Galega de Desenvolvemento Social, AGADES, plantexamos desenvolver o proxecto CONEXIÓN XOVE, como un proxecto que trata
ba de promover a participación activa entre a xuventude e o empoderamento xuvenil.

CONEXIÓN XOVE constituiu un proxecto que buscaba promover entre a mocidade unha conciencia de necesidade de participación activa no entorno que os rodea, máis se cabe neste contexto de crise actual.

A implicación das mozas e dos mozos na execución de proxectos dirixidos a elas e eles, constituiu unha ferramenta pedagóxica extraordinaria para favorecer a súa participación activa.

Mediante accións previas de traballo e intercambio de experiencias entre distintas asociacións xuvenís, o traballo de difusión en institutos de Educación Secundaria así como a culminación do proxecto coa elaboración dunha publicación recompilatoria da experiencia, dinamizouse ao colectivo xuvenil, de cara á súa participación activa na sociedade civil, desenvolvemento a través de organizacións, fomento do voluntariado.

Nesta liña de acción, os obxectivos específicos que se desenvolveron co proxecto CONEXIÓN XOVE, foron:

  • Promover a cidadanía activa da xuventude a fin de aumentar os baixos niveis de participación e implicación xuvenil que se rexistran a nivel autonómico, estatal e europeo.
  • Reflexionar e dotar de recursos aos profesionais das asociacións xuvenís para empoderar o colectivo xuvenil.
  • Fomentar o contacto entre asociacións e potenciar o asociacionismo e o voluntariado entre a mocidade.
  • Desenvolver un diálogo fluído que inclúa tamén a mozos e mozas que non sexan membros de organizacións, a través de accións de difusión en institutos de Educación Secundaria
  • Intercambiar experiencias no ámbito da información e o traballo cos mozos e mozas, coñecendo exemplos de actividades e prácticas.
  • Contribuír a mellorar a calidade dos sistemas de apoio ás actividades xuvenís.